Play-Doc inicia o mércores a súa edición "máis diversa" e arriscada

Presentación do Play-Doc © Play-Doc

Un "programa aberto a colaboracións, que enriquecen a proposta sen perder a coherencia nin a identidade que consolidaron o festival de Tui". Así se presenta o 13º Festival Internacional de Documentais de Tui, o Play-Doc, que dá comezo este mércores e durará ata o vindeiro domingo e que aventura a edición "máis diversa e menos compracente"

O Play-Doc presenta a súa edición "máis diversa e menos compracente" nunha "aposta polo risco"

Así, entre os días 22 e 26, Tui acollerá unha nova edición dun festival que "aposta polo risco", cunha programación "controvertida tanto na forma como nos contidos", na que haberá sitio para "rarezas, creadores polémicos e obras censuradas". “Gozamos moito preparando esta edición, foi moi enriquecedor colaborar con outros programadores e rescatar algúns títulos que sempre quixemos compartir no festival”, destacaron os directores do evento, Sara García e Ángel Sánchez, que presentaron o certame este luns xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e o Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.

Segundo os organizadores, Play-Doc alcanza esta nova edición coa vontade de "manter o crecemento sostido que o caracteriza desde que se estreou en 2005". E destacan que os espectadores poderán gozar dun xénero "emerxente" como é o cine documental, "que a última década experimentou un auténtico estourido de creatividade". Ademais, insisten na "calidade" da programación e na accesibilidade a cineastas de enorme prestixios. 

A sección 'Cinema galego' inclúe unha ducia de películas que inclúe sete estreas mundiais

No festival convive a sección oficial, unha competición internacional cun experimentado xurado, con retrospectivas como a que este ano se dedica ao franco-canadense Dominc Gagnon. Ademais, na súa aposta pola creación galega, haberá unha sección con 12 películas que inclúe sete estreas mundiais e ofrece unha visión ampla dun cine diverso, a cargo de autores que representan distintas formas de entender o cine documental.

Así, esta semana poderá verse en Tui a multipremiada nos recente Mestre Mateo ‘Esquece Monelos’, de Ángeles Huerta, xunto con cinco estreas mundiais (‘Aysha’, de Fon Cortizo;  ‘Una vez fuimos salvajes’, de Carmen Bellas; ‘Lenda Negra’, de Elisa Celda, Claudia Gracia, Mario Sanz e Óscar Vincentelli; ‘Quiasma’, de Tono Mejuto, e ‘O equilibrio dos opostos’, de Alberto Baamonde) e unha preestrea (‘Rapa das bestas’, de Jaione Camborda). Completan a selección galega ‘La fuga de los 45’, de Cristina Caamaño; ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; ‘Rust’, de Eloy Domínguez Serén; ‘Manuel Vilariño. Ser luz’, de José Manuel Mouriño; e ‘Vai chover’, de Santiago D. Risco.

Jacobo Sutil, director do Agadic, destacou a "renovada aposta" do festival pola produción galega máis actual a través desta sección Cinema galego. Ademais, cualificou de “fórmula de éxito” a desenvolvida polo Play-Doc, que medra en cada nova entrega e que vai máis alá da mera exhibición para incidir no labor de difusión do xénero documental entre o público galego

"Estreas mundiais, óperas primas e xoias do pasado rescatadas para a ocasión forman parte da oferta de Play-Doc, que se envorcará un ano máis no cine galego e manterá a súa coidada oferta formativa", insisten os organizadores. 

Play-Doc ofrece neste 2017 unha colaboración especial coa prestixiosa sala Metrograph de Nova York, cuxo director artístico e programador, Jake Perlin, presentará en Tui un ciclo de cinco películas baixo o título The Wrong Revolution. A colaboración co festival Porto/Post/Doc, que programa o clásico dos anos cincuenta On the Bowery, a sección Retratos e os talleres, seminarios e encontros programados, xunto coas actuacións, que este ano ten a Joan As Police Woman como principal atracción, completan o programa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.