“Figuras como a de María Casares conectan a Galicia antifranquista coa loita antifascista de toda Europa”

María Lopo © AAAG

O próximo martes, 22 de novembro, é o vixésimo aniversario do falecemento da actriz María Casares. A intérprete, nacida na Coruña en 1922, converteuse en Francia -país que a acolleu no exilio- nun dos grandes nomes do teatro galo do século XX. Filla de Santiago Casares Quiroga, abandonou á Coruña en 1931, tras a proclamación da República, para trasladarse co seu pai a Madrid. Tras o golpe militar de Franco, unha adolescente María Casares exerceu de enfermeira do bando republicano até novembro de 1936, momento no que inicia foxe a París. Alí, na capital francesa, estuda no Conservatorio e estréase no mundo escénico en 1942 no Teatro Les Mathurins da man de Marcel Herrand. A partir dese debú, María Casares iniciou unha carreira meteórica no teatro e tamén no cine, xénero no que traballou con directores tan destacados como Marcel Carné, Jean Cocteau ou co Nobel Albert Camus, co que mantivo unha longa relación afectiva, intelectual e amorosa. Agora, vinte anos, despois do seu falecemento, Cineuropa e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organizan un ciclo o próximo martes para lembrar a María Casares. Praza Pública aproveita a ocasión para conversar con María Lopo, investigadora ao redor da figura da actriz e autora do libro O tempo das mareas (Consello da Cultura Galega, 2016), biografía en clave galega de Casares.

María Casares é unha lenda do teatro en Francia e conta cun gran recoñecemento por parte do público e da crítica. Malia todo, nesta súa terra non parece que sexa moi coñecida...

María Casares fixo a súa carreira alí. É dicir, María Casares é unha actriz francesa e por iso ten a presencia que ten aló, dende logo moito máis que en Galicia.  É normal, sendo o seu traballo desenvolvido en francés, que teña ese recoñecemento...

"En Galicia hai tres sectores que sempre traballaron ao redor da súa figura e o seu recoñecemento: o feminismo, a memoria histórica e o teatro"

Mais non é tan normal que aquí non se coñeza a súa vida, non?

En Galicia hai tres sectores que sempre traballaron ao redor da súa figura e o seu recoñecemento: o feminismo, a memoria histórica e o teatro. Para min, resulta moi importante o que está a facer a AAAG este ano de recuperar a súa figura. Agora ben, o que fai falla é unha maior divulgación e que chegue a todos os sectores da sociedade. É unha figura que cómpre coñecer.

"Eu creo que non puido regresar dende o punto de vista máis profundo, dende o punto de vista máis vital: era unha exiliada"

María Casares marchou de Galicia en 1931, cando Casares Quiroga foi nomeado ministro da II República. Nas súas memorias, Residente Privilexiada, a actriz dicía que ese fora o primeiro exilio. Despois, no 1936 chegaría o segundo. Non obstante, era o primeiro, o deixar Galicia, o que máis lle doeu. Malia todo, María Casares nunca quixo regresar a Galicia e nunca o fixo. Por que?

Quixo e non quixo... É dicir... Realmente, eu creo que non puido regresar dende o punto de vista máis profundo, dende o punto de vista máis vital: era unha exiliada. E sempre digo que houbo dúas razóns para non regresar. O primeiro, a fidelidade ao pai e á familia. A súa irmá, Esther, e a súa sobriña quedaron na Coruña e sufriron a represión de forma moi dura. Para María Casares, a memoria da súa familia non foi reparada nin recoñecida. Nin tampouco se reparou o dano que sufriron. Ela sempre dicía que quen deberían ser recoñecidas eran a súa irma e a súa sobriña, non ela. Ela marchou, pero elas quedaron e sufriron a represión. Iso é un motivo moi importante para non volver.

"Tiña medo de atopar unha Coruña demasiado diferente á súa Coruña, á Coruña da súa infancia. Tamén tiña medo de ver unha casa familiar totalmente abandonada e, por suposto, tamén tiña medo de non ver unhas xentes que xa non estaban alí"

O segundo, era a súa natureza de exiliada. Eu coñecín moitas persoas en Francia do mundo do exilio e para moitas delas foi imposible volver. É que é difícil volver a un lugar que xa non existe, non? É dicir, é unha cousa profunda e moi difícil. O lugar de onde es desapareceu e seguiu, seguiu sen ti. Moitos exiliados que intentaron regresar a España en 1975 tiveron que recuar, non foron quen. A María Casares pasáballe iso. Tiña medo de atopar unha Coruña demasiado diferente á súa Coruña, á Coruña da súa infancia. Tamén tiña medo de ver unha casa familiar totalmente abandonada e, por suposto, tamén tiña medo de non ver unhas xentes que xa non estaban alí. Ese é o gran medo dos exiliados e María Casares era unha exiliada. Ademais, en moitos sentidos.

En que outros sentidos?

No teatro. Para ela, o teatro era un lugar construído por exiliados. O amor, para ela, tamén era un asunto propio do exilio. Pensa que, nas súas memorias, cando describe o seu primeiro encontro con Albert Camus... Pois xa fala do exilio. Di algo así como que recoñecía en Camus esa forza dobrada que ten o exiliado. E Camus, tamén hai que dicilo, era un exiliado en outros moitos sentidos. Tamén tiña unha terra, Alxeria, que xa non sabía se existía ou non. A marca do exilio era algo que tiñan en común os dous. Despois, na súa propia maneira de vivir, María Casares tamén era unha exiliada. Tiña grandes dificultades para enraizase e por iso, durante moito tempo, viviu como nunha tenda de nómades, en fogares sen mobles. Ela describía así o seu fogar durante moito tempo.

"Cando describe o seu primeiro encontro con Albert Camus... Pois xa fala do exilio. Di algo así como que recoñecía en Camus esa forza dobrada que ten o exiliado"

No seu libro, O tempo das mareas, inclúe novidades sobre a vida de María Casares. Quizais, unha das máis interesantes, refírese á familia materna. Dáse a circunstancia de que en María Casares conflúen dous mundos ben diferentes. Porque o seu pai, Casares Quiroga, formaba parte da burguesía máis adiñeirada. Pola contra, a súa nai, Gloria, viña da clase traballadora...

María Casares, nas súas memorias, fala da súa familia materna. Recolle, dalgún xeito a memoria oral. Faino de maneira moi digna e faino cunha enorme sinceridade. Non obstante, hai cousas nas que se trabuca. A memoria pode chegar a ser traidora... Eu quixen investigar esa familia da nai e descubrín que a súa avoa era cigarreira. Traballaba na Fábrica de Tabacos da Coruña e tiña un cargo importante, era mestra de labores. Tiña ao seu cargo a unhas cen traballadoras. E se descubrín o nome da súa avoa, o seu cargo, a súa ascendencia no mundo obreiro, foi grazas aos listados de persoal da Fábrica de Tabacos que se conservaron da man de Luís Alonso, catedrático da Universidade da Coruña. Paréceme interesante destacalo, porque eses documentos son moi importantes para coñecer e estudar as mulleres do mundo obreiro.

"En María Casares conflúen dous mundos ben diferentes. Por un lado a burguesía, polo outro a familia materna, formada por mulleres proletarias e galegofalantes"

E efectivamente, en María Casares conflúen dous mundos ben diferentes. Por un lado a burguesía, polo outro a familia materna, formada por mulleres proletarias e galegofalantes. Creo que o mundo da nai sempre foi moi importante para María Casares, quizais máis que o do pai. Porque María xamais se separou da súa nai.

E que representaba Casares Quiroga e o seu mundo para María Casares?

El era a cultura da palabra escrita, a cultura da biblioteca. Tamén representa o humor galego, a retranca. Iso dende a infancia. Xa máis adiante, xa no exilio, María descobre a dimensión política de Santiago Casares Quiroga. Antes, éralle difícil. Era moi nova, cando comezou a Guerra tiña só 13 anos.

Cando se fala de María Casares, destácanse quizais tres esferas claras: a de muller, a de actriz e a de exiliada. Quizais cómpre destacar tamén a María Casares comprometida, a María Casares activista? Dígoo porque, na súa biografía, destacan moitos momentos de compromiso ético, como por exemplo cando exerceu de enfermeira na Guerra Civil. Ou, cando xa estando no exilio, acolleu na súa casa de París, en plena ocupación nazi, a outros exiliados españois e a xudeus perseguidos polo III Reich. Tamén chegou a ter relación coa Resistencia despois de coñecer a Camus...

Hai un compromiso ético claro en todas as esferas, tamén na súa vida profesional. Nos sindicatos de actores de Francia, conservan cartas entre María Casares e Gerard Philipe, actor francés que se encargou moito do sindicalismo dos actores en Francia. Son cartas nas que discutían sobre cuestións laborais, sobre enfoques... María Casares sempre reivindicaba a dignidade do oficio e defendía o respecto polo traballo de actriz.

"María Casares sempre reivindicaba a dignidade do oficio e defendía o respecto polo traballo de actriz"

E logo, claro está, mantiña un forte compromiso ético cos perseguidos, tanto con refuxiados coma cos xudeus. Xa antes de coñecer a Camus, María Casares participaba e colaboraba con diferentes actos clandestinos. Falamos da ocupación nazi, nun momento moi perigoso no que simplemente ler a Machado nunha recadación de fondos xa era todo un acto de resistencia. E ao longo da súa vida, pertenceu ademais a diferentes asociacións de apoio a refuxiados. A min gústame reivindicar o compromiso dela e da súa nai coas xentes perseguidas, coma os xudeus. Un compromiso que quedou moi claro coa súa amiga Nina  Reicyn. 

Quen era Nina?

María Casares fala desta amiga, Nina, nas súas memorias. Era unha muller xudía que se refuxiaba na casa de María e da súa nai. Cando comezaron as redadas contra os xudeus en París, as operacións desenvolvíanse pola noite. Entón, eles o que facían era durmir en casas alleas, todos separados... Mais o asunto cambiou en xullo de 1942, coa gran redada do Velódromo de Inverno. Nesa redada levaron a Nina e a outros moitos milleiros de xudeus. A min, esa solidariedade de mulleres como María Casares e a súa nai, que sabían moi ben o que era o fascismo, paréceme moi emocionante.

"Gústame reivindicar o compromiso dela e da súa nai coas xentes perseguidas, coma os xudeus. Un compromiso que quedou moi claro coa súa amiga Nina Reicyn"

María Casares, nas súas memorias, describía a súa amiga Nina case como unha adolescente, pero Nina xa era toda un muller, doutora da Sorbona. Estaba a preparar o seu doutoramento nun campo que estaba a nacer naquela altura: a psicopedagoxía na infancia. Era dunha familia xudía rusa que fuxira do seu pais durante a Revolución Rusa. Nina coñeceu a María e axudouna cos estudos cando facía bacharelato. Durante a ocupación, Nina gorecíase na casa de María e da súa nai porque, ao final, sempre dicían unha cousa: Quen vai vir buscar a unha xudía perseguida á casa de dúas refuxiadas españolas irregulares?

"Foi capturada en xullo de 1942, xunto a trece membros da súa familia. Todos foron deportados a Auschwitz. Alí, morreron todos"

Sábese que foi de Nina?

María Casares nunca o soubo e por iso investigueino. Pensei que, dalgún xeito, había que darlle unha resposta. Foi capturada en xullo de 1942, xunto a trece membros da súa familia. Todos foron deportados a Auschwitz. Alí, morreron todos. Cando descubrín a súa historia, volvín reler un libro de Patrick Modiano, Dora Bruder. Modiano, nese libro, novela a vida dunha rapaza xudía real que foi deportada. Relín ese libro porque o que conta Modiano era moi parecido o que viviu Nina, o que sufriu Nina. Era tan parecido que, polo que descubrín, as dúas foran deportadas no mesmo tren.

María Casares nunca soubo o final de Nina e parecíame interesante investigalo. Porque María conservou toda a vida unha foto de Nina na súa casa. Conservou toda a vida a súa memoria e a súa imaxe. Unha imaxe que, dalgún xeito, pecha o círculo. Porque eu dei coa sobriña neta de Nina, que casualmente traballou como actriz durante moito tempo e que traballou, por exemplo, con actores como Patrick Chéreau, que era moi amigo de María Casares. Eu conteille á sobriña da relación de Nina con María Casares e quedou abraiada, emocionada. Non sabía nada. E agora, esa foto que conservou Casares de Nina chegará a súa familia.

Todo é circular nesta vida...

Si, dende logo. Pero realmente é o compromiso de María Casares o que lle devolve esa foto á familia de Nina... Vaia, non estou falando nada de María Casares, pero creo que esta historia é importante.

"Non hai que esquecer que os primeiros antifascistas europeos foron os españois"

Por que?

Porque con este tipo de cousas, demóstrase que a figura de María Casares, figuras como a súa, conectan a Galicia antifranquista co mellor que había na Europa dos trinta e corenta: coa axuda aos perseguidos, coa loita antifascista. Non hai que esquecer que os primeiros antifascistas europeos foron os españois.

Falamos da María Casares exiliada, da María Casares comprometida... Agora toca falar da María Casares actriz. Que significa María Casares na Francia teatral?

A interpretación de María Casares cambiou as normas da representación do teatro francés. Imos ver... A escola de interpretación francesa é unha escola cunha gran dedicación á dicción e un gran respecto ao texto. Pero ao mesmo tempo, é dunha gran distancia con respecto do texto. O texto, para os actores franceses, era intocable. Ela chega, non ten esa formación tan marcada nin tan ríxida, e chega cunha gran liberdade cara ao texto. Entón, podemos dicir que é un encontro feliz dun corpo e dunha voz que si, que respectan o texto, pero que o fan seu. Resulta unha interpretación moi literaria, moi corporal co texto e que rompe a súa distancia. Había actores que podían interpretar calquera texto, dáballes igual por esa distancia. María non podía. Dicíao ela. Ela tiña que conectar co texto, vivilo sen distancia. E non todos os textos llo permitían.

"Había actores que podían interpretar calquera texto, dáballes igual por esa distancia. María non podía. Dicíao ela. Ela tiña que conectar co texto, vivilo sen distancia. E non todos os textos llo permitían"

Marcou escola entón?

Máis que escola, foi unha mudanza total. Modificou o teatro francés. E quero pensar que o modificou dalgún xeito, en clave galaica. É dicir, na súa interpretación está a súa Galicia, está a natureza, o berro e a idea de que o mundo pode cambiar.

E como actriz de cine? Porque tamén fixo cine e traballou con directores tan importantes como Carné ou Cocteau. Malia todo, a Casares non é que lle gustase demasiado a cámara...

Para ela estaban moi presentes os problemas técnicos. Para ela, rodar escenas do final dunha película antes que as que naturalmente acontecían antes no argumento... Iso non lle cadraba. É que lle dificultaba o traballo de vivir o personaxe, de compoñer o personaxe. Nesas circunstancias non podía darse nin podía dar todo polo texto, polo personaxe, pola interpretación...

"Cando se coñeceron, Camus estaba centrado na novela e volveu ao teatro porque atopou unha actriz que lle gustaba para desenvolver un tipo de teatro concreto"

Falar de María Casares é falar tamén de Albert Camus. Como marcou esa relación a ambos os dous creadores?

María Casares tivo moitas relacións na súa vida, non só con Camus. Ben é certo que, seguramente, a máis importante foi a de Camus. E tamén é certo que Camus modificou a vida creativa dela, pero na mesma medida podemos dicir que ela modificou a vida creativa del. Hai unha interrelación absoluta entre ambos os dous. Nas memorias de María, hai retallos, hai partes e frases que son de Camus. E se un revisa os cadernos que escribía Camus, tamén atopamos cousas que son de María Casares. Era unha verdadeira relación de creatividade... A ver, cousas que modificou María Casares en Camus? Pois mira, cando se coñeceron, Camus estaba centrado na novela e volveu ao teatro porque atopou unha actriz que lle gustaba para desenvolver un tipo de teatro concreto. Despois, Camus representou varias obras do teatro do Século de Ouro español e resulta evidente que ela participou nas adaptacións. E tamén considero que na relación entre ambos xogaba un papel fundamental o exilio. María Casares foi fundamental para o compromiso de Camus co republicanismo español. E despois, mira, hai personaxes que están inspirados claramente en María Casares. Por exemplo, en Estado de sitio hai un personaxe que se chama Vitoria [María Casares era de nome completo María Vitoria]. Esa Vitoria non é outra que María Casares, quen a interpretou na estrea.

"Nas notas de traballo de Camus para a súa derradeira novela, que está inacabada, hai fragmentos dos recordos de infancia de María Casares en Galicia. De feito, a un personaxe, Vera, que é María Casares"

María Casares tamén está presente no derradeiro libro de Camus. E tamén algo de Galicia hai nel, non?

Iso tamén é moi emocionante. Nas notas de traballo de Camus para a súa derradeira novela, que está inacabada, hai fragmentos dos recordos de infancia de María Casares en Galicia. De feito, a un personaxe, Vera, que é María Casares. E resulta bonito saber que esas derradeiras páxinas mecanografadas de Camus, a súa muller fíxollas chegar a María Casares... Porque aparecía alí o personaxe inspirado nela. É dicir, a última páxina de Camus, pódese dicir, falaba de María Casares.

María Casares non regresou a Galicia, mais si a España. Tras a morte do ditador, volveu para representar El Adefesio, de Alberti. Pero non chegou a rematar a xira e regresou a Francia, ademais de enferma, cunha forte decepción, non?

Caeu enferma con hepatite, si. Foi moi forte o regreso. Pensa que ela representaba moitas cousas: a súa familia, o teatro, o exilio. Cada vez que subía un escenario, era unha tripla ou cuádrupla representación. Tiña moito significado por si propia. Iso pasoulle en Madrid, mais tamén pasou en Bos Aires, no ano 1957, cando foi a actuar facendo de María Tudor. Contaba Luís Seoane que tivo que saír a escena 17 veces para saudar. Sentía unha enorme responsabilidade ao volver a Madrid, coma se quixese presentar dun xeito perfecto o exilio que volvía. Foi duro, foi unha crise profunda e ademais enfermou. Tivo que estar durante varios meses en repouso. E foi cando escribiu as súas memorias, Residente privilexiada.

"Cada vez que subía un escenario, era unha tripla ou cuádrupla representación. Tiña moito significado por si propia"

Pasoulle o que comentabamos antes do exilio: Non foi quen de regresar.

É moi duro volver, ver que a vida seguiu e que seguiu sen ti.

Que relación tiña coa emigración María Casares? Nesa viaxe a Arxentina estivera en actos con Dieste, Blanco Amor, Seoane, Tacholas...

De inmenso respecto. A ela non lle gustaban as reunións con moita xente, pero cando viaxou a Arxentina prestouse a todo. Cando viaxei a Biblioteca Francesa, atopei unha carta de Virxinia Pereira, a muller de Castelao, na que agradece precisamente a deferencia que tivera con eles, que entendía o difícil que era, pero que lle agradecía que fixera esa viaxe. Sentía moito orgullo e moitísimo respecto por todo o que eran capaces de facer fóra de Galicia. Ela emprega a palabra transterrados para falar da diáspora.

"Cando viaxei á Biblioteca Francesa, atopei unha carta de Virxinia Pereira, a muller de Castelao, na que agradece precisamente a deferencia que tivera con eles"

No seu libro O tempo das mareas, que outras novidades atopamos sobre María Casares?

Primeiro, a documentación da rama materna. Despois, a publicación de imaxes dela e da súa familia dos anos trinta. Son imaxes que se conservaban aquí, pero tamén en Francia en diferentes arquivos persoas. Estaban todas espalladas e puidemos reunilas. Despois, tamén temos cartas con amigos da infancia da Coruña, que os amigos conservaron toda a vida e que reflicten o Madrid dos anos trinta. Grazas a esas cartas, sabemos cousas importantes da súa biografía, como que acudiu á primeira representación de Yerma. Logo hai outra cuestión que me interesa destacar, que son dous textos de María Casares en francés falando sobre Valle-Inclán. Un era xa coñecido, pero o outro se atopaba publicado nun programa de man. Iso demostra que María Casares foi moi importante para que Valle-Inclán chegase ao teatro francés. E finalmente, material de María Casares n'O Primeiro Home, de como a inspiración de Camus estaba en María Casares e tamén en Galicia.

"María Casares foi moi importante para que Valle-Inclán chegase ao teatro francés"

Como definiría en catro trazos a María Casares? Así, como conclusión final

Libre, vitalista, fiel a unha ética e unha estética... E moi tozuda [Risos] Van catro, non? [Risos]

 

María Casares, en 'Les Justes' (1949) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.