0 Gardados para despois

O festival ALT bota o peche tras 16 anos de andaina polo “desinterese total e absoluto” do Concello

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


O ALT, festival alternativo das artes escénicas de Vigo, chámase este ano FinALT. Porque non haberá máis. A organización, -a asociación Noescaféteatro-, bota o peche tras 16 anos de traballo. “Agora o ALT vaise, así, dun plumazo, sen ter en conta nada disto, sen que lles trema a man aos que gobernan, aos que deciden co diñeiro de todos/as que isto non interesa, a maior parte das veces incluso, sen coñecer nin ler o proxecto”, denunciaba a directora do festival, Lola Correa, hai uns días nas redes sociais.

O coordinador do ALT, Roberto Taboada, explica os detalles. “O ano pasado o concello reduciu un 50% a súa achega para o ALT, que xa fora antes reducida en tres cuartos”. A axuda do Concello de Vigo ascendía a 60.000 euros ata o ano 2012, mais foise reducindo ata os 20.000 euros de hai dous anos, e os 10.000 do 2016. “Había un compromiso do concello de volver a achegar 20.000 euros no 2017, pero foi incumprido. E o problema non é só que o concello nos deixe con só 10.000 euros. É que así non podemos acceder ás axudas de Agadic para festivais, porque non chegamos aos mínimos. No 2015, o concello puxera 20.000 euros e Agadic 18.000. Con 10.000 euros, non podemos seguir”.

A axuda do Concello de Vigo ascendía a 60.000 euros ata o ano 2012, mais foise reducindo ata os 20.000 euros de hai dous anos, e os 10.000 do 2016

As dificultades de sobrevivencia do festival son coñecidas desde hai tempo. A estratexia foi decrecer: menos artistas, menos días. “Esta edición, máis curta, menos intensa, pero igualmente cargada de calidade e arte será a que demostrará unha vez máis que un festival de corte alternativo non debe estar en entredito en pleno século XXI onde é necesario seguir experimentando, exhibindo, invadindo os terreos desolados dos escenarios polo menos contestarios para enchelos de irreverencia, que é ao fin e ao cabo o lugar onde deben estar os/as artistas”, dicía a web do Alt do ano pasado.

Cando o ALT cumpría dez anos, -o texto pode lerse aínda na web da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública-, a organización anunciou un festival “austero pero digno”, sen aumento dos prezos das entradas porque “somos un festival alternativo e non comercial”, e malia a “crise, que sempre toca aos máis desfavorecidos, aos irmáns máis pobres, no caso da cultura podemos considerala así”. A falta de cartos, precisamente, é, segundo Roberto Taboada, só unha escusa. “O problema”, afirma, “é que desde hai dous anos hai un desinterese total e absoluto por unha actividade coma esta, porque para outras actividades si hai cartos, e moitos. O que pasa é que xa non somos unha actividade cómoda. E non é só unha cuestión de diñeiro. Antes tiñamos facilidades para acceder a espazos do concello. Hoxe só podemos traballar no MARCO e no Auditorio municipal. Todo son problemas”.

O ALT arrancou no 2002, nun momento no que, -lembrou Lola Correa nas redes sociais-, “en Vigo non había salas, nin escolas superiores, nin municipais”. O Teatro Ensalle, dedicado tamén á creación contemporánea, naceu un ano despois, e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, (ESAD), no 2005. “Quixemos traer a esta cidade”, -segue Lola Correa-, “o que acontecía nas artes escénicas máis innovadoras, apostamos porque esta cidade, tan moderna ela e a máis grande de Galicia, tivese un espazo no mapa alternativo-contemporáneo ou como se lle queira chamar”.

“Quixemos traer a esta cidade”, -segue Lola Correa-, “o que acontecía nas artes escénicas máis innovadoras"

Nos 16 anos de andaina do ALT, pasaron por Vigo case 200 compañías e 500 artistas. A programación foise estendendo por espazos non convencionais: garaxes, escaparates, hoteis, buses…, e unha parte deles foron cedidos polo concello, como o propio MARCO. Puideron verse, por exemplo, pezas do ALT na lonxa. Do mesmo xeito que outros festivais con vocación de achegamento a onde estea a xente, -a filosofía de “se a montaña non vai a Mahoma, Mahoma vai á montaña”, funciona-, o ALT, como o En Pé de Pedra en Santiago ou o Corpo (a) terra de Ourense, foi conquistando o público, que esgotaba rapidamente as entradas para os espectáculos.

“Cando nos reduciron a axuda de 60.000 a 20.000 euros foi traumático, pero adaptámonos. Fixemos un programa máis intensivo. Todo estaba xa recolocado e funcionaba moi ben. Pero con só 10.000 euros, é imposible. Nós non vivimos disto. Podemos precarizarnos a nós mesmos, pero non aos artistas aos que convidamos. Non imos facer o festival a costa dos artistas. Non imos traer a ninguén gratis, nin facerlles vir a taquilla, como fan outros”, salienta Taboada.

"Non imos facer o festival a costa dos artistas. Non imos traer a ninguén gratis, nin facerlles vir a taquilla, como fan outros”

No convenio de colaboración asinado o ano pasado entre o Concello de Vigo e a asociación Noescafé Teatro, o primeiro indica que desexa “promover e colaborar economicamente” na execución da programación da segunda, que considera de “interese social e cultural”, ao  tempo que “complementa a programación propia do concello de Vigo e contribúe a dotar a cidade dunha programación de teatro e danza estable; posibilitando unha maior proxección exterior da cidade e a súa actividade cultural no conxunto do Estado e norte de Portugal”. O concello asigna, así, 10.000 euros de subvención, o 27’39% do orzamento, segundo a memoria económica presentada pola asociación, que prevé tamén 5.000 euros de axuda da Xunta, 3.500 da Universidade de Vigo, 5.000 de achega da propia entidade, 2.000 da venda de entradas e 500 do Instituto Camoes.

A Xunta colabora co ALT a través do apoio da Consellería de Cultura ao programa Procrea en Feminino, integrado no festival. Na presentación do Procrea deste ano, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, definiu o ALT como “escaparate de referencia” e subliñou a oportunidade que o Procrea brinda para “o intercambio cultural entre as propostas escénicas que se están a xestar en Galicia e as que se están a desenvolver noutros puntos do Estado”. Mais, malia toda esta sorte de declaracións de boas intencións, o ALT non poderá manterse.

A fin do ALT chega, ademais, nun contexto de recortes constantes e progresivas das axudas ás artes escénicas, -que acadou un 70 por cento entre 2009 e 2015- e, no caso do Concello de Vigo, dunha política cultural que, segundo denuncian diversas voces da cultura, foi adquirindo caracteres cada vez máis personalistas, con consecuencias moi negativas para a creación contemporánea.

Recentemente, o director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, anunciou a súa decisión de non continuar no seu cargo ao remate do seu contrato tras, segundo explicou, anos loitando por “defender” as funcións do MARCO como “centro de arte contemporánea”, “tratando de manter a calidade da programación e a independencia na xestión” e de evitar a “especulación ou espectacularización” da cultura. Da mesma maneira, outros eventos de referencia da cidade, como o Sinsal, o Vertixe Sonora ou o ImaxinaSons, atopan crecentes dificultades para manterse. “O que pasa”, -opina Taboada-, “é que hai un alcalde que dirixe tan xerarquicamente o concello que todo ten que pasar por el. E se a el non lle interesa a creación contemporánea, nada vai adiante”.

Praza púxose en contacto co concello para recabar a versión do alcalde, Abel Caballero. A resposta recibida é que "o orzamento para Cultura no concello de Vigo medra ano tras ano. E o goberno local pregúntase por que a Xunta non destina fondos para a cultura en Vigo". Mais da lectura do documento dos orzamentos do concello de Vigo do 2017 dedúcese facilmente non só que a creación contemporánea non é unha prioridade, senón que a desigualdade preside o reparto de axudas entre os distintos proxectos. Así, destínanse un total de 173.000 euros ao convenio coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, -organizadora de actividades con gran capacidade de convocatoria de público como o programa Vigo, un mar de corais ou do Festival de Habaneras-, fronte aos 4.000 que recibe Teatro Ensalle, os 7.000 de Sinsal e os 10.000 do ALT.

"Destínanse un total de 173.000 euros ao convenio coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, fronte aos 4.000 que recibe Teatro Ensalle, os 7.000 de Sinsal e os 10.000 do ALT"

Non é, porén, a primeira vez que a relación entre a organización dun festival de artes escénicas contemporáneas e o concello que o acolle se complica. Cando En Pé de Pedra, o festival de danza contemporánea organizado por Matarile en Santiago, rematou, o entón responsable de Cultura na capital galega, Néstor Rego, calculara nuns 50.000 euros a axuda outorgada á compañía nun ano, e aseguraba que o Teatro Galán era a entidade cultural que máis recibía, despois da Fundación Granell. Mais, en realidade, -explicara Matarile-, a axuda do concello non era só para o Teatro Galán. Era para os festivais En Pé de Pedra e A Alternativa. E, segundo matizou Baltasar Patiño, de Matarile, tempo despois, “se comprometes unha axuda para un festival, non podes dicirme que xa me deches para a miña última produción como compañía”.

Desencontros deste tipo houbo moitos máis. Entre os últimos, o do concello de Ourense coa organización de Corpo (a) Terra. “Agora estamos moi ben”, aclara, antes de nada, Begoña Cuquejo, unha das responsables deste festival. “Pero o que pasou no 2015 é que nos deixaron tirados, cos artistas xa chegados aquí para actuar. Cadrou no cambio de goberno, e o que pasou é que o goberno anterior non deixara reservado o orzamento que se comprometera a achegar. Chegou o novo goberno e non había diñeiro. Ao final asumiron unha parte do comprometido polos anteriores, pero porque eles quixeron. Levamos 7 anos, e este ano foi tan ben que xa temos todo pechado a día de hoxe. Unha das dificultades é que, cada vez que muda a concellería de Cultura, é como empezar de cero. Non importa que a traxectoria do festival estea consolidada. Ata que o ven e, claro, entenden que hai que apoialo…”.

Ademais do Corpo (a) Terra, quedan outros festivais independentes: o Vai de Baile de Ferrol, o Quincegotas de A Coruña e Cartografías en movemento de Lugo

Ademais do Corpo (a) Terra, quedan outros festivais independentes: o Vai de Baile de Ferrol, o Quincegotas de A Coruña e Cartografías en movemento de Lugo, unidos na Rede Galega de Festivais de Danza CompliCidades. De iniciativa non pública, tamén o Teatro Ensalle de Vigo organiza os seus propios programas, -de sala-, de artes escénicas contemporáneas. E pouco máis. No ámbito público, a Cidade da Cultura acolle un festival sen aparentes problemas de orzamento como o Escenas do Cambio, de teatro, danza e arte en acción. E algúns concellos manteñen ciclos que promoven a danza contemporánea: como o TRC Danza, no Teatro Rosalía. Mais, fóra dese amparo institucional, a sobrevivencia tórnase moi difícil.

"O peor non é que te deixen sen nada ou cunha axuda miserable. É que ninguén fai nada. Non entendo como a Agadic non fai un traballo de mediación"

A desaparición do ALT é, para Baltasar Patiño, un “desastre”. Pois, indica, “que desapareza calquera festival é unha perda moi grande. Case nunca volven aparecer unha vez que marchan. Ademais, o ALT soubo manter moi ben o equilibrio entre o factor humano e un programa da maior calidade posible, e iso é moi importante. Outros festivais pérdense no tamaño”. Coa experiencia de ter tido que renunciar ao En Pé de Pedra, Patiño engade que, na súa opinión, a dificultade para manter festivais coma este débese en grande medida ao “pananatismo dos políticos, aínda que hai excepcións”. E o peor, -sinala-, “non é que te deixen sen nada ou cunha axuda miserable. É que ninguén fai nada. Non entendo como a Agadic non fai un traballo de mediación. Se hai un desentendemento cun concello, por que non actúa en vez de dicir que non é cousa súa? Non se fai nada institucionalmente. Falla a relación entre organismos”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Trasmisión coreográfica, identidade, copia e orixinal

Sonia Gómez (Cataluña) e Begoña Cuquejo (Galicia), abren o 10 de marzo ás 19:00 horas no MARCO a programación do FinALT. Sonia Gómez presenta ‘Bailarinas’, un proxecto no que convida a outros intérpretes e creadores a facer versións do seu só ‘Bailarina’, unha indagación arredor de como facer un espectáculo cun só intérprete, sen equipo, escenografía ou deseño de luces. Un “modesto” só, nas súas propias palabras, que aspira a converterse en repertorio, a interpretar por outros artistas.

Na edición do Alt do 2016, Javier Cuevas reinterpretou as oito pautas de movemento dadas por Sonia Gómez. Este ano foi a quenda dunha bailarina galega, Begoña Cuquejo, que levou a peza cara ao concepto da hipnose, creando a súa versión, ‘Bailarina Hipnótica’. “Propúxenlle a Sonia varias liñas de traballo, mais a memoria que ela me mandou a min xa me suxería o tema da autohipnose. Roberto Frattini foi o noso ollo externo. A peza de Sonia xa era autárquica, e na miña centrámonos niso, no sentido da autohipnose. Hai unha deconstrución da palabra, do concepto de bailarina, do espazo sonoro…”, explica Cuquejo. O proceso desta peza foi realizado en El Graner, en Barcelona, nunha residencia de tres semanas, e nunha semana no Projet H107 e Relieure Genève, producido polo ALT.

"Hai unha deconstrución da palabra, do concepto de bailarina, do espazo sonoro…”, explica Cuquejo

Conceptos como transmisión coreográfica, -como no proxecto de Sonia Gómez e Begoña Cuquejo-, identidade, o orixinal e a copia… son os fíos que, segundo Roberto Taboada, unen a programación do FinALT. O sábado 11 ás 20:00 horas no MARCO, Masu Fajardo (Illas Canarias) presenta ‘Sujeto visible+sujeto invisible’, espazo de reflexión sobre a posibilidade de que sexa o fóra do corpo o que lle outorga o seu sentido. Masu Fajardo traballa tamén coa hipótese da peza de repertorio que outra persoa pode facer, interpretándoa ou reinterpretándoa.

Esa mesma idea repítese, doutra maneira, na proposta de Celeste González (Illas Canarias), Wakefield Poole, que poderá verse o día 12 no MARCO ás 19:00 horas. González traballou no Ballet Royal de Wallonie (Bélgica), no Ballet Nacional de España e co Matarile, entre outras compañías, teatro Matarile. No ano 2013 comezou un proceso de transición, ”male to female”. Desde entón o seu nome é Celeste González.

O seu último traballo como Mauricio González é Wakefield Poole: Visiones y revisiones. O que poderá verse no ALT é tamén transmisión coreográfica no sentido de que “é unha interpretación feita por Celeste do que facía Mauricio. Ela contábame que sentía que a peza xa non era súa, porque xurdira unha distancia entre o que fixera como Mauricio e o que estaba facendo. Era, ademais, unha peza gay, que agora se revela máis como unha peza de xénero…”, explica Roberto Taboada.  Completan o programa Matarile, cunha nova versión de ‘Antes de la metralla’, o sábado 11 ás 21:30 horas no Auditorio Municipal, e ‘La cuina furtiva’, (Valencia), o domingo ás 14:00 horas no Instituto Camoes.