0 Gardados para despois

'Implícate', o 8 de xaneiro en Compostela

Redacción | @prazapublica

A ONGD Implicadas no Desenvolvemento celebra o vindeiro 8 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela a XII edición do festival solidario Implícate. Presentado por Yolanda Castaño e Monti Castiñeiras, este ano contará coa participación de artistas como Nacho Vegas, De Vacas, IGMIG, Marián Bañobre e Rober Bodegas; e poetas como Eli Ríos, Gonzalo Hermo, O Leo ou Margarita Ledo. As entradas xa están á venda a un prezo de 12€ en www.entradas.abanca.com.

Para poder levar a cabo o festival, Implicadas lanzou unha campaña de crowfunding para conseguir os 700 euros que precisa para cubrir os gastos do equipo técnico e a pegada de carteis para anuncialo. Con máis do 60% do orzamento conseguido, Implicadas fai un chamamento a completar esta cantidade antes do 8 de xaneiro. As achegas pódense facer a través deste enlace.

Os cartos recadados destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación que a organización está a desenvolver na India: a erradicación do infanticidio feminino en Salem e o empoderamento de mulleres en Tiruchy

Implicadas no Desenvolvemento é unha organización crítica e feminista de cooperación ao desenvolvemento fundada en 1998 que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como alicerce para o desenvolvemento humano perdurable. Implícate! Noite de música e palabra solidaria serve para dar a coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar en comunidades do Sur e as actividades de concienciación que realiza no ámbito galego. As artistas colaboran de xeito desinteresado e os cartos recadados destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación que a organización está a desenvolver na India: a erradicación do infanticidio feminino en Salem e o empoderamento de mulleres en Tiruchy

Esta iniciativa lévase a cabo dende o ano 2006 en colaboración co Concello de Santiago, co Teatro do Morcego e con outras organizacións e institucións galegas. Dende o 2007 celébrase sempre no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.