'A nena que quería navegar': Unha resposta lúdica ao acoso escolar

Un dos momentos da obra © Redrum Teatro

A nena que quería navegar é un espectáculo de Redrum Teatro que a través da comedia, da música e dun escenario cheo de cor afonda no problema do acoso escolar, o bullying, un problema que sofre moitos nenos e nenas nos centros de ensino e outros espazos e que, en ocasións, fica agochado, invisibilizado, empeorando as súas consecuencias. Na obra unha Nena, farta de insultos, empurróns, illamento social e de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura atopará un xeadeiro, un ser máxico e vital, co que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, recuperará a autoestima perdida, descubrindo que dentro de cada persoa "hai un ser único e especial" e que "só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos".

A obra estreouse en Ourense a finais do outubro e pasou xa por Lalín e Compostela con grande éxito. Este xoves 29 representarase en Cangas (18 horas, Auditorio Municipal) e ten datas programadas en Muros (4 de febreiro), Vigo (5 de febreiro), Redondela (2 de abril) e Bertamiráns (21 de abril). O texto foi creado por Borja F. Caamaño e Alex Sampayo, que dirixe a montaxe, protagonizada por Laura Míguez e Guillermo Carbajo, ademais de Carlos Álvarez-Ossorio, encargado de dar vida aos moitos monicreques que tamén aparecen. A nena que quería navegar complétase cun álbum ilustrado que recolle o texto da historia e os debuxos, a cargo de Rodrigo Chao.

"Nós sempre defendemos que os espectáculos infantís deben ter unha parte educativa, creo que é unha responsabilidade que temos as compañías que facemos este tipo de obras"

"A idea de facer este espectáculo xurdiu dunha nova nun xornal, dun suicidio dunha rapaza que deixaba unha carta, e pareceunos moi impactante. Nós sempre defendemos que os espectáculos infantís deben ter unha parte educativa, creo que é unha responsabilidade que temos as compañías que facemos este tipo de obras", explica Guillermo Carbajo. "Agora xa se fala un pouco máis do acoso, pero é certo que é un tema que se silenciou durante moitísimo tempo, agochando mesmo suicidios de nenos e nenas. Afortunadamente, parece que xa se comeza a reflexionar máis sobre o asunto e a ter algo máis de conciencia da súa importancia", di.

Alex Sampayo e Borja Caamaño non estiveron sós á hora de crear a historia. Puxéronse en contacto con Amino Galicia (Asociación contra o abuso e maltrato infantil), e a súa presidenta e unha neuropsicóloga asesoráronos na redacción do texto, aconsellándoos sobre os temas que debían tratar. "O obxectivo era que a obra servise para axudar os rapaces e rapazas acosadas, pero tamén que lles enviase unha mensaxe aos acosadores e acosadoras. Transmitindo a conclusión de que os rapaces e rapazas con autoestima son quen mellor poden facer fronte ao acoso. E sempre tratando de que sexa un espectáculo optimista, porque é un espectáculo infantil e a xente ten que pasalo ben", salienta Carbajo.

O resultado é un espectáculo cómico e festivo, no que priman as técnicas de reforzo positivo, o humor, as cancións e coreografías con música en directo, nun escenario moi colorista e visual

O resultado é un espectáculo cómico e festivo, no que priman as técnicas de reforzo positivo, o humor, as cancións e coreografías con música en directo, nun escenario moi colorista e visual. Para a creación do mundo onírico no que se desenvolve a obra, foi dende o inicio moi importante a referencia ao imaxinario dos filmes de Tim Burton e tamén o seu libro de poemas A melancólica morte do rapaz ostra, onde retrata con gran lirismo a nenos e nenas diferentes, solitarias e vítimas de acoso. "Pero ademais de Tim Burton, a escenografía remite a moitas outras cousas; a min recórdame moito a Alicia no País das Marabillas ou ao Mago de Oz", di Carbajo.

"Estamos abraiados coa cantidade que mensaxes que nos chegan polas redes sociais e o mail, de pais e nais e de profesorado, que nos din que temos que ir polos colexios con este espectáculo, que é imprescindible"

O integrante de Redrum Teatro salienta que na compañía están "alucinados co ben que funciona o espectáculo". "Os rapaces e rapazas quedan pampos mirando a obra, neles e nelas é moi doado ver cando unha representacións lles gusta. Pero tamén co público adulto. Estamos abraiados coa cantidade que mensaxes que nos chegan polas redes sociais e o mail, de pais e nais e de profesorado, que nos din que temos que ir polos colexios con este espectáculo, que é imprescindible", di. "Notas cando hai algún rapaz que sofre algún tipo de acoso e ao que a mensaxe da obra lle chega máis fondo e que, polo que nos contou algún pai, despois emprega na súa vida algunhas das cousas que aprendeu vendo o espectáculo", engade.

Guillermo Carbajo, un dos actores © Redrum Teatro
A actriz Laura Míguez © Redrum Teatro
Cancións e coreografías e un decorado cheo de cor completan o ambiente lúdico da representación © Redrum Teatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.