Numax: oito escritores, unha máquina de escribir, un conto

Imaxe do proxecto © Numax

No tempo dos soportes dixitais, no tempo no que o propio concepto de copia pon en cuestión o soporte mesmo, a libraría Numax comeza esta semana un proxecto -Tac, Tac, Tac- que parte da creación nun marco analóxico, dando lugar a unha obra única. O proxecto, comisariado por Suso de Toro, convocará en Numax unha vez ao mes a un autor ou autora (escollidos por el), que nun curto espazo de tempo deberán redactar un breve conto (cunha extensión dun folio) nunha vella máquina de escribir.

O texto só existirá nese papel e só poderá ser lido alí, na libraría, durante un tempo limitado

O texto (ao que as súas autoras e autores poderán facer correccións a lapis ou con tipex: "as correccións son o sal que enriquece o texto primeiro", di o comisario) só existirá nese papel e só poderá ser lido alí, na libraría, durante un tempo limitado. A experiencia, que servirá como escusa para falar dos procesos creativos, comezará este mércores ás 20 horas con Margarita Ledo.

A acción quere poñer en valor o que significa "volver facer unha cousa, un folio que sostén palabras escritas, que contén un texto", destaca Suso de Toro, para quen o proxecto nace da reflexión sobre a experiencia do que é ser escritor: "alguén que vive nunha esfera de linguaxe confrontada coa vida e as súas continxencias fóra, no mundo. O mundo virtual da linguaxe en paralelo ao mundo experiencial". A intención de De Toro é "darlle unha volta á constatación de Walter Benjamin sobre a perda de aura da obra de arte no tempo da súa reprodutibilidade técnica e, tamén, sobre o valor e o poder da unicidade fronte as reproducións".

A intención de De Toro é "darlle unha volta á constatación de Walter Benjamin sobre a perda de aura da obra de arte no tempo da súa reprodutibilidade técnica e, tamén, sobre o valor e o poder da unicidade fronte as reproducións"

"Vén ser un apelo á memoria e á experiencia de quen escribiu a man, a máquina despois, acompañado da percusión dos tipos que batían na fita de tinta e no papel. A soidade de cando non se escribía só texto sen tacto nunha pantalla senón que se fabricaba unha cousa: un papel tintado. A añoranza da mínima fisicidade do oficio, o estrañar manchar os dedos de tinta e sentir o ruído da nosa ferramenta, o lapis ou as teclas a bater", explica. "Naturalmente, tamén ten a ver co fetichismo. O noso desexo creador de cousas sagradas ou ás que lle queremos atribuír carácter máxico", di.

O Instituto Rosalía de Castro e Domohomo Arquitectos colaboran na posta en escena (atrezzo) desta actividade, "que require dun recanto confortábel e inspirador tanto para o autor ou autora que deixe alí o seu conto como para quen entre na libraría e queira sentar a ler tranquilamente o texto do mes", destacan os e as responsables de Numax.

 

Imaxe do proxecto © Numax
Interior da libraría © Veredes.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.