0 Gardados para despois

Casares, Vidal Bolaño, Carvalho Calero...? A RAG anunciará esta tarde o protagonista das Letras 2013

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Real Academia Galega celebra esta tarde un plenario ordinario no que, entre outros temas, debaterase e decidirase o nome do ou da homenaxeada no Día das Letras de 2013. Será o momento de ir comezando as homenaxes, estudos e publicacións sobre a figura que se escolla recoñecer, aínda que os actos dedicados a Valentín Paz Andrade aínda terán continuidade neste 2012, coa celebración, por exemplo dun congreso científico organizado pola propia RAG. A decisión darase a coñecer ás oito e media nunha rolda de prensa.

Tanto pola súa produción literaria en case todos os xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da Cultura...) e editorial (Galaxia), Casares é o gran favorito para as Letras 2013

As apostas están abertas e son moiro os nomes que nos últimos meses se puxeron riba da mesa, aínda que sempre existe a posibilidade de que o escollido ou a escollida sexa alguén no que case ninguén pensa. O favorito, necesariamente, é Carlos Casares, para quen o 2013 parece estar sinalado dende hai anos. Falecido en marzo de 2012, é a edición das Letras do vindeiro ano a primeira na que podería ser homenaxeado, transcorrida unha década xa dende o seu pasamento. Hai uns meses a súa viuva e presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, dicía nunha entrevista en Praza que "Carlos era membro da Academia, fixo un gran traballo alí e foi escritor. Por todo iso, penso eu que cumpre os requisitos, pero será a Real Academia Galega quen decida". Tanto pola súa produción literaria en case todos os xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da Cultura...) e editorial (Galaxia), Casares é o gran favorito para as Letras 2013.

Este xoves entregáronse na Academia os 800 apoios recollidos pola candidatura de Vidal Bolaño

Nas últimas semanas soa moito Roberto Vidal Bolaño, igualmente. Un grupo de persoas, entre as que sobrancean Antón Dobao ou Rubén Ruibal, impulsou unha recollida de sinaturas e unha campaña nas redes sociais para que o dramaturgo, para moitos a figura esencial do teatro galego contemporáneo, sexa homenaxeado. Onte mesmo entregaron na Real Academia os máis de 800 apoios recibidos entre artistas, xornalistas, actores, e persoas de todo tipo. Todo comezou, en parte, coas palabras que en abril Morris pronunciou ao recoller o premio Mestre Mateo por Doentes: “Roberto Vidal Bolaño é un firme candidato ás Letras Galegas. É un fundador das artes escénicas”. Un grupo de persoas xa iniciara a campaña, que contou cun manifesto que salientaba a necesidade de que nalgún momento as Letras recoñecesen o labor do teatro galego: "Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización”.

Sempre está aí, tamén, Carvalho Calero

Sempre está aí, tamén, Carvalho Calero. O ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra literaria, tanto en poesía, coma en narrativa (por exemplo o seu brillante Scórpio), coma en teatro e por suposto en ensaio, sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido recoñecido até agora nas Letras.

Pero Casares, Carvalho ou Vidal Bolaño non son os únicos nomes que soan. Aí está tamén, por exemplo, o berciano Antonio Fernández Morales, cunha candidatura promovida pola Asociación Berciana da Lingua Xarmenta, que salienta que o autor "publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua". 

E tamén Xosé María Díaz Castro, que todos os anos está riba da mesa e como sempre din os promotores da súa homenaxe "algún ano terá que ser". O autor de Nimbos é citado unha e outra vez polos seus versos Un paso adiante, un paso atrás, Galiza. E a tea dos teus soños non se move, pero nese único poemario e noutros escritos demostra unha calidade literaria coma poucos e o propio Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar "a poesía total" na literatura galega.

E por que non Rosalía de Castro? Hai uns días xurdiron algunhas voces, coma a de Luís Bará, que propoñía que Rosalía fose homenaxeada en 2013, coincidindo co 50 aniversario da celebración das Letras

E por que non Rosalía de Castro? Hai uns días xurdiron algunhas voces, coma a de Luís Bará, que propoñía que Rosalía fose homenaxeada en 2013, coincidindo co 50 aniversario da celebración das Letras e o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A autora foi, por este motivo, homenaxeada na primeira edición das Letras, en 1963, pero Bará reclamaba neste artigo que con este novo recoñecemento se abrise "un novo ciclo". A homenaxe serviría, ademais, para que a autora fundacional da literatura galega contemporánea fose máis e mellor coñecida no país, desbotando as moitas ideas errónas que aínda persisten sobre a escritora.

E poderíamos seguir citando nomes. Esta noite sairemos de dúbidas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.