"Un país de película". Así é como se presentará o audiovisual galego en oito feiras internacionais durante o ano 2017. O Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, en Francia, será a primeira cita da nova imaxe exterior do audiovisual galego, que baixo as marcas Films from Galicia e Shorts from Galicia presenta un catálogo de ata 70 títulos de cinema e televisión, no caso das longametraxes. Xunto a elas, o programa apoiado pola Agadic presenta seis curtas.
Tras Clermont-Ferrand as seguintes citas serán tamén en Francia: O MIPTV de Cannes, un dos maiores escaparates de traballos para a televisión, do 3 ao 6 de abril, o Marché du Film, tamén en Cannes, do 11 ao 20 de maio, e mais o MIPCOM, que xunta na cidade francesa profesionais nos contidos de entretemento de todo o mundo entre o 16 e o 19 de outubro. No mes de xuño o destino será La Rochelle, onde se celebra o Sunny Side of the Doc, mercado especializado en documentais, e contra finais de ano as novas marcas galegas promocionaranse en Bos Aires, no Ventana Sur.
Os catálogos de longas e curtas baixo a nova marca serán presentados en oito feiras internacionais durante 2017
Films from Galicia e Shorts from Galicia serán tamén protagonistas en Conecta Ficción, o encontro internacional previsto en Santiago entre o 20 e o 23 de xuño. Neste caso a aposta é "conectar" contidos de ficción televisiva entre Europa, Sudamérica e os Estados Unidos. Eventos coma estes, indica a Agadic, serven para promocionar as producións propias e tamén para "estreitar vínculos de coprodución e distribución para os proxectos do audiovisual galego.
Por algúns destes circuítos, subliña a axencia pública, pasaron filmes como a exitosa 'Mimosas', de Óliver Laxe, coproducida con profesionais de Marrocos. Tamén foi o caso de 'Feedback' -coproducida cos EUA-, 'A visitante', con Bélxica, 'As troitas cantan ao mencer', con Portugal, 'Buena Vista Australia', que implicou a profesionais galegos, australianos e alemáns, ou 'Día de Mortos', con México e Portugal.
Longas
O catálogo de Films from Galicia "estrutúrase en catro grandes bloques". O primeiro, 'Pics', amosa ata 23 longametraxes de ficción cunha "elevada porcentaxe de proxectos en avanzada fase de desenvolvemento" e mais de directores noveis en longas, como Andrés Goteira, Álvaro Fernández-Pulpeiro, Jaione Camborda, Anxos Fazáns ou Xacio Baño. 'Docs' presenta 18 longas documentais rematadas e tres en proxecto e 'Toons' integra seis creacións de animación, entre elas 'Psiconautas', de Alberto Vázquez, que vén de sumar un premio Goya aos seus múltiples recoñecementos. O último apartado, de televisión, presenta 13 obras de ficción e sete programas de entretemento.
Curtas
Shorts from Galicia está "dirixida prioritariamente aos programadores" de festivais especializados en curtas. "Inclúe información e acceso profesional á visualización dos seis traballos seleccionados para 2017", explica Agadic. Trátase de 'Montañas ardientes que vomitan fuego' (Helena Girón e Samuel M. Delgado), 'Einstein-Rosen' (Olga Osorio), 'Fajr' (Lois Patiño), 'Homes' (Diana Toucedo) e 'Volver allí' (Lucía Estévez). Xunto a elas figura 'Decorado', pola que Alberto Vázquez tamén vén de ser galardoado nos Goya.