0 Gardados para despois

O Ano Castelao remata de gala en Pontevedra

Redacción | @prazapublica

"Vai ser espectacular". É o que aseguran dende a organización da gala que, o vindeiro 18 de decembro en Pontevedra, servirá para botarlle o ferrollo ao Ano Castelao. O Pazo da Cultura será o escenario para o fin de festa do programa de actos co que a deputación pontevedresa percorreu durante este 2016 todas as facetas do político e artista.

A presentación do cartaz do evento, deseñado polo ilustrado Pablo Zentolo (Rei Zentolo), serviu este venres para avanzar algúns detalles dunha gala que, sinala o deputado de Cultura, Xosé Leal, será "multidisciplinar, con teatro, música e humor, na liña da programación que tivemos ao longo do ano". O obxectivo, salienta, é "dar idea de todas as facetas artísticas coas que traballou o propio Castelao, como artista poliédrico que era.

Xurxo Souto, 2naFronteira, Lydia Botana, Celso Parada, Limiar Teatro e mais Carlos Blanco co debuxante Luis Davila serán protagonistas nunha gala que estará conducida pola actriz Bea Campos, quen augura "un broche final precioso" para o Ano Castelao. Ela mesma, afirma, está ben marcada na súa traxectoria artística de Castelao que, agrega Leal, "representa unha figura que segue tendo vixencia hoxe en día".

Xurxo Souto, 2naFronteira, Lydia Botana, Celso Parada, Limiar Teatro e mais Carlos Blanco co debuxante Luis Davila serán protagonistas da gala

A gala, segundo a concelleira pontevedresa de Cultura, Anxos Riveiro, "supón o remate dun ano cargado de actividades que achegaron a toda a poboación a figura do autor rianxeiro". Esa vontade, sinalan, mantense tamén co propio cartaz da gala. "Unha homenaxe ao mítico discurso de Castelao" con "referencias como a imaxe da vaca do cartaz do plebiscito do Estatuto". Xunto a elas, filigranas que evocan a revista Nós e a tipografía máis ligada a Castelao.

"A calquera ilustrador lle gustaría verse algún día reflectio nunha traxectoria como a de Castelao", afirma Pablo Zentolo, quen asegura sentir unha especial "responsabilidade" neste traballo. A asistencia a esta gala será de balde, se ben a Deputación de Pontevedra sinala que cómpre reservar convites a través dun correo electrónico que será público nos vindeiros días, no Museo de Pontevedra ou na sede do ente provincial en Vigo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.