O gasto cultural recupérase en Galicia, pero segue un 23% por debaixo do nivel previo á crise

Evolución do gasto cultural total en Galicia Dominio Público Praza Pública

A poboación galega gastou uns 635 millóns de euros en cultura en 2015, un 15,9% máis ca no ano anterior, o que supón a primeira suba dende o 2008, segundo recolle un informe do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega. Porén, a cifra total aínda se sitúa moi lonxe dos niveis previos á crise económica: acadou o seu máximo nese ano 2008 con 827,2 millóns de euros e a pesar do forte incremento do pasado ano, a cantidade aínda se sitúan un 23% por debaixo.

O gasto medio por persoa e ano no conxunto de España (255 euros) é superior ao de Galicia (235)

No conxunto do Estado o consumo cultural permaneceu estancado en 2015 (cun leve descenso). Porén, o gasto medio por persoa e ano no conxunto de España (255 euros) é aínda superior ao de Galicia (235). Cataluña, con 321 euros, encabeza esta clasificación, na que Galicia se sitúa na undécima posición.

En 2015 rexistrouse un significativo incremento do gasto en servizos culturais, de 151 a 233 millóns, que recupera o nivel previo ao inicio da crise

Por grupo de gasto, o 2015 confirmou as tendencias que se veñen repetindo nos últimos anos, cun descenso en Galicia do gasto en libros e publicacións periódicas (este apartado pasou de sumar 213 millóns de euros anuais en 2007 a representar hoxe uns 97 millóns). En cambio, rexistrouse un significativo incremento do gasto en servizos culturais, de 151 a 233 millóns, que si recupera o nivel previo ao inicio da crise. Finalmente, mantívose estable o gasto en Internet e equipos e dispositivos audiovisuais, que tamén fica lonxe das cifras acadadas no período 2007-2011.

En 2007 o 26% do gasto cultural galego ía destinado a pagar libros e publicacións periódicas, mentres que hoxe é tan só o 15%

En 2007 o 26% do gasto cultural galego ía destinado a pagar libros e publicacións periódicas, mentres que hoxe é tan só o 15%. Mentres, os servizos culturais pasaron de representar o 27% a ser case o 37%. Os equipos informáticos, audiovisuais e Internet mantivéronse estables ao redor do 40%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.