Un libro colectivo reivindica o "esquecido" Estatuto do 36 no seu octoxésimo aniversario

Capa do libro sobre o Estatuto de 1936 © Editorial Guiverny

Un exercicio de memoria e reivindicación. Once sinaturas do mundo das letras, o dereito, a historia, a política ou o xornalismo veñen de xuntarse nun volume colectivo para refrescar a importancia do Estatuto de Autonomía de Galicia plebiscitado en xuño de 1936. Nun octoxésimo aniversario sen apenas reivindicacións oficiais a Editorial Guiverny vén de tirar do prelo, en colaboración co Concello de Santiago, 1936: O Estatuto esquecido,  que procura "dar unha visión da forza anónima" por tras daquel texto estatutario, di a directora da editorial, Belén Fortes, e que será presentado este martes, 13 de decembro, nun acto público ás 20:00 no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

As características do Estatuto plebiscitado, as alianzas políticas que o impulsaron, o papel de políticos e intelectuais como Castelao ou a incipiente "modernidade" na Galicia da época é debullada en artigos realizados baixo a coordinación de Xosé Fortes por historiadores como Lourenzo Fernández Prieto e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xesús Alonso Montero; o letrado maior do Parlamento, Xosé Antón Sarmiento, ou o director de Praza.gal, David Lombao. A intención, sinala Belén Fortes, é ofrecer "unha análise exhaustiva e pormenorizada" do Estatuto, pero tamén do seu contexto histórico.

Sen aquel texto e o proceso político que o fixo posible, afirma, non sería posible "entender a Galicia de hoxe e a súa arquitectura política". En rolda de prensa xunto ao alcalde compostelán, Martiño Noriega, que asina un artigo no libro sobre a importancia de Santiago no proceso estatutario, a directora de Guiverny subliñou que os autores detivéronse, nos seus textos, no "entusiasmo e entrega ao país de moitas persoas que participaron" no Estatuto, dende "representantes institucionais como o alcalde Ánxel Casal" ata artistas como Camilo Díaz Baliño ou cidadanía anónima.

O volume debulla "o entusiasmo e entrega ao país" de quen impulsaron o Estatuto fronte aos "elementos reaccionarios"

Todos eles, agrega, tiveron que facer fronte a "elementos reaccionarios" que aproveitaron "o caciquismo e a ignorancia" para procurar "frear unha iniciativa" que, ao seu xuízo, tiña como obxectivo "reconquistar a dignidade dos galegos e galegas como pobo". E todo isto sucedeu, subliña, aínda que o golpe de Estado acontecido xusto despois da entrega do Estatuto nas Cortes da II República "impedise a materialización do soño do Estatuto".

Para Noriega a publicación de 1936: O Estatuto esquecido permite ademais "pechar o círculo" do Ano da Memoria, que o consistorio da capital galega veu conmemorando durante este 2016 para "mostrar como era a nosa cidade antes de que a súa historia se vise alterada polo golpe". O Concello santiagués implicouse tamén no recordo do Estatuto porque, lembra, "foi o Concello de Santiago o que convocou a asemblea de municipios para relanzar o proxecto e foi na nosa Facultade de Medicina" onde se celebrou a cita asemblearia que "rematou cun Estatuto aprobado". Foi ademais en Compostela, apunta, "onde se constituíu o Comité Central da Autonomía" e one se fixou "a data do plebiscito, que mostrou un apoio masivo ao Estatuto". 

Entrega do Estatuto galego nas Cortes republicanas, en xullo de 1936 © Nomes e Voces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.