0 Gardados para despois

Cineuropa chega aos 30 anos con máis de douscentos filmes

Redacción | @prazapublica

Enchente de cinema en Santiago, un novembro máis. Cineuropa, o festival cinematográfico de referencia na capital galega chega neste 2016 á súa trixésima edición e faino con algo máis de dous centos de filmes que serán proxectados en seis espazos composteláns dende o día 8 e ata finais de mes. O cineasta Carlos Saura, a actriz Lola Dueñas e Chema Prado, ex-director da Filmoteca Española, serán as persoas distinguidas cos galardóns dun festival que, na súa sección oficial, porá en competición 30 películas "dos grandes autores" da actualidade.

Olivier Assayas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xavier Dolan, Bertrand Bonello, João Pedro Rodrigues, Ulrich Seidl, Bruno Dumont, Cristi Puiu ou Alain Guiraudie, son algúns dos realizadores que pasarán por unha sección oficial na que desta volta tamén hai un nome galego, Oliver Laxe, que presentará en Compostela o seu filme 'Mimosas', distinguido na Semana da Crítica de Cannes.  Incorpórase tamén a esta sección o catalán Albert Serra, que presentará 'La Mort de Luis XIV'.

A sección Panorama Internacional é outro dos puntos fortes deste Cineuropa de aniversario. Os últimos traballos do norteamericano Paul Schrader ou dos coreanos Park Chan-Wook e Hong Sang-Soo compartirán protagonismo co iraniano Asghar Farhadi e o brasileiro Klever Mendonça. Dende o festival que dirixe José Luis Losa ponse tamén o acento na presentación de "dous dos filmes máis controvertidos da temporada": 'The Neon Demon', de Nicolas Winding Refn, e adaptación cinematográfica do relato de Javier Marías 'Mientras ellas duermen', que dirixe Wayne Wang.

O galego Oliver Laxe presentará o seu filme 'Mimosas' dentro da sección oficial

Alén da Sección Oficial e do Panorama Internacional as fitas que pasarán por Cineuropa neste mes distribúense noutras seccións como Fantastique Compostela, Docs Cineuropa, Docs-Music, Latido Americano, Cine e Tupamaros: da loita armada á presidencia ou o dedicado a María Casares, realizado en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). No vixésimo aniversario do pasamento da actriz, o día 22, recuperarase o histórico programa de TVE 'A Fondo', no que Casares foi entrevistada por Joaquín Soler Serrano. A continuación proxectarase a película 'Le Testament D'Orfhée' (Jean Cocteu) e ao día seguinte, 'Les Enfants du paradis' (Marcel Carné).

Unha homenaxe a María Casares e unha proxección de 'Metrópolis' cun concerto da Real Filharmonía son algunhas das actividades senlleiras da trixésima edición do festival

A francesa Pascale Breton, o arxetino Eugenio Canevari ou os españois Alberto Morais e Adolfo Dufour serán algúns dos cineastas que participen nesta nova edición, que tamén contará con citas como a xa tradicional Maratón ou unha proxección da emblemática 'Metrópolis' cun concerto da Real Filharmonía de Galicia. Segundo especifica a organización do festival, presentado este xoves por Losa xunto ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a edil de Acción Cultural da cidade, Branca Novoneyra e mais o director da Agadic, Jacobo Sutil, as entradas de Cineuropa manteñen o prezo de 4 euros por separado e de 3, no abono de dez filmes.

Desta volta as actividades de Cineuropa distribuiranse, ademais de en espazos habituais como o Teatro Principal, o Salón Teatro, o CGAC, a sede de Afundación ou Auditorio de Galicia, na sala Numax. Arredor duns 80 dos 213 filmes do festival serán de pagamento. Dende a organización convídase, asemade, a "compartir lembranzas" destas tres décadas a través da etiqueta #Cineuropa30 nas redes sociais e a consultar "todos os programas de man e a lista das case 3.000 películas que se puideron ver no festival dende o seu inicio" na web do festival.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.