Os Bolechas van ao Parlamento para explicarllo á rapazada

Os Bolechas, coas nenas e nenos e membros do Parlamento, na escalinata principal do Pazo do Hórreo © Parlamento de Galicia

Dos libros pasaron á televisión e ademais de contarnos historias da súa vida cotiá leváronnos por múltiples recunchos do país, cantaron e bailaron con Novedades Carminha, Ataque Escampe, The Homens ou O Sonoro Maxín e agora chegan ao Parlamento. Os personaxes da familia d'Os Bolechas, creada por Pepe Carreiro, son dos máis populares entre a rapazada, á que de agora en diante tamén lle explicarán como funciona a Cámara galega e que é o que alí se debate e decide.

Uns catro centenares de nenas e nenos acudiron este venres ao Pazo do Hórreo para coñecer de primiera man a sede do lexislativo e estrearen os materiais didácticos editados pola institución coa imaxe da popular familia. Na parte alta da escalinata principal do recinto, a que só se emprega nas solemnidades, os convidados foron recibidos polo presidente, Miguel Santalices, membros da Mesa e dos grupos, pero tamén polos protagonistas da xornada: Carlos, Loli, Pili, Braulio ou Sonia. Mesmo Tatá, o bebé da familia, tivo o seu espazo na tribuna dende a que deputadas e deputados defenden as súas propostas.

Todos os colexios de Infantil e Primaria de Galicia van recibir un capítulo da serie d'Os Bolechas ambientado no Pazo do Hórreo para "espertar o interese dos máis novos sobre os valores democráticos"

Estes materiais didácticos servirán para orientar o alumnado dos centros educativos que se acheguen ao Parlamento dentro do programa de visitas escolares, pero tamén sairá do propio recinto. Así, todos os colexios de Infantil e primaria do país "recibirán en soporte dixital un capítulo da serie d'Os Bolechas ambientado no Parlamento" co que se "tratará de espertar o interese dos máis novos en relación cos valores democráticos e o papel central do Parlamento". Este material complementarase cun espazo na web do Parlamento.

"Entrastes pola porta que só abre cando veñen persoeiros importantes", saudou ás nenas e nenos o presidente da Cámara quen lles explicou que no lexislativo galego se toman decisións que os atinxen tamén a eles, "como os colexios, as materias de estudo, a lingua, os hospitais ou os centros de saúde". "Estamos encantados de que veñades ao Parlamento", asegurou, nun contexto no que a Presidencia di querer "potenciar, especialmente entre a comunidade escolar" o devandito programa de visitas guiadas.

Un intre da visita cos Bolechas ao hemiciclo do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.