0 Gardados para despois

Silencio no centenario da exiliada Amparo Alvajar

Aurora MarcoAurora Marco


Aurora Marco denuncia neste texto o esquecemento que neste 2016 -centenario do seu nacemento- sufriu a tradutora, escritora, directora teatral e funcionaria internacional coruñesa, exiliada en 1939 para non volver nunca a Galicia, finando en 1998 en Monção tras vivir en Bos Aires, Xenebra ou París.

A piques de finalizar o 2016, o silencio e o esquecemento das institucións acompañaron o centenario do nacemento dunha das intelectuais "de formación máis traballada da Galiza do século XX e unha importante escritora, con obra feita e tamén espallada nunha e outra cidade, Bos Aires, Nova York, París, Xenebra", en palabras do pintor e escritor Luís Seoane. Mágoa que teñamos que ser as persoas a título individual, as que lembremos esta efeméride ou a doutras galegas. A unha sociedade que trata de diferente maneira homes e mulleres –e este ano houbo celebración de centenarios abondo– fáltalle moita andadura para ser moderna. Máis diría, á altura do século XXI resulta anacrónica, ao seguir perpetuando as vellas e anquilosadas desigualdades, tamén nas cuestións conmemorativas.

Porque a traxectoria da coruñesa Amparo Alvajar –tradutora, escritora, directora de teatro e funcionaria de organismos internacionais, que se exiliou en 1939 e morreu en 1998 ao pé da Galiza, en Monção–, ben merece ser evocada. Ás informacións xa coñecidas sobre ela, que figuran nas memorias das súas irmás, Ana María Alvajar (Soltando lastre, 2002) e María Teresa Alvajar (Memorias dunha republicana, 2012, ed. de Aurora Marco), hai que engadir o interesante epistolario que figura en Notas sobre Amparo Alvajar, exiliada gallega con su obra teatral Amada y tú (2000, ed. de Charo Portela). E pouco máis. As preguntas que nos facíamos sobre eses anos de afastamento no norte de Portugal, sen ser quen de pisar terra galega, teñen nesta altura resposta porque este artigo de lembranza-homenaxe achega datos inéditos da súa biografía, nomeadamente os que teñen a ver con ese inquietante illamento os derradeiros 17 anos de vida, na Quinta da Toca, no lugar de Prado, Freguesía da Moreira (Monção).

En Bos Aires, mediados dos 40. (Fonte: Soltando lastre, 2002)

 

Semblanza biográfica

Mágoa que teñamos que ser as persoas a título individual, as que lembremos esta efeméride ou a doutras galegas. A unha sociedade que trata de diferente maneira homes e mulleres –e este ano houbo celebración de centenarios abondo– fáltalle moita andadura para ser moderna

Amparo Alvajar López naceu o 8 de agosto de 1916 na Coruña. Era filla de César Alvajar Diéguez –funcionario do concello, xornalista, escritor e político, que morreu no exilio en 1965– e de Amparo López Jean, unha das mulleres de traxectoria máis salientábel nas primeiras décadas do século XX; unha adiantada ao seu tempo, membro das Irmandades da Fala, presidenta da "Agrupación Republicana Femenina" e integrante da executiva coruñesa do Partido Galeguista, que tamén morreu no exilio en 1942, en Montauban (Francia). Estudou na escola pública que había na rúa Panaderas da súa cidade, rexentada por Teresa Torréns. Dotada dunha grande intelixencia, recibiu desde moi nena clases de inglés e de piano, para o que estaba especialmente cualificada: aos cinco anos facía exhibicións en que mostraba o seu excelente temperamento artístico. Era unha moza moderna, que facía deporte (natación e remo), que levaba o cabelo cortado ao garçon, traxe xastre, gravata e calzaba zapatos de taco baixo, segundo a describe Mª Teresa, a irmá máis nova. Alumna brillante do Instituto Eusebio da Guarda onde cursou o bacharaleto, viviu con intensidade a chegada da República como toda a familia e o ambiente cultural e político da cidade. Aos dezaoito anos comezou a traballar como meritoria sen salario no concello coruñés e despois pasou a interina. Con Casares Quiroga colaborou estreitamente nas eleccións da Fronte Popular e, cando foi nomeado presidente do goberno, marchou con el a Madrid (maio de 1936) e desempeñou un cargo de confianza nos Servizos de Información do Ministerio de Gobernación (SIM).

Ao estourar o levantamento militar, estivo algún tempo como voluntaria na fronte, en calidade de enfermeira. Máis tarde, cando o goberno republicano marchou a Valencia, solicitou o traslado porque traballaba nun ministerio como o seu pai e como Arturo Cuadrado Moure, o poeta e editor con quen casou en Valencia nunha cerimonia civil que tivo como testemuña a Castelao. Na cidade do Turia fundouse en 1937 "Solidariedade Galega Antifeixista", impulsada por Castelao e Ramón Suárez Picallo, co obxectivo de organizar as forzas republicanas nun grupo que exercese a representación política da Galiza. Posteriormente a sede pasou a Barcelona e alí se editou Nova Galiza. Boletín quincenal dos escritores galegos antifeixistas (1937-1938). Entre as numerosas personalidades da cultura galega daquela organización (Otero Espasandín, Delgado Gurriarán, Serafín Ferro, Rey Baltar, Ramón Cabanillas, fillo, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste) estaba a coruñesa.

Con Teresa Alvajar e a súa nena Marta (no medio) e Mari Castelo (dta.) en París, 1956. (Fonte: (Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana, 2012)

 

Camiño do exilio

Pouco antes de caer Barcelona baixo a bota fascista, Amparo Alvajar co seu home e coa súa filla Silvia, partiu cara o exilio para nunca máis volver

Pouco antes de caer Barcelona baixo a bota fascista, Amparo Alvajar co seu home e coa súa filla Silvia –nacida en Manresa, a onde acudía o matrimonio con frecuencia, posibelmente en misións de tipo político-cultural– partiu cara o exilio para nunca máis volver. Despois dunha breve estadía en Francia, onde morreu Silvia aos cinco meses e medio, en Toulouse, a parella embarcou no buque insignia do exilio republicano, o Massilia, desde o porto de La Rochelle-Pallice, o 18 de outubro de 1939. Alí ían moitos republicanos e republicanas que perderan a guerra e fuxiran a Francia na procura da liberdade. O 5 de novembro, nada máis chegar o vapor a Buenos Aires, Amparo foi ingresada nunha clínica polo seu avanzado estado de gravidez, mais o neno que levaba no seu ventre naceu morto.

Amparo foi empregada de oficinas editoriais, traballou como pianista nunha academia de baile e até estudou apicultura e cultivou colmeas. Mais, a actividade que máis sona lle deu foi a de tradutora

Coa perda da filla e o fillo, con todos os membros da familia separados, a parella iniciou a súa vida en Buenos Aires partindo de cero, aínda que a presenza das amizades galegas debeu ser un bálsamo para aqueles corazóns feridos: Luís Seoane e Maruxa Fernández, Carmen Muñoz e Rafael Dieste, Mireia Dieste e Antonio Baltar, Lorenzo Varela, entre outros. Amparo foi empregada de oficinas editoriais, traballou como pianista nunha academia de baile e até estudou apicultura e cultivou colmeas. Mais, a actividade que máis sona lle deu foi a de tradutora. Ben dotada para as linguas, fixo numerosas traducións do inglés, do francés, do italiano, do portugués, que foron obxecto de eloxiosas críticas. Máis tarde tamén aprendería ruso. Estaba considerada como a mellor tradutora de Hispanoamérica. Ela propia, en carta á súa irmá Ana María de 19/12/1980, escribiu:

"Fui a Nueva York este año porque quería reanudar relaciones con la Sede de las Naciones Unidas, pero como llegaba precedida de una fama tremenda, que ya venía de Buenos Aires, de la gente que recordaba las críticas de los periódicos, tan entusiastas, de mis traducciones, y de la temporada que había estado allí hace veinte años, me dediqué al trabajo para mantenerme a la altura de eso..."

Nas numerosas obras traducidas –publicadas sobre todo na década de 1950 na Editorial Hachette S. A. de Buenos Aires–, asinaba na maioría delas como Amparo Albajar de Ortega Velarde, o seu segundo marido tras divorciar de Arturo Cuadrado. Do francés traduciu:  Historia de la música, de Emile Vuillermoz (1952); Placer de la música (en colaboración con Nadia Tagrine), de Roland Manuel (1952); Los hombres de blanco, de André Soubiran (1953); India (1915-1943), de Romain Rolland (1953); Las edades de la inteligencia, de Leon Brunschvicg (1955); a célebre triloxía de Maurice Druon: La caída de los cuerpos (1950), Cita en los infiernos (1951) e Las grandes familias (1956), reeditado en 2009 por "Libros del Asteroide"; La obra de Platón, de Pierre Maxime Schuhl (1956);  Beethoven, de Romain Rolland (1959). Do italiano traduciu: Tres dibujos, El superviviente de Navarín, El hijo del ingeniero e Épodo, de Giorgio de Chirico (1947); Pinocho, de Carlo Collodi (1953).  Non podo precisar data doutras traducións mais  figuran nunha relación que ela enviou á súa irmá en carta de 1/10/1953: Anfitrion 38, de Jean Giraudoux; Angustia, do brasileiro Graciliano da Silva; todo o teatro de Romain Rolland; The Roundabout, de John Boynton Priestley; Un anuncio extraordinario de William Saroyan...

Ben dotada para as linguas, fixo numerosas traducións do inglés, do francés, do italiano, do portugués, que foron obxecto de eloxiosas críticas. Máis tarde tamén aprendería ruso. Estaba considerada como a mellor tradutora de Hispanoamérica

Canto á obra orixinal, alén de numerosos artigos e ensaios espallados por diferentes medios, é autora, con Agustín Caballero, de dúas obras, Un balcón para los Lester e Amada y tú, que foron estreadas con moito éxito en Buenos Aires en 1949 e 1955 respectivamente, nas que se ocupou tamén da dirección de escena en colaboración con Caballero. Amada y tú publicouse no 2000, no libro citado supra.

Naquel período bonaerense, sobre todo na década dos 50, Amparo tiña moitos proxectos: seguía coas súas traducións, ía dirixir unha colección editorial de obras teatrais; nunha revista "de moita importancia, do estilo do Time" –escribía á irmá– íase encargar dunha páxina de crónica e crítica teatral... Sempre gostou do teatro, desde a infancia, cando coa familia acudía ao edificio coñecido como "Os Tomasinos", que estaba face á Colexiata de Santa María, onde proxectaban algún filme e facían representacións grupos afeccionados. Máis tarde sería, non só espectadora, senón autora, directora e crítica.

En Buenos Aires foi unha muller moi coñecida e valorada, como indica o feito de ser inmortalizada pola cámara de Grete Stern, deseñadora e fotógrafa alemá nacionalizada arxentina, alumna da Escola da Bauhaus e importante figura da vangarda fotográfica. No MOMA estivo aberta, de maio a setembro de 2015, a maior exposición retrospectiva conxunta de Stern e o seu home Horacio Coppola, "De la Bauhaus a Buenos Aires", onde talvez figuraría o retrato da coruñesa, porque ambos os artistas souberon captar non só a cidade e os seus arredores (Coppola) senón a imaxe de intelectuais que nela residían (Stern), entre os que están Borges, Neruda e a dramaturga feminista Amparo Alvajar, pois así se refire a ela, por exemplo, a páxina "Arteinformado. Espacio iberoamericano del arte".

Un dos libros da triloxía de Romain Rolland, reeditado en 2009

 

O regreso a Europa

A estadía na Arxentina finalizou en 1955. O 27 de decembro de 1954 escribe á irmá desde o barco que a leva a Europa: "No pude advertirte antes de mi viaje puesto que resolución y ejecución fueron tan rápidas que apenas tuve el tiempo material para preparar mis cosas. Este barco da la vuelta por el mediterráneo y me dejará en Italia, de donde seguiré a Francia". Resolveu e executou o divorcio de Luís Ortega Velarde e regresou a Europa tras 15 anos en Arxentina. Alí gozaba de moita consideración, tiña amizades, estaba en contacto coas galegas e galegos que tanto traballaron desde o exilio a prol de Galiza, mais, do ponto de vista persoal, sentíase soa en moitas ocasións: "En Buenos Aires la gente es amiga hasta cierto punto y no le gusta que les cuentes problemas, de manera que tienes que callar. Y antes, con dos maridos, a los que no les importaba nada prácticamente de mí, y sobre todo con los que no podía contar para nada", reproduce Ana María nas notas biográficas do libro xa citado.   

Iniciábase unha nova etapa na súa vida. No mundo da tradución tiña un nome mais sempre buscaba novos retos. Canto ás artes escénicas, quería estudar dirección escénica na Escola de Arte Dramática de Roma e nas clases da Sorbona

Iniciábase unha nova etapa na súa vida. No mundo da tradución tiña un nome mais sempre buscaba novos retos. Canto ás artes escénicas, quería estudar dirección escénica na Escola de Arte Dramática de Roma e nas clases da Sorbona, e técnica cinematográfica nas Escolas de Cinema de Roma e París porque a súa idea era permanecer dous meses en cada unha destas dúas cidades. Mais, sobre todo, quería ver o panorama francés para saber "qué demonios puedo hacer y dónde podré encontrar un trabajo que me permita vivir" (carta a Luís Seoane, sen data, que está no epistolario online do CCG). No terreo laboral, a partir daquel momento exercería como tradutora en Nova York, nas oficinas da ONU, en París no Correo da UNESCO e, en 1960, instalouse en Xenebra e traballou nas oficinas da Organización Internacional do Traballo.

Malia as viaxes constantes que facía por cuestións de traballo (Londres, París, Nova York, Kenia, Nueva Delhi, Atenas, Alxeria, Irán...), foi en Xenebra onde mantivo a residencia por máis tempo, de 1960 a 1980, aínda que tamén tiña piso en París. Foron anos de traballo intenso, de enorme responsabilidade, porque as súas traducións ían directamente á impresión. Eran informes para a OIT, para o Comité Intergubernamental para as Migracións Europeas, para o Comité de Desarme, para o Código Marítimo Internacional de Mercadorías Perigosas... Naquel traballo non había horarios, nen días feriados, porque nos contratos que asinaba o funcionariado había unha cláusula pola que tiña que estar en todo momento a disposición do Secretario Xeral: "Tengo en todas partes un trabajo de mucha responsabilidad y una buena reputación que mantener", dicía en carta de 22/03/1970.

Foi en Xenebra onde retomou o interese polo teatro e onde fundou e dirixiu o Grupo Artístico Hispanoamericano. Hai constancia das representacións de: El sí de las niñas de Fernández de Moratín, en maio de 1961; La casa de Bernarda Alba de García Lorca, en novembro de 1961; El mejor alcalde, el rey de Lope de Vega, en novembro de 1962; Las cartas boca abajo de Buero Vallejo, en maio de 1963.  En todas as postas en escena, o traballo de dirección de Amparo Alvajar e a interpretación de actrices e actores foron obxecto de moitos eloxios en diferentes xornais: "Le journal de Genève", "La Suisse", "Le Courrier", "La Tribune de Genève". Neste grupo artístico había actores e actrices de diferentes nacionalidades (cubana, arxentina). E tamén galega, porque o apelido das irmás Isabel e Rosa Miragaia así o pon de manifesto. Ambas as irmás figuran nos programas das montaxes de Lope de Vega e Buero Vallejo. En El mejor alcalde, el rey, tamén traballou Carlos Díaz Martínez, un importante activista galego no terreo cultural e político na emigración suíza.

En Xenebra debeu ter relación coas sociedades galegas. Tamén colaborou economicamente coa UPG

En Xenebra debeu ter relación coas sociedades galegas e, segundo informou Luís Seoane –"Figuraciós", La Voz de Galicia, 9/07/1972–, na data en que escribiu o artigo estaba a ensaiar Os vellos non deben de namorarse, e engadía: "Agora matina traballar novamente pra Galicia dende fóra, aínda que non deixou endexamáis de traballar pra ela, como ocurre con moitos escritores e artistas desa xeneración cuia obra foi feita, por circunstancias especiales, no estranxeiro...". Tamén colaborou economicamente coa UPG, a xulgar pola información que fornece Luis Gonçalez Blasco "Foz" en A política e a organizaçom da UPG (1964-1986) (Laiovento, 2012). Porque, aínda sen militar, mercaba o material que a organización preparaba e repartía, e facíao "de maneira moi xenerosa", sinala Foz en conversa recente, que me proporcionou, inclusive, o nome da persoa á que lle entregaba os cartos. Era a cotizante máis importante. Un militante desta organización en Suíza traballaba na ONU e acaso a colaboración chegou a través del.

Foi ao pouco de residir en Xenebra cando recibiu o nomeamento de "Caballero de la Orden de la Lealtad a la República española", diploma asinado polo presidente da República no exilio en 1961. Tamén durante a estadía na cidade suíza morreu o pai, en xuño de 1965, momento en que puideron xuntarse por primeira vez desde 1936 os catro irmáns: Amparo, Ana María, María Teresa e Javier. A perda de César Alvajar causoulle unha profunda e longa crise –como revela a súa correspondencia–, con problemas físicos e anímicos. Tampouco a axudaban a soedade e o encerramento en que vivía porque Xenebra era para ela "un verdadeiro enterro de primeira". Os médicos dicíanlle que era psicosomático: soedade, inseguridade... Porque tiña vertixe que a deixaba destrozada e provocáballe ataques de pánico (carta a Rafael Dieste-Carmen Muñoz, 22/03/1970).

Nas cartas que viron a luz hai unha verdadeira descarga emocional. No que di respecto a Galiza, reitera unha e outra vez a saudade da terra, á que está unida, di, por un sentimento vexetal

Nas cartas que viron a luz hai unha verdadeira descarga emocional. No que di respecto a Galiza, reitera unha e outra vez a saudade da terra, á que está unida, di, por un sentimento vexetal: "Siento ahí mis raíces. Ese es mi clima, mi aire y mi mar; esa es mi lluvia y mi hablar. Y me duele Galicia en el alma. Resolverme a ir allá es muy difícil". Por iso, só foi quen de regresar a Madrid, unha única vez en 1969, porque descubrira que xa non lle importaba nada. Mais non acontecía iso con Galiza, que "sigue importándome, y por eso no puedo decidirme a ir".

Foi o día en que se espallaron as cinzas da súa irmá Mª Teresa en Punta Herminia, o pasado 20 de maio, cando por primeira vez tiven algunha información da estadía de Amparo Alvajar en Portugal. Hai pouco tempo, coa idea de facer un artigo-homenaxe polo seu centenario, acudín á memoria privilexiada dun familiar, Javier Fuentes, que lembraba datos moi precisos de cando visitou a Quinta da Toca, o que posibilitou que unha amiga, Mercedes Saavedra Vázquez, que viaxa moito por Portugal, dese coa citada quinta e con outras informacións de interese. Diana Panadés, sobriña-neta de Amparo, tamén achegou unhas notas relevantes. A miña viaxe recente a Monção e as conversas con persoal que traballou naquela Quinta da Toca –nomeadamente Manuel Alves Rodrigues e Mirandolina Gonçalves Fernandes– fixeron o resto. Deixo aquí constancia do meu agradecemento para todas as persoas citadas.

 

O prolongado adeus á Terra desde A Moreira- Monção

Se callar, a señardade da Galiza foi a que a levou a se asentar na beira do Miño, moi perto do berce do poeta monçanés João Verde

Se callar, a señardade da Galiza, a que xa se aludiu, foi a que a levou a se asentar na beira do Miño, moi perto do berce do poeta monçanés João Verde. Non é doado precisar a data exacta do traslado á Quinta da Toca (na actualidade ten outro nome), no lugar de Prado, freguesía da Moreira porque, embora anunciase unha mudanza para comezos de 1981, entre xaneiro e marzo (carta do 19/12/1980), o taxista que traballou para ela informoume que chegou a Monção antes de se xubilar porque el a levaba ao aeroporto Sá Carneiro do Porto para se trasladar a Nova York, Londres ou Xenebra por motivos laborais. En todo caso, se non máis, viviu en Portugal algo máis de 17 anos. Sobre aquel derradeiro período de  vida da coruñesa, abondo desacougante e  para o que só tíñamos preguntas sen resposta, podo agora deitar algunha luz.

A Quinta da Toca é un extenso predio murado onde apenas se deixan ver, desde fóra, as edificacións que contén, nen a casa grande onde moraba Amparo. Pertencía a un home do Porto, o Sr. Olveira, que tiña xornaleiros para traballala porque había viñas moi antigas de albariño e colmeas, e unha pequena edificación chamada "Casa do mel". Ao parecer, Amparo foi de ferias a Monção e hospedouse en Casa Main, onde estaba o citado Olveira, que foi quen lle vendeu a quinta. Ao se trasladar definitivamente, quedou ao seu servizo o capataz que xa tiña o antigo dono, Manuel Abílio Gonçalves ("Manuel da Melindra"), que era a persoa encargada de contratar man de obra eventual para traballar a terra, de facer recados, de ir buscar os xornais... Porque Amparo seguiu cultivando a viña, desprendeuse das colmeas e sementou produtos de horta para o seu consumo. E deu traballo a xentes do lugar, que teñen dela boas lembranzas: alén do capataz, tiña polo día dúas persoas ao seu servizo (Leta e Teresa Gonçalvez) e, en ocasións, persoas eventuais, como Mirandolina Gonçalvez, que comezou a traballar eventualmente aos 14 anos e referiuse á súa xenerosidade e ao pagadora que era. Cada mes, o taxista ía á Coruña para recoller ao seu irmán Javier, que levaba os aspectos administrativos da Quinta da Toca. Aquel recinto murado tiña unha característica que se dá nalgunha outra casa da freguesía: ten dous penedos enormes que rebordan o muro. Naquela morada había unha piscina, unha veleta de ferro oxidado (ben visíbel aínda) e un penedo interior máis pequeno cun estanque con peixes de cores. Ao lado un longo banco con coxíns para ler ou descansar. Aquela casa producía vibracións negativas, certo desasosego a algúns membros da familia que estiveron nela; non moitos, certamente, porque chegou un momento en que Amparo non recibía ninguén. Ao comezo da estadía foron algúns familiares mais, posteriormente, ninguén puido franquear as portas daquel casa.

A coruñesa pensara moitas veces en mercar unha casiña en Rianxo "ou o seu equivalente", para rematar a súa vida alí.

A coruñesa pensara moitas veces  –dixérallo en carta de 22/03/ 1970 a Carmen Muñoz-Rafael Dieste– en mercar unha casiña en Rianxo "ou o seu equivalente", para rematar a súa vida alí. Soñara con ter unha leiriña de patacas, comer leitugas plantadas por ela mesma, deitarse na praia ollando o ceo e escoitar nenos e nenas ao seu redor. E ler sen presas, reler, porque non podía vivir sen lectura... Aqueles pensamentos, aqueles soños conseguiunos a medias: non foi pasar os seus derradeiros anos de vida a Galiza, mais si a un lugar tan perto dela que só con asomarse a aquel balcón do Miño, o "Baluarte de Nossa Senhora da Vista", inserido nas Muralhas de Monção que son Monumento Nacional desde 1910, podía ver o río Miño e as terras do concello de Salvaterra. Alí, á sombra daquel ulmeiro –elemento patrimonial de extrardinario valor que segue vizoso–, Amparo acudiu algunha vez, nas escasas ocasións en que se trasladaba a Monção para realizar algunhas xestións, porque  o seu espazo estaba na Quinta da Toca: lía varios xornais e revistas que recibía de moitas lugares, alén da nutrida biblioteca de que dispuña, e paseaba polo predio.

Baluarte de Nossa Senhora da Vista, Monçao. Face ao miradoiro, Galiza

Lembra Mari Castelo, a súa cuñada que, nunha das ocasións en que a acompañou a aquel miradoiro, ao divisar Galiza dixo con certo nerviosismo: "Imos, imos!". Por veces o taxista tamén a levaba ao consulado que había en Valença do Minho. Nunha delas quixo chamar á Coruña e, como o teléfono estaba avariado, Manuel ofreceulle ir a Tui, ao que ela respondeu cun "non" rotundo: "Non, a Galiza non!". E é que Galiza doíalle na alma. Manifestouno en diferentes momentos e a diferentes destinatarias porque, se ben triunfou no profesional, a súa vida persoal non estivo inzada de pétalas de rosa  e, sensíbel como era, non puido superar o pasado. Até o visionado do filme Z, producíalle grande alteración. Así refería este pormenor en carta de 25/10/1969:

"Hoy a las dos de la tarde fui a ver la película "Z", antes de que la saquen, y he vuelto con las lágrimas en los ojos y enferma de angustia. ¡Tanto me ha recordado cosas vividas de cerca! Es una película política, valiente y muy bien hecha. Y yo (...) que de dramas y de opresión de ánimo ya he tenido una dosis más que suficiente, he vuelto, como te digo, hundida, recordando vívidamente todo lo de España."

A familia sempre estaba no seu pensamento, non só para expresar o desexo de reagrupamento familiar, senón para tratar de solucionar a situación difícil en que vivían as irmás após a guerra (in)civil

No terreo familiar só tiña un desexo, reiterado nas cartas: reunir a familia. Desde a etapa de Buenos Aires dicíallo nas cartas ás irmás, como nunha de 1/10/1953: "Yo bien quisiera, no de ahora, sino de siempre, teneros a todos aquí. No cuento con el dinero para pagaros a todos el viaje, aunque si fuera preciso lo buscaría...". A familia sempre estaba no seu pensamento, non só para expresar o desexo de reagrupamento familiar, senón para tratar de solucionar a situación difícil en que vivían as irmás após a guerra (in)civil; para enviar cartos todos os meses a María Teresa por se encontrar en circunstancias complicadas do ponto de vista económico; para acoller algúns sobriños na súa casa de París; para encargarse da exhumacións dos restos da nai, que estaban en Montauban, e o traslado a París, onde estaban os do pai; para interesarse por reunir unha selección de artigos do pai, con vistas á publicación... Deste vínculo natural coa familia, e da tenrura coa que se manifesta, é boa mostra o epistolario publicado. Talvez outras misivas, que non viron a luz e que non foi posíbel ler, porían de relevo máis datos.

Por iso, resulta tan sorprendente, e desasosegante, o illamento en que se mergullou ao final, voluntario ou non, e a decisión que tomou a respecto dos seus bens. Esta é unha parte delicada e non encontrei receptividade por ningures... E sei que me falta información. De aí que a escolla da palabra axeitada resulte absolutamente necesaria ao me expresar porque non quero enfastiar ninguén, nen ser inoportuna.

Unha parte da Quinta da Toca fotografada desde un terreo algo elevado

Sen poder precisar en que momento, Amparo prescindiu do traballo do capataz, decisión que causou moita dor a Manuel Abílio Gonçalves, e pasou a ser atendida por unha enfermeira que a coidou, T. L., coa que foi imposíbel falar. Ela, o marido e a nai encargáronse dos diferentes traballos da quinta. As palabras dunha sobriña neta, Diana Panadés, ofrecen unha versión do acontecido:

"El día que mi abuela [Mª Teresa Alvajar] recibió la noticia de la muerte de su hermana Amparo, yo estaba con ella. Era una mañana de domingo cuando recibimos una visita imprevista. Por el telefonillo solo logré entender que una persona relacionada con Amparo preguntaba por mi abuela. Ella, por supuesto, quiso recibirla de inmediato. Amparo había tomado la decisión de apartarse de todos y recluirse en su casa de Monção y hacía varios años que nadie de la familia tenía noticias de ella, ni siquiera a través de antiguos amigos comunes. El silencio era absoluto. Recuerdo a una mujer pelirroja de mediana edad que se presentó como la enfermera de Amparo; no puedo llamarla por su nombre porque no lo recuerdo. Había viajado desde Monçao hasta Madrid en coche con su marido, quien también trabajaba en la finca, para comunicar a mi abuela el fallecimiento de Amparo (...) La enfermera le contó que había encontrado la dirección a la que dirigirse en una de las muchas cartas que mi abuela había enviado a su hermana, y que sabía dónde buscar porque Amparo hablaba bastante de ella; creo que eso fue en cierto modo reconfortante para ella. Mi abuela quiso saber si los últimos años de Amparo habían sido buenos y si había sufrido en su muerte, y la enfermera la tranquilizó en ese sentido; le aseguró que Amparo había estado acompañada por ella y su marido y muy bien cuidada y que, por esa razón, los había nombrado herederos de todos sus bienes, incluyendo la propiedad de Monção."

Conta tamén Diana Panadés que a conversa non foi moi longa porque o matrimonio portugués tiña que regresar á Moreira e que Mª Teresa agradeceu á enfermeira que fixese unha viaxe tan longa para falar con ela. Engade que non pode contar nada do que pasou despois porque non coñece os detalles mais o que si asegura é que a súa avoa non prestou atención á vertente legal do asunto; só ficou sumida nunha grande dor pola irmá maior á que xa perdera anos atrás.

Amparo Alvajar morreu ás 16 horas do 17 de abril de 1998

Do que aconteceu despois, tampouco eu podo engadir nada porque, quen mo podía contar, non o fixo e hai que respectalo. Sei que a familia recuperou algúns obxectos persoais, poucos, entre eles un cadro de Luís Seoane. Esta foi a versión comunicada pola enfermeira e o seu home a Mª Teresa Alvajar, a irmá máis pequena á que Amparo adoraba. Coñezo outra versión mais non é doado probala, cando menos nesta altura. O certo é que Amparo Alvajar morreu ás 16 horas do 17 de abril de 1998 e a súa morte foi asentada no rexistro o 20 do mes citado.

Ao fondo, á dereita, a tumba de Amparo Alvajar

Ela non quixo cregos nen signo relixioso ningún. Deixouno dito e así nos foi referido. Porén, o seu desexo non foi respectado totalmente

Impresiona ver a súa tumba solitaria, separada do resto, no cemiterio da Moreira. Dúas palabras na lápida, Amparo Alvajar, e dúas datas, as de nacemento e morte. Ela non quixo cregos nen signo relixioso ningún. Deixouno dito e así nos foi referido. Porén, o seu desexo non foi respectado totalmente porque, como se pode apreciar na imaxe, na parte esquerda, entre o ciprés e a lápida, "alguén" colocou un anxo. 

Que estragos produciu o levantamento militar! E canta dor acugulada nos corazóns!

O anxo que A. Alvajar non querería, entre o ciprés e a lápida

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.