Marta Villar e o programa 'En Xogo' serán recoñecidos nos Mestre Mateo

Marta Villar © AGA

Historia viva da televisión en Galicia. A directora de arte Marta Villar e o programa deportivo da TVG En Xogo, con máis de 30 anos de traxectoria, serán premiados na gala dos Mestre Mateo, que terá lugar o 4 de marzo no Palexco da Coruña e que será presentada pola actriz Iolanda Muíños.

A AGA subliña a relevancia que ten entregarlle un premio de honra á unha profesional técnica xa que "son moi poucas as ocasión nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres"

Marta Villar recibirá o premio de honra Fernando Rey por decisión da Academia Galega do Audiovisual (AGA), que con este galardón quere "recoñecer os moitos anos de traballo e a impecable traxectoria dunha compañeira que aínda que esté ‑e neste caso máis que nunca‑ detrás do decorado, forma parte sustancial do noso audiovisual". A AGA subliña a relevancia que ten entregarlle un premio de honra á unha profesional técnica xa que "son moi poucas as ocasión nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres".

Villar, natural de Vigo, formouse como deseñadora de interiores na Escola de Arte Mestre Mateo a principios dos anos 80. O seu primeiro traballo profesional no mundo do audiovisual foi no cine da man de Chano Piñeiro para quen, en 1986, fixo os decorado da curtametraxe Esperanza. Dous anos despois, no 88, realizou o seu primeiro traballo para televisión, o decorado do programa Vivir Aquí, da TVG. E en 1994 creou por primeira vez os decorados dunha serie, Pratos Combinados.

Para TVG ten deseñado os platós de series como Rías Baixas, Fíos, Os Atlánticos, Avenida América ou A Casa de 1906 e de programas actualmente en parrilla como A Revista ou Zig Zag. No ámbito do cine foi directora de arte de películas como Heroína, Agallas, Los muertos van deprisa, A Praia dos afogados ou recentemente Migas de Pan.

De igual xeito, a AGA decidiu este ano conceder o premio especial José Sellier, dedicado a recoñecer iniciativas salientables no sector audiovisual, ao programa deportivo de TVG En Xogo. Con este galardón a Academia quere poñer en valor "o traballo levado a cabo durante máis de 30 anos por este programa a prol da normalización da língua e de apoio ao deporte, no só aos maioritarios, senón principalmente ao deporte de base, aos femininos e a aqueles que adoitan ter escasa repercusión nos medios". A AGA quere tamén recoñecer o feito de que En Xogo ten sido ao longo destas tres décadas "unha grande escola de profesionais pola que pasaron moito e moi bos profesionais do audiovisual galego".

A AGA destaca que En Xogo "é sen dubida unha das mellores canles para potenciar o uso do noso idioma entre os mais novos e normalizando o uso do galego"

O primeiro presentador do programa foi Ovidio González pero por aí pasaron boa parte da redacción de Deportes de TVG, con nomes como Manuel Pampín, Jorge Mariñas, Sergio Delpont, Terio Carrera, Alfonso Hermida, Óscar Benito ou Gustavo Varela. A AGA destaca que "é sen dubida unha das mellores canles para potenciar o uso do noso idioma entre os mais novos e normalizando o uso do galego". Contou ademais cunha boa representación feminina o longo destes mais de 30 anos de emisión, xa que por el pasaron Ana Carragal, Araceli Gonda, Carme Otero, Leticia Piñeiro, Loreto Costa, Irene Lourido, Bibiana Cabo ou Patricia Rodríguez Yuste

Marta Villar © AGA
Equipo de 'En Xogo' © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.