0 Gardados para despois

As Letras 2013, para Vidal Bolaño

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O plenario da Real Academia Galega escolleu por maioría o dramaturgo como autor homenaxeado no Día das Letras 2013, polo seu papel "na creación dun público para o teatro galego" e porque "por enriba de todo, foi un extraordinario escritor". Vidal Bolaño contou con numerosos apoios entre os académicos, comezando por Paco Fernández Rei, ou Margarita Ledo e Euloxio Ruibal, que ao remate do plenario explicaron os motivos da escolla do dramaturgo, unha vez que Méndez Ferrín fixo público o nomeamento. Ruibal salientou por exemplo a súa loita "non só pola creación artística, senón polas melloras nas condicións sociais e políticas" e afirmou que "foi un home que dende a esquerda defendeu uns valores que temos que ter moi presentes, porque as obras de todo tipo teñen que servir para a dignidade”. 

"Foi un home que dende a esquerda defendeu uns valores que temos que ter moi presentes, porque as obras de todo tipo teñen que servir para a dignidade”

Mentres, Ledo fixo fincapé en que “é un autor de rexistros múltiples, dunha obra moi extensa e moi representada” e sobre todo un “grande axitador do mundo do teatro" pois "a gran preocupación de Roberto era crear un público para o teatro galego, que é algo que agora está opacado, que está pasando uns momentos delicados”. Margarita Ledo concluíu que “como bo bufón e home de escena enfrontouse cos conflitos da sociedade e co poder representa, polo que é un bo representante da contemporaneidade e da tradición”.

A RAG, na súa declaración, salientou que Vidal Bolaño é unha "figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario"

 

Unhas Letras para as artes escénicas

“Roberto Vidal Bolaño é un firme candidato ás Letras Galegas. É un fundador das artes escénicas", afirmou Morris ao recibir o Mestre Mateo por Doentes. O comunicado da Academia salienta o carácter multidisciplinar de Vidal Bolaño, destaca que foi "un extraordinario escritor", pero antes que nada foi un home de teatro. De feito, o manifesto que hai uns meses comezou a circular por Galicia, recollendo apoios para lograr, precisamente, que se lle dedicase o Día das Letras no 2013 incidía fundamentalmente niso. O texto, promovido por Rubén Ruibal, Antón Dobao, Camilo Franco ou Roi Vidal, entre outros, e que recibiu máis de 800 apoio do mundo das artes, do xornalismo e doutros ámbitos, afirmaba que "hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro".

Ao coñecer a nova Rubén Ruibal dicía estar "contento non só por Roberto, senón polo teatro do país. A ver se somos capaces de darlle o pulo que necesita"

Daquela, Rubén Ruibal afirmaba preguntado por Praza que "Vidal Bolaño non só ten valor teatral, teno literario. Ten unha obra moi rica, tocou xéneros totalmente diferentes e demostrou que o galego era útil para todos os xéneros", e este venres, ao coñecer a noticia, e recoñecéndose "sorprendido", dicía estar "contento non só por Roberto, senón polo teatro do país. A ver se somos capaces de darlle o pulo que necesita". De igual xeito, Roi Vidal, o seu fillo e tamén autor teatral, dixo que espera que o Día das Letras “sirva para divulgar a súa obra, pero sobre todo para difundir aquilo que representa”.

Salvador del Río: "Agora que estamos nun momento de crise motivada pola falta de axuda das administracións, é un bo momento para reivindicar aquilo polo que pelexou el durante moitos anos"

Pola súa banda, Salvador del Río, presidente de Escena Galega, destacou a "boa nova para o teatro galego", pois Vidal Bolaño "foi un dos seus grandes artífices da súa profesionalización e de que avanzase o que avanzou nestes anos". Engadiu que "agora que estamos nun momento de crise motivada pola falta de axuda das administracións, é un bo momento para reivindicar aquilo polo que pelexou el durante moitos anos, que era colocar o teatro galego onde se merece".

Morris: "É unha oportunidade única para todo o sector cultural"

Finalmente, Morris salientou que "é unha oportunidade única para todo o sector cultural", pois aínda que "este é un premio indicutible para el, que recoñece o seu traballo de décadas en todos os ámbitos, ao mesmo tempo é unha grande oportunidade para o mundo da escena, para que se vexa de onde partiu, porque Roberto é a historia do teatro galego". E concluíu: "é un momento crucial, vanse coñecer moitas facetas como autor, enfrontamentos coa administración, coa Igrexa, a súa defensa da lingua..., é unha grande oportunidade" 

 

Declaración oficial da Academia

A RAG, na súa declaración oficial, salientou que Vidal Bolaño é unha "figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario". O texto difundido afirma que "é indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal Bolaño para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade".

Así mesmo, destacouse que a súa produción se caracteríza "por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua". A Academia salienta igualmente a súa multidisciplinariedade: "Vidal Bolaño non é soamente un home de teatro. Foi tamén un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia (sempre dicía que en realidade el quixo ser director de cinema)".

"Coma os grandes autores de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño foi quen non xa de describir o seu tempo, senón, sobre todo, de transformar a súa época"

A declaración salienta, con todo, que "por enriba de todo, Roberto Vidal Bolaño foi un extraordinario escritor. Fixo literatura dramática a consciencia, con vontade de intervir no sistema literario galego, de dialogar con outras obras e autores, de apoiarse nos nosos clásicos. Era un escritor consciente da pertenza da súa obra a un sistema literario rico e dinámico, en constante desenvolvemento".

O texto conclúe que "Vidal Bolaño non é só un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX" e que "coma os grandes autores de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño foi quen non xa de describir o seu tempo, senón, sobre todo, de transformar a súa época. O teatro galego sábeo ben, e con el, o noso sistema literario".

 

Arcadio López Casanova, académico de honra

O Plenario da Real Academia Galega acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.

Xosé Luís Méndez Ferrín anuncia que Roberto Vidal Bolaño será o autor homenaxeado en 2013, e Euloxio Ruibal e Margarita Ledo explican os motivos da escolla.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.