0 Gardados para despois

A AAAG cuestiona o procedemento de selección do elenco da próxima obra do CDG

Redacción | @prazapublica

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) "lamenta" os "atrancos que está a vivir" a vindeira produción do Centro Dramático Galego, Martes de Carnaval, tras as dimisións de tres membros do tribunal do concurso público desenvolvido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre esas dimisións, atópase a de Tito Asorey, quen ía dirixir As Galas do defunto (unha das dúas partes nas que se configura a produción Martes de Carnaval), que sinala que os motivos da súa dimisión proceden da “falta de acordo coa administración” en canto ao procedemento xurídico que regula a selección do elenco desta montaxe, xa que a aplicación deste proceso “dificultaba enormemente” o proceso artístico do propio Asorey como director.

"Non é o máis axeitado para unha institución coma o CDG, xa que pasa por alto as particularidades laborais e artísticas dos actores e actrices e directores e directoras"

AAAAG cuestiona o proceso de selección que a Agadic impuxo para o CDG, un proceso ante o cal a AAAG sempre manifestou a súa oposición ao considerar que "non é o máis axeitado para unha institución coma o CDG, xa que pasa por alto as particularidades laborais e artísticas dos actores e actrices e directores e directoras", tal e como indica Asorey no seu comunicado. A AAAG transmitiu en diversas ocasións á directora do CDG, Fefa Noia, e ao director da Agadic, Jacobo Sutil, estas preocupacións así como as posibles consecuencias, que agora se materializan e entorpecen o funcionamento desta institución de teatro público".

Nas últimas semanas a AAAG di ter detectado "o descontento xeneralizado que existe na profesión diante do proceso e en base a multitude de reclamacións que recibiu por parte dos seus asociados/as ao respecto de presuntas irregularidades que se estarían a producir na selección de intérpretes no citado proceso". "Consideramos que a Agadic non cumpriu  coa necesaria transparencia e evitou ofrecer explicacións públicas das dimisións, así como as razóns que as motivaron e proseguiu co proceso cunha aparente normalidade que, vendo as informacións publicadas na prensa, dista de toda realidade", din.
 
A AAAG insta á Agadic "a que realice as explicacións públicas oportunas e suficientes" e agarda "un compromiso firme da Agadic para que esta sexa a derradeira ocasión en que se desenvolva un concurso destas características e que a partir de agora busquemos entre todos/as un novo modelo que satisfaga a todas as partes implicadas: actores e actrices, directores e directoras e a propia administración".

Sinala como "unha necesidade urxente" que o Centro Dramático pase a ser "na maior brevidade posible unha institución independente, cunha personalidade xurídica propia e autónoma, cuns estatutos propios"

Sinala como "unha necesidade urxente" que o Centro Dramático pase a ser "na maior brevidade posible unha institución independente, cunha personalidade xurídica propia e autónoma, cuns estatutos propios". Así mesmo, a AAAG iniciará unha rolda de consultas dentro do sector, comezando por escoitar e analizar diferentes propostas cos directores e directoras teatrais, así como do seu corpo asociativo. Considera que é "o momento idóneo para abordar este asunto coa administración", pola "disposición da actual directora do Centro Dramático, que procura sustentar o seu labor no diálogo fluído coa profesión, intención que aplaudimos" e polo "anuncio realizado o pasado 23 de xaneiro na entrega dos Premios da Cultura Galega por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen adiantou a próxima creación dun plan para o sector cultural".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.