The Deep Blue Sea, "unha película de amor perfecta"

The Deep Blue Sea © Praza Pública

É fermoso e gratificante participaren como espectador do proceso arcano no que un filme vai adquirindo a súa alma. Son moitas, demasiadas as ocasións nas que ese espírito, esa esencia, xamais chega a manifestarse. Así como tamén son frecuentes (e igualmente insatisfactorios) os casos nos que o cultivador non permite á semente xermolar abondo, arrincando un froito arrincado aínda a medio madurar, duro e desaborido. Mais, ás veces, de cando en cando, un inzo chega ás mans dun alquimista sensitivo, coidadoso e paciente, cunha perceptibilidade extraordinaria para saberen escoitar o que o grao ten que dicir. 

Logo de máis dunha década sen dirixir ficción (en concreto dende 2000, ano da estrea de The House of Mirth), Terence Davies aceptou o convite da Sir Terence Rattigan Trust a adaptaren algunha das populares obras do dramaturgo inglés

Logo de máis dunha década sen dirixir ficción (en concreto dende 2000, ano da estrea de The House of Mirth), Terence Davies aceptou o convite da Sir Terence Rattigan Trust a adaptaren algunha das populares obras do dramaturgo inglés, entre as que destacan varias pezas escritas e ambientadas no Londres de posguerra, durante a primeira década despois da Segunda Guerra Mundial. Cando preguntaron a Davies que lle motivou para escoller The deep blue sea, o este respondeu, simplemente, “I thought, I know what this one is about” (“pensei, sei de que trata esta”).

Sen dúbida, o emblemático cineasta británico ten coñecemento de causa abondo para asimilar de que, como, cando, onde, porque e para que(n) está a falar o seu homónimo Rattigan. No obstante, Davies naceu en Liverpool apenas seis meses despois do final da IIGM, e criouse durante os abúlicos anos da posguerra nunha cidade na que, ao igual que Londres, as arrepiantes pegadas do Blitz eran visibles en cada curruncho.

A súa historia, o seu amor e o seu infortunio, adquiren xa dende o comezo a intensidade, a emotividade e o sentimentalismo dunha traxedia clásica, malia o seu vontade por desdramatizar a súa situación: “triste, talvez, máis sen chegar a Sófocles”, sentencia

Precisamente esas ruínas, os cascallos dun edificio bombardeado pola aviación nazi, son a primeira imaxe que vemos en The deep blue sea, punto de inicio dun marabilloso movemento de dolly que ascende pola fachada nocturna dun vello edificio ata achegarnos á xanela (e á face) de Hester, a desventurada heroína deste formidable melodrama. A súa historia, o seu amor e o seu infortunio, adquiren xa dende o comezo a intensidade, a emotividade e o sentimentalismo dunha traxedia clásica, malia o seu vontade por desdramatizar a súa situación: “triste, talvez, máis sen chegar a Sófocles”, sentencia nun momento determinado.

O preludio do filme dá boa conta da abraiante destreza de Davies para harmonizar dentro dunha mesma obra a ostentosidade dunha recreación minuciosa e extremadamente detallista do Londres de comezos dos anos cincuenta, a calculada precisión de elegantísimos movementos de cámara, a intimidade dunha iluminación que funde insólitamente o lóbrego e mailo cálido, e a volcánica erupción das paixóns humanas máis instintivas e incontrolábeis. Nesta admirable secuencia de apertura, de oito minutos de duración, presenciamos os preparativos do posterior intento de suicidio da protagonista e, paralelamente, a través de flashbacks segmentados, os motivos que a conduciron semellante decisión. Todo ilo acompañado da partitura do Concerto para piano de Samuel Barber.

Tardaremos tempo en esquecer a impresionante e emotiva actuación dunha conmovedora Rachel Weisz

Tardaremos tempo en esquecer a impresionante e emotiva actuación dunha conmovedora Rachel Weisz, mais, sobre todo, será difícil borrar da nosa retina as excepcionais mostras do enxeñoso e delicioso talento de Davies, como no caso do plano xiratorio cenital dos dous amantes no leito ou o maxistral travelling-flashback no que a protagonista rememora o refuxio antiaéreo na estación do metro de Aldwych, onde un grupo de cidadáns cantan Molly Malone mentres as bombas nazis desolan a cidade.

The Deep Blue Sea © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.