0 Gardados para despois

O cinema como "ferramenta de inclusión" no Morrazo

Redacción | @prazapublica

Un equipo de oito mozos con discapacidade intelectual comezou este sábado no centro da Asociación Juan XXIII de Cangas a gravación da curtametraxe final do taller cinematográfico impartido polo FIC Bueu e financiado pola Obra Social La Caixa.

Oito mozos e mozas con discapacidade intelectual gravan desde esta fin de semana unha curtametraxe do taller do FIC Bueu

A rodaxe, segundo indicou a organización nun comunicado, conta coa colaboración desinteresada dos actores e actrices profesionais Fran Paredes, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e César Aldea, e rematará este mesmo domingo no espazo da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Megalópolis é o título da curta de ciencia ficción na que o grupo de rapaces e rapazas leva máis dun mes traballando coa axuda do director do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Manuel Pena. Son estes mozos e mozas con discapacidade intelectual os que se encargan do guión, dirección, produción, selección de actores, vestiario, maquillaxe ou montaxe.

Os actores Fran Paredes, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e César Aldea colaboran na rodaxe, nan que todo é labor dos oito mozos

O resultado poderase ver na décima edición do FIC Bueu, que se celebrará do 9 o 17 do vindeiro mes de setembro. Desde a organización destacan que a intención é usar o cinema como "ferramenta de inclusión para construír unha sociedade máis xusta e plural". "O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento integral das persoas con discapacidade, favorecendo as súas habilidades psicomotrices, creativas e comunicativas, ao tempo que se promove a integración social e laboral", rematan. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.