0 Gardados para despois

Anxela Caramés: "O que pretendía afirmar é que si, hai feminismos nas artes visuais en Galicia"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Afirmar, e celebrar, que hai feminismos nas artes visuais en Galicia. Transcender o binarismo de xénero. Mostrar outros corpos, outras sexualidades e outras identidades, que sexan fluídas, plurais e variables. Son os obxectivos da exposición Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia, que acolle o MARCO ata o vindeiro 11 de xuño. Comisariada por Anxela Caramés e producida polo MARCO e o Auditorio de Galicia, a mostra tracexa, a través da escolma da obra de medio cento de artistas, un mapeado sobre feminismos e artes visuais no país. Falamos coa comisaria tras unha visita a Alén dos xéneros.

Dixeches que querías facer unha exposición celebrativa, lúdica, entretida, ademais de política, reivindicativa. Un “si, hai feminismos en Galicia”.

Si, o enfoque segue a influencia do feminismo queer: a reivindicación a través do lúdico, da festa. Resulta evidente que o movemento feminista en Galicia é potente, mais esta non é unha exposición sobre a historia dos feminismos en Galicia. O que pretendía afirmar é: “si, hai feminismos nas artes visuais en Galicia”. Tentei ser inclusiva, mais non están todas as que hai, dado que por cuestións espaciais resultaba imposible ampliar a selección de medio cento de artistas.

"Resulta evidente que o movemento feminista en Galicia é potente, mais esta non é unha exposición sobre a historia dos feminismos en Galicia"

Na exposición hai unha parte de documentación activista que serve para contextualizar as prácticas artísticas. Fundamentalmente seleccionei documentos que reflicten as loitas dos colectivos feministas durante os 70 e 80 que recollen temas fundamentais como o aborto, a sexualidade das mulleres, o divorcio, as agresións machistas, os dereitos das traballadoras…, xunto con algún material dos 90 e dos 2000 e tamén información relativa ás reivindicacións en defensa dos dereitos pola liberdade sexual a principios dos 80, así coma outras.

"Buscaba amosar o uso da linguaxe artística como ferramenta política"

Igualmente, incluímos material gráfico e audiovisual producido por colectivos queer, xa que buscaba amosar o uso da linguaxe artística como ferramenta política. Evidentemente, esta non é unha mostra sobre o movemento feminista en Galicia, que xa se ten feito con anterioridade, senón sobre feminismos e artes visuais. Polo tanto a documentación sobre os feminismos é complementaria á parte artística. Neste senso, é obvio que non poden estar todos os colectivos representados porque este non era o obxectivo de Alén dos xéneros, tanto por motivos espaciais -resultaría inabarcable-, como por criterio curatorial, é dicir, fundamentalmente interesábame resaltar as relacións entre creación artística e política.

É a primeira exposición que tenta ofrecer unha panorámica sobre feminismos e artes visuais en Galicia…

Non se fixera nunca unha exposición con esta formulación: os feminismos nas artes visuais en Galicia. Chus Martínez Domínguez e Xosé Manuel Lens organizaron ‘Marxes e mapas. A creación do xénero en Galicia’ no Auditorio de Galicia, unha exposición de mulleres artistas que non estaba centrada exclusivamente en propostas feministas. Tamén estivo ‘A batalla dos xéneros’ no CGAC, mais non era sobre feminismos en Galicia, senón sobre as artistas pioneiras do panorama internacional. Polo tanto, é a primeira vez que se fai unha exposición con este enfoque. Inicialmente podía parecer que non ía haber tanto, pero hai moita produción creativa feminista.

"Tratei de facer un mapeado do estado da cuestión, unha posibilidade de xenealoxía"

Tratei de facer un mapeado do estado da cuestión, unha posibilidade de xenealoxía, desde a miña visión como comisaria, claro. Tentei ser o máis inclusiva posible, como dixen e, tal como me comentou unha artista, resultei “democrática”, porque poño artistas veteranas ao lado de artistas novas, artistas con estéticas moi diferentes e mesmo obras de con distintas formalizacións, colocadas todas ao mesmo nivel.

A documentación está sobre todo no corredor que leva da parte na que está recollido o feminino/feminista á parte máis LGBTI. Como a conseguiches?

Foi moi importante a documentación das revistas Andaina e A Festa da Palabra Silenciada, dúas publicacións moi importantes no movemento feminista que ademais de prestar atención á cultura, á literatura, a arte, ás artistas, teñen unha vocación estética. Nanina Santos, -que como historiadora que é conserva este material moi ben organizado-, de Andaina, compartiu con nós o arquivo desta revista, e a través dela chegamos ao material de Asociación Galega da Muller (AGM).

Moito deste material xa o coñecía a raíz da organización das xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán en 2009, que foi cando se materializou o Contenedor de feminismos, un proxecto de arquivo móbil posto en marcha xunto con Uqui Permui e Carme Nogueira. O material sobre os primeiros colectivos gais de Galicia foi achegado polo activista Xosé Díaz, quen -para unha docu-acción do Contenedor de feminismos- axudáranos a rememorar a historia da primeira festa do Orgullo Gai en Galicia, celebrada no Parque de Castrelos de Vigo o 28 de xuño de 1981.

Tamén incluímos material de Lerchas e de Mulheres Transgredindo a través da Rede Feminista Galega e contactamos con Nomepisesofreghao -colectivo no que estiven eu mesma-, con Maribolheras Precárias e coa Marcha Mundial das Mulleres, unha plataforma que é amalgama de moitos colectivos… Obviamente hai outros colectivos feministas que son igual de importantes en canto a súa labor activista e que non están na exposición ou que están menos presentes, posto que, insisto, o criterio foi a utilización da linguaxe artística como ferramenta política.

Dicíalo antes: na exposición hai artistas de distintas xeracións. Obras de hai dez anos e outras acabadas de facer. De Chelo Matesanz, Mar Caldas ou Yolanda Herranz a artistas moi noviñas...

Si, comparten espazo profesoras da Facultade de Belas Artes como as que citas e as súas alumnas. Un bo exemplo pode ser o de Yolanda Herranz. Ten un grupo de investigación na Facultade chamado ES2 que traballa sobre cuestións de xénero. De aí saíron Celeste Garrido, Sonia Tourón, Basilisa Fiestras, Laura Piñeiro e Carolina Cruz Guimarey.

"Alguén comentoume que se nota que a exposición trata de ser obxectiva, facendo escollas máis alá de afectos e preferencias persoais"

Alguén comentoume que se nota que a exposición trata de ser obxectiva, facendo escollas máis alá de afectos e preferencias persoais. Nesta investigación, froito de algo máis de dez anos traballando co tema dos feminismos na arte, hai moitas obras e artistas que xa coñecía, mais houbo tamén descubrimentos e novas achegas. Interesábame falar de varias cuestións fundamentais para os feminismos e o movemento LGBTQI, polo que organicei as obras por afinidades temáticas ou conceptuais e non por orde cronolóxica.

Como se estrutura a exposición, nese sentido?

Está dividida en tres bloques. O primeiro bloque, o máis amplo, está situado nas dúas salas simétricas do primeiro andar do MARCO. Nelas están as cuestións da identidade feminina en relación cos feminismos, é dicir, os temas clásicos da axenda feminista, como o corpo, os canons de beleza socialmente impostos, a sexualidade, a maternidade, o binarismo dos roles de xénero, a dicotomía entre espazo público e privado ou a militancia feminista, como poder verse no Contenedor de Feminismos, ou os traballos de Carolina Cruz Guimarey e Carme Nogueira a partir do Movemento de Liberación das Mulleres, ou os cadros de Marta Paz da serie maisquepublicanas.

"No primeiro bloque están as cuestións da identidade feminina en relación cos feminismos"

O segundo bloque fala sobre a subversión das identidades de xénero, dos corpos e das sexualidades desde unha perspectiva queer. A crítica dos códigos da sociedade heteronormativa, baseada nun ríxido binarismo masculino/feminino, heterosexual/ homosexual, etc. Trátase aquí de transcender esa dicotomía de roles de xénero.  A iso responden obras como as do colectivo LSD -coa serie Es-cultura lesbiana-, varios proxectos sobre a sexualidade lésbica da asturiana Mónica Cabo, as fotografías da serie As Verónicas de Sara Sapetti -mulleres que tras ser maquilladas por drag queens parecen homes-, ou as propostas arredor dos implantes e as tecnoloxías de xénero a través das prácticas drag kings propostas nas obras dos colectivos Post-Op e O.R.G.I.A.

"O segundo bloque fala sobre a subversión das identidades de xénero, dos corpos e das sexualidades desde unha perspectiva queer"

Unha terceira parte céntrase na revisión das identidades masculinas. Así, por exemplo, a obra de David Catá, que se apropia das estéticas e técnicas normalmente asociadas ás mulleres e/ou ao feminismo: a performance, a costura e a intimidade. Así, na serie A flor de pel cose sobre a palma da man retratos de persoas importantes para el -os seus familiares, a súa moza, profesores da facultade…- Nas obras de Félix Fernández e Álex Mene translócese un discurso crítico co concepto de masculinidade entendido como unha identidade forte e viril, tal como foi construída desde a sociedade patriarcal. Por outra banda, o discurso homoerótico é claro na obra de Roberto González Fernández, que foi un pioneiro no Estado español á hora de visibilizar o colectivo gai, así como na serie Consumindo Xuventude de Salvador Cidrás, na que fala sobre a identidade masculina na adolescencia.

"Unha terceira parte céntrase na revisión das identidades masculinas"

É unha exposición de arte feita por mulleres e por homes. Homes coma David Catá, Xoán Anleo, Félix Fernández, Roberto González Fernández, Eduardo Fernández… Homes feministas ou cuxos discursos son feministas, aínda que eles se cadra non se definan así.

No caso de Xoán Anleo, por exemplo, si que se define como feminista e na súa obra reflíctese moi ben este discurso feminista. O primeiro que se ve ao entrar na exposición son dúas obras súas, coma un pendón no que pode lerse: “Cuerpos desobedientes. Resistente. Mutante” e “Realidad reversible”. Son pezas claramente inspiradas nas bandeiras usadas nas manifestacións. Outra peza súa que está na entrada da mostra é Index, un listado que recolle títulos de exposicións de arte contemporánea que o influíron, e entre as cales hai unha grande presenza da temática feminista e queer.

Na obra de artistas novos como Julio Álvarez Bautista -que foi doctorando de Xosé Manuel Buxán Bran- e tamén en David Catá -afín a artistas que estiveran no grupo ES2 de Yolanda Herranz- chama a atención o uso performativo do corpo masculino espido que non é tan habitual como no caso das creadoras, tanto para falar de bullying homofóbico no Instituto, como para facer unha alegoría de cambio de fase vital na serie ‘Cinzas’ do segundo.

"Por que mesturar o feminismo co movemento LGBTQI? Na miña opinión é fundamental falar destas sinerxías"

Outros traballos teñen que ver coas identidades homosexuais. E iso lévanos a outra cuestión importante: Por que mesturar o feminismo co movemento LGBTQI? Na miña opinión é fundamental falar destas sinerxías.

A orixe do problema é a mesma. Unha sociedade patriarcal e heteronormativa. Unha determinada -e machista- construción da “masculinidade” e da “feminidade”... Sen entrar nos debates que pode haber entre distintos feminismos, ou entre o queer e os feminismos..., ten todo o sentido.

Para min o movemento LGBTI, o queer e o movemento feminista están moi ligados. Todos parten dunha perspectiva de xénero, aínda que poidan chegar a conclusións non sempre converxentes. Eu entendo os feminismos desde unha perspectiva ampla. Na miña tese doutoral -sobre exposicións feministas realizadas no Estado Español- establecín esa mesma división entre o feminino/feminista, a masculinidade e o queer.

"Para min o movemento LGBTI, o queer e o movemento feminista están moi ligados. Todos parten dunha perspectiva de xénero"

Mais haberá quen opine que non ten que haber homes nunha exposición de arte feminista, ou quen non entenda que se mesturen os feminismos e as loitas polas liberdades sexuais, ou a relación entre o feminismo e a revisión da masculinidade heteropatriarcal.

Está bastante presente na mostra a acción de rúa. Luz Darriba, Ana Gil, Rita Rodríguez, Ana Gesto… É normal, xa que é un dos xeitos de expresión máis importantes para os feminismos. Cousa lóxica se queres levar o teu discurso ao espazo público.

Si, certo. Se falas con feministas que facían accións a finais dos 70 e nos 80 dinche que elas facían o mesmo que despois se deu en chamar “performance”. A performance era un xeito de expresión das reivindicacións feministas habitual en Europa e Estados Unidos nos anos 70 e 80. Como dicía Kate Millett, o persoal é político. O que acontece é que no contexto estatal español todo isto chegou máis tarde.

"Se falas con feministas que facían accións a finais dos 70 e nos 80 dinche que elas facían o mesmo que despois se deu en chamar “performance”

Na exposición quixen mesturar artistas que traballan coa performance, coma as que citas, con accións de rúa de colectivos activistas como as actividades reivindicativas do teatro feminista A Galiata durante os anos 80 en Compostela. Ou tamén algunhas das accións levadas a termo pola Marcha Mundial das Mulleres, como a campaña contra a imposición dos canons de beleza na que repartiron autocolantes con textos críticos en escaparates de comercios de roupa feminina.

Na entrada da exposición destaca unha obra Yolanda Herranz bastante impactante. Un díptico no que pode lerse “Me hace falta besarte para empezar a quererte” e “Me hace falta pegarte para empezar a tenerte”. Unha crítica tan directa da violencia de xénero pode molestar a algúns tanto ou máis que as obras sexualmente explícitas, ou homoeróticas…

Pode ser, si. De feito a artista comentou que era a segunda vez que expoñía esta obra, e que a primeira -no 2007- xerara bastante polémica. A peza é forte, fala dunha maneira meridianamente clara de violencia machista, desa espiral premio-castigo ou do pégoche porque te quero. Todo o que podemos ver na exposición é político, no sentido de reivindicativo, mais esta obra é dunha denuncia brutal nese sentido, sen dúbida.

"Todo o que podemos ver na exposición é político, no sentido de reivindicativo"

Falabamos antes da performance en Europa e América. Boa parte das obras dialogan con artistas doutros países, cos feminismos doutros lugares, coa teoría feminista… Sería o caso, por exemplo, de Carolina Cruz Guimarey e Carme Nogueira en relación ao movemento feminista francés ou as homenaxes á pintora Lee Krasner.

As teas con imaxes de mulleres anónimas que poden verse en Levons-nous de Carolina Cruz Guimarey nacen do himno utilizado polo Movemento francés de Liberación das Mulleres dos anos 70. Carme Nogueira traballa cun texto de Olympe de Gouges, escritora e política francesa, autora da Declaración dos dereitos da muller e da cidadanía en 1791.

As referencias a Lee Krasner aparecen en dúas obras. E iso lévanos a outro tema importante na exposición, que é o rol das mulleres na arte. Lee Krasner foi unha expoñente do expresionismo abstracto cuxa obra foi minusvalorada por ser muller. Nun tempo no que un crítico de arte coma Clement Greenberg dicía que é que na action painting o chorreo de pintura simbolizaba unha exaculación masculina, entón unha muller pouco podía facer alí porque non tiña falo, que era o que parecía xustificar o xenio creador.

"Sobre o rol das mulleres na arte hai varias obras na exposición"

Sobre o rol das mulleres na arte hai varias obras na exposición. Destacan os xogos performativos de Sonia Tourón coa peana, erixíndose en suxeito activo e creador fronte ao rol submiso da musa. María Ruído, nun vídeo, fala ata que non pode facelo máis porque vai tapando a boca, como un xeito de aludir ás voces silenciadas das mulleres, negadas na arte e na historia.

Arredor da erótica feminina e feminista móvense varias obras. O fanzine The Story Behind, ou as que citabamos antes, a serie Es-cultura Lesbiana de LSD ou as fotografías de Mónica Cabo...

En The Story Behind, un proxecto editorial de María Ozámiz, cinco comisarias traballamos con outras cinco artistas arredor dese tema e as súas particularidades entre o espazo privado e público. É un fanzine inspirado na estética das revistas eróticas para mulleres. Na exposición están despregadas as propostas de Mónica Cabo e Carme Nogueira.

O traballo de Gema López da serie Dereitos conecta con este mesmo tema. Nestas fotografías pintadas, catro corpos, que representan tipos de mulleres distintas, serven como vehículo para falar sobre o dereito ao pracer sexual a través das frases gravadas nos seus ventres. No seu autorretrato, simbolizado na zona xenital, vese unha clara alusión a A orixe do mundo de Courbet, aínda que neste caso é a propia artista a que se retrata, sen facer de modelo ou de musa.

"No autorretrato de Gema López, simbolizado na zona xenital, vese unha clara alusión a A orixe do mundo de Courbet"

Nas fotografías Entre tus labios, los míos, Mónica Cabo mostra un cadrado de látex que se utiliza para facer un cunnilingus de forma segura, coma prevención de enfermidades de transmisión sexual. Pola súa banda, a serie ‘Es-cultura lesbiana’ de LSD é un traballo moi coñecido de mediados dos 90 que alude ás relacións sexuais entre mulleres e ten a vontade de construír un imaxinario lésbico.

A violencia de xénero está presente en varias obras. Falabamos antes da de Yolanda Herranz. Outras serían Chelo Matesanz, Ana Gesto, Neves Seara, Lara Bacelo...

Hai varias pezas que falan sobre a violencia machista, como a foto-acción Ni una menos de Ana Gesto. Ou O que Lee Krasner podía ter feito… pero non fixo de Chelo Matesanz, falando da pintora á que faciamos referencia antes. O punto de partida é un anuncio real de colonia para homes que xustifica a violencia no ámbito doméstico, aludindo a mensaxe a que se che pega é porque te quere, entón tes que aturalo. Nos cadros os chorretóns de pintura vermella funcionan a xeito de sangue,  en relación co action painting do expresionismo abstracto.

"Hai varias pezas que falan sobre a violencia machista, como a foto-acción Ni una menos de Ana Gesto"

Lara Bacelo fala dunha relación tóxica, aditiva, de sometemento, a partir de poemas mesturados con fotogramas da película The Addiction de Abel Ferrara. Noutro vídeo, Neves Seara xoga coa idea do amor romántico. “Me quiere, no me quiere”, di mentres despeza un polo ata sacarlle o corazón. Por aí vai tamén o vídeo de Cristian Gradín no que se ve un rapaz triturando unha rosa, que tamén alude á sensibilidade e á fraxilidade fronte á violencia... Coas relacións de dominio e dependencia ten tamén que ver a foto-performance titulada Cautiverio, realizada por Mar Caldas a mediados dos 90. A artista vai sendo enganchada á parede a través de mechóns do seu cabelo, ata que finalmente é soltada cortando anacos do seu pelo.

Carmen Llonín, en Intemperie, amosa unha muller espida, como nunha imaxe da crucifixión, nunha alegoría do sufrimento, da tortura, entendendo o corpo da muller como campo de batalla. As dúas integrantes do colectivo LAG convértense en mulleres-dianas para que a xente poida dispararlles con pistolas de auga na performance Branco fácil, realizada na rúa.

Esta última obra ten que ver con outro tema, que é o corpo das mulleres no espazo público. Rita Rodríguez, por exemplo.

Rita Rodríguez en Performance clásica á maneira tradicional revisita as performances dos 70 nas que as artistas espíanse en público nun xeito de dicir “o meu corpo é meu”, e se quero ensínoo, dándolle a este feito o significado que eu quero. Un pouco como fan Femen agora. Rita fai unha performance na que vai quitando a roupa ata quedar cun disfraz de espida co que camiña pola rúa. En Kiss me envólvese en bolsas de lixo cun cartel que di bícame, deixando descuberta só a boca pintada de vermello, en ofrecemento provocador e subversivo. En Cosida a ti a artista cosíase a alguén e seguía a esa persoa durante un anaco, poñéndose á súa mercede por un tempo previamente acordado con ela. Tamén Carme Nogueira sae a rúa e toma o espazo público na súa obra.

"Fóra da performance, que é máis efémera, apenas hai arte público feminista"

Caídas, de Yolanda Herranz, conecta co espazo público e coa escultura monumental. É unha alegoría das mulleres caídas en todas as batallas. Son 37 pares de pes de distintos tamaños, metalizados en ouro, prata e bronce, que se sitúan na parte posterior da estatua que homenaxea os caídos na batalla de Ponte Sampaio, onde os pontevedreses venceron os franceses. É interesante, ademais, porque fóra da performance, que é máis efémera, apenas hai arte público feminista. O Contenedor de Feminismos, que reúne diferentes materiais feministas, era un xeito de levar o debate á rúa: xuntaba mulleres para conversar sobre temas concretos e recompilar e documentar as súas historias persoais e de loita política, entre o privado e o público.

O matrimonio e o fogar é outro dos temas. Basilisa Fiestras, Sara Sapetti, Celeste Garrido…

Nunha das pezas de Basilisa, as casas pesan sobre os ombros da chaqueta dunha muller. É a casa como espazo opresivo…  Lembra ademais as pezas sobre a muller-casa de Louise Bourgeois. Celeste Garrido fai pezas nas que quere falar do matrimonio como un cárcere para as mulleres a través de vestidos de noiva que se converten en gaiola ou de traxes realizados con cordas que envolven e oprimen o corpo da muller, da mesma maneira que os zapatos de tacón elaborados con pétalos de rosa e espiñas aluden ás torturas femininas.

"Sara Sapetti coloca ao lado dunhas imaxes de produtos de limpeza imaxes de dildos"

Sara Sapetti coloca ao lado dunhas imaxes de produtos de limpeza imaxes de dildos. En realidade son dúas series que fixo por separado: Miss Proper e Os praceres de Lola, pero que finalmente xuntou pola súa potencia á hora de falar das dualidades do espazo doméstico. No refuxio de Mar Ramón, feito cun tendal, tamén se pode ver unha metáfora da casa como lugar perigoso ao tempo que seguro.

Mery Pais fala da muller musulmá, do veo… Fai fotos de mulleres con veo. Dentro dunha caixa están as fotos das mesmas mulleres sen veo, pero só poden velas mulleres. Fai pensar no que se chamaron as distintas “vagas” do feminismo. Cando as mulleres doutras razas, outras relixións… reivindican o seu espazo dentro do feminismo.

A muller musulmá é o leit-motiv da obra de Mary Pais. Ela sabe ben do que fala porque rematou a súa formación artística en Tetuán, onde viviu varios anos e puido empaparse da situación das mulleres no mundo árabe. Esta peza pode resultar polémica, mais ela fala desde o coñecemento íntimo das mulleres retratadas.

Tamén hai algo sobre espazos alternativos de relacionamento de mulleres. Ou sobre matrilinaxes… Como a cabana vermella… Tamén a maternidade, problematizada.

A cabana vermella, de Reme Remedios, ten máis que ver cos círculos de mulleres, a enerxía ancestral, os ritos, a autocuración e a espiritualidade. Un espazo para a conexión entre mulleres e a liberación dos traumas. Co ritual tamén ten relación a peza de Carmen Llonín sobre a angustia da muller do mariñeiro, que non sabe cando e como vai voltar, reflectida a través da espera á beira do mar, sentada nunha cadeira.

Andrea Costas fala sobre a matrilinaxe, a sororidade entre mulleres, mais se cadra non conscientemente. Faino a través de retratos dela coa avoa. A homenaxe a mulleres importantes da historia está presente na obra de Marta Paz, nos retratos de mulleres republicanas como María Casares ou Maruja Mallo, entre outras. Rebeca Lar xoga, pola súa banda, coa idea das “bruxas contemporáneas” a través de 18 debuxos de mulleres coñecidas, estereotipadas como malas mulleres por seren escritoras, actrices, cantantes ou políticas; todas elas mulleres empoderadas e fortes, con presenza pública. Todo isto ten que ver coa reconciliación entre mulleres, fronte ao patriarcado, que tenta que rivalicen.

A maternidade problematizada aparece nun vídeo de Xisela Franco no que a imaxe dela co seu bebé, a xeito de Madonna, aparece distorsionada, esluída, en alusión á maternidade como espazo de conflitos, fronte á idealización da figura da nai. Neves Seara en Que lindo pelo traballa de forma ritual cunha familiar súa que recuperou o seu bebé tras telo perdido porque llo quitaran os servizos sociais.

Co binarismo, a dicotomía home/muller, -cada un cos seus roles de xénero ben diferenciados-, e a súa crítica desde a perspectiva queer -que a considera unha categorización arbitraria e opresiva- relaciónanse tamén unhas cantas obras.

Desde a fotografía de Basilisa A gravata é o outro, na que co seu cabelo representa esa prenda que identificamos facilmente como símbolo do poder masculino, ata por exemplo a Serie Verde de O.R.G.I.A, que xoga cos estereotipos sobre o “macho” español do franquismo, con imaxes horteras e folclóricas. Ou o traballo de Post-Op sobre as tecnoloxías de xénero para conformar as identidades que entendemos como masculinas e femininas. Ou as ambiguas mulleres maquilladas por drag queens de Sara Sapetti, que acaban por parecer homes.

Ou o traballo de Andrea Costas no que funde a súa imaxe con fragmentos de fotografías de homes importantes na súa vida, como o seu pai ou o seu mozo. O vídeo de Chica de la Coru de EDU (Eduardo Fernández), xoga coa linguaxe pop de internet e a estética youtuber, mesturando alta e baixa cultura para facer un alegado queer cheo de referencias teóricas.

"Varias destas obras teñen relación co xénero como representación, como mascarada, como cosmética"

Sabela Dopazo presenta unha muller con catro pernas e pelo no peito, e iso conecta co feminismo da terceira vaga: a hibridación, os suxeitos múltiples, o cyborg, a muller barbuda ou hirsuta. Varias destas obras teñen relación co xénero como representación, como mascarada, como cosmética. O traballo performativo de Moona, gravado en vídeo, presenta a estética trans: fala da androxinia e da angustia do proceso de reasignación de sexo, de home a muller, e despois, como muller, fai unha crítica á sexualización excesiva do seu corpo.

Nesta liña, crítica coa obxectualización do corpo da muller e cuestionadora dos estereotipos de beleza, móvense tamén dúas obras pioneiras como son Ceñida, de Carme Nogueira, e Se você me abrir, não se esqueça de me fechar, da serie Guarda-roupa realizada por Mar Caldas nunha bolsa de residencia artística en Brasil. Félix Fernández fala tamén sobre a produción de corpos como mercadorías sexuais por parte da industria musical a través do seu alter ego Jëan Fixx en Materialización para a eternidade. E cos roles de xénero como construción social ten que ver Bioloxía é destino de Laura Piñeiro, un bastidor cunha tea negra que representa unha vaxina. Ese sexo chamado débil, da mesma artista, afonda nesta mesma idea.

Ademais de conectar co feminismo, a crítica do binarismo ten que ver, claro, coa revisión da masculinidade construída polo patriarcado.

Si, efectivamente. Neste sentido, María Marticorena parodia o cowboy americano na performance Silbando mis tormentos. Vicente Blanco olla os axentes de socialización: a escola e a familia que, xunto á igrexa, impoñen as normas sobre como debemos ser e comportarnos. Félix Fernández, magoado, viste unha camiseta que pon “sensible á beleza”, aludindo a outro tipo de masculinidade que racha cos tópicos da virilidade.

"A exposición trata de transcender ese binarismo de xénero que nos divide entre o masculino e o feminino"

A exposición trata de transcender ese binarismo de xénero que nos divide entre o masculino e o feminino e busca mostrar outros corpos, outras sexualidades e outras identidades, que sexan fluídas, plurais e variables.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.