0 Gardados para despois

Marilar Aleixandre ingresará na Academia o 14 xaneiro

Redacción | @prazapublica

Marilar Aleixandre converterase oficialmente en membro de número da Real Academia Galega o vindeiro sábado 14 de xaneiro. O acto terá lugar a partir das 12 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), institución na que é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais.

Lerá o discurso titulado Voces termando da paisaxe galega, ao que lle dará resposta Fina Casalderrey

A nova académica, escritora, bióloga, profesora e investigadora, ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas. Na sesión de recepción lerá o discurso titulado Voces termando da paisaxe galega, ao que lle dará resposta a membro de número da RAG Fina Casalderrey.

Aleixandre converterase así na sexta muller con cadeira na RAG, uníndose a Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez, Margarita Ledo e Fina Casalderrey

Aleixandre converterase así na sexta muller con cadeira na RAG, uníndose a Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez, Margarita Ledo e Fina Casalderrey. Coa incorporación de Chus Pato, xa aprobada e que terá lugar ao longo de 2017, serán sete, aínda en clara maioría con respecto aos 21 homes membros de número. 

Montse Dopico entrevistouna o pasado mes de marzo, cando se fixo oficial a proposta da candidatura para o ingreso"É moi importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas", destacaba nese momento Marilar Aleixandre, reivindicando ademais que "As ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia".

 

Feminismo, ciencia, literatura

Marilar Aleixandre, nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, naceu en 1947 en Madrid e fíxose galega a mediados dos anos 70 cando chegou a Galicia para empezar a traballar como catedrática de ensino secundario en Vigo. Como antes fixera na súa cidade natal, axiña participou activamente na resistencia clandestina ao franquismo: foi líder do movemento veciñal; participou na fundación da primeira asociación feminista galega (a Asociación de Mulleres do Calvario) e despois da AGM. Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego (Xilbarbeira, editado polos autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988); do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991), e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias.

"É moi importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas", destacaba en marzo en entrevista con Praza

Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema. É, de feito, considerada unha das figuras máis relevantes da investigación en didática das ciencias en Europa. En relación co seu labor docente e investigador, é integrante, entre outros, dos consellos de redacción das dúas revistas de meirande índice de impacto na didácticas das ciencias, Science Education e JRST.

"As ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia", reivindica

O seu debut literario produciuse en 1989 con A formiga coxa, o primeiro dos vinte libros que asinou ata o momento de literatura infantil e xuvenil (LIX). Neste xénero colleitou premios como o Merlín (1994) e da Crítica (1995) por A expedición do Pacífico; o Lazarillo (1999) e o Lecturas de literatura xuvenil (2001) por A banda sen futuro; ou o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil (2008) e a inclusión do seu nome na prestixiosa listaxe White Ravens da Biblioteca de Munich (2009) por A cabeza de Medusa. Na narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos. Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou Desescribindo, saído do prelo o pasado mes de decembro. Ademais, é tradutora ao galego de A caza do Carbairán de Lewis Carroll ou Harry Potter e a pedra filosofal de J.K. Rowling.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.