O 46% das galegas le libros habitualmente, fronte ao 34% dos homes

Frecuencia coa que galegos e galegas len libros Dominio Público Praza Pública

As mulleres galegas len máis que homes. Segundo os datos do IGE correspondentes a 2014 (Enquisa estrutural a fogares), máis do 46% das galegas len habitualmente libros non relacionados coa súa profesión ou estudo; un 21% faino a diario, outro 14% varias veces á semana e un 11% varias veces ao mes. Nos homes a suma destas porcentaxes fica no 34%, doce puntos por debaixo, cunha gran diferenza sobre todo entre aqueles que din ler diariamente, apenas un 13,6%. O 50,2% dos homes galegos recoñece non ler nunca, fronte ao 39,8% das galegas.

Entre as persoas que si len libro, elas -ademais- son lectoras máis voraces. Un 44% das lectoras remata un mínimo de 6 libros cada ano, unha porcentaxe que nos homes descende ata o 37%. 

Por xénero literario, as mulleres len moita máis novela que os homes (un 72% das lectoras consume este tipo de libros, fronte ao 54% dos lectores). Tamén algo máis de biografías e memorias e de teatro e poesía. Pola contra, máis homes len libros de divulgación (de xornalismo, historia, ciencia...), e igualmente eles consumen máis banda deseñada.

Elas van un pouco máis a ver museos e exposicións e a representacións de teatro e outras artes escénicas. E eles acoden máis ao cine e a concertos, aínda que as diferenzas son mínimas. Si hai un gran desequilibrio na asistencia a espectáculos deportivos (o 43,1% dos homes vai algunha vez no ano, fronte ao 26,8% das mulleres) 

En canto aos hábitos xerais de aproveitamento do tempo libre, os datos do IGE confirman o máis gusto das mulleres pola lectura (58%-47%) e as artes escénicas (7%-3%), tamén polas manualidades, calceta e costura (32%-7%), polas artes plásticas e por facer actividades en familia. Pola contra, os homes con máis frecuencia reúnense con amigos (85%-80%), van a bares ou discotecas (72%-63%), fan bricolaxe (23%-10%), navegan por internet (61%-55%) ou xogan a videoxogos (25%-11%)

Frecuencia coa que galegos e galegas len libros Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.