O Resurrection critica a alza nun 500% dos prezos do aloxamento en Viveiro durante o festival

O Resurrection Fest leva cada verán a Viveiro a milleiros de persoas de toda a Península © Resurrection Fest

O Resurrection Fest difundiu este xoves un comunicado no que alerta do forte incremento dos prezos do aloxamento en Viveiro e nas localidade próximas durante os días que dura o festival, a cita máis importante de hardcore, metal e punk da Península Ibérica e que cada ano atrae á Mariña lucense decenas de milleiros de persoas. O festival sinala que "nos últimos anos incrementouse o prezo de hoteis e pisos particulares ata máis dun 500%, mesmo dende o primeiro día do anuncio das datas, deixando poucas posibilidades para que os asistentes poidan acceder a este tipo de aloxamento e se converta nunha poxa constante e sen límite".

A organización subliña que "de manterse esta situación a longo prazo, será insostible manter o festival" na localidade e pide "regular isto dalgunha maneira". "Como di o refrán, 'a avaricia rompe o saco'. Agora mesmo en Viveiro temos algo moi bo que se creou ao longo dos anos, que beneficia a todo o mundo e debemos coidalo entre todos, cada un a súa parte", destacan. 

"Consideramos que é un abuso que por unha semana nun piso se chegue a cobrar ata 1000 euros, ou unha noite de hotel saia a 800 euros", din, engadindo que "estes prezos ao alcance de poucos e completamente inxustos -que chegan a superar 10 veces o prezo habitual- cada ano se incrementan en maior proporción".

"É unha situación totalmente inviable para todo o público, que ao final é o gran prexudicado, e cómpre facer algo. Entendemos a lei de oferta e demanda. Sabemos que a oferta hostaleira non é grande, nin en Viveiro nin na bisbarra, pero dalgunha maneira os prezos deben ter certos límites, xa que este escenario está xerando unha barreira inamovible para todo o público do festival que desexa vir de todas partes de España e Europa, e atópase con prezos superiores aos doutras zonas turísticas en tempada alta", explican. Conclúen que "debe facerse algo ao respecto e que o público non sexa o prexudicado" e piden o apoio da poboación da comarca "xa que consideramos Viveiro a nosa casa e é parte da esencia do festival". 

O festival conta con varias zonas de acampada (dúas libres e dúas de pago) pero que resultan insuficientes para acoller os máis de 20 mil asistentes que se reúnen en cada un dos días do evento (un total de 80.542 sumando as catro xornadas). Na edición 2017, que se celebrará entre o 5 e o 8 de xullo, de seguro que se igualarán ou superarán as cifras de anos anteriores, cun público atraído pola presenza de ducias de bandas de primeiro nivel encabezadas polo único concerto na península de Rammstein, ademais de Rancid, Mastodon ou Sabaton.

 

O Resurrection Fest leva cada verán a Viveiro a milleiros de persoas de toda a Península © Resurrection Fest
Durante tres días Viveiro convértese na capital do heavy na Península © Rubén Navarro
Cartel da edición 2017 do festival, encabezado polo único concerto de Rammstein na Península © Resurection Fest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.