Alfonso Pato: "Agadic está en mans de robots, e é moi difícil dialogar con robots"

Alfonso Pato, director do Festival de Cans © Rafa Costas

Cans seguirá adiante coas accións legais que xa emprendeu contra a decisión da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de deixalo fóra das axudas a festivais. O evento reitera as súas denuncias sobre o mal funcionamento da plataforma tecnolóxica da Xunta (única vía permitida para a presentación de documentación), que obrigou a este e a outros catro festivais (Curtocircuíto, Cineuropa, FKM e Primavera do Cine) a remitir os seus materiais por correo físico certificado. E a pesar de que este xoves Agadic afirmou que non lle constaba (no rexistro de actividade da plataforma) que Cans tentara levar a cabo a operación, dende o festival porriñés asegúrase que teñen probas do acceso á web de envío, que adxuntarán aos seus recursos.

"Non recoñecen en ningún momento que houbo unha anomalía, non asumen que é algo completamente insólito que queden fóra cinco festivais de nove presentados"

Alfonso Pato, director do Festival de Cans, amósase sorprendido pola resposta da axencia. "A ningún de nós se nos avisou de que este procedemento non estaba correcto. Non recoñecen en ningún momento que houbo unha anomalía, non asumen que é algo completamente insólito que queden fóra cinco festivais de nove presentados. A eles pode parecerlles normal iso, pero nin nós nin a Coordinadora de Festivais pensamos que o é". Nos vindeiros días Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia fará pública unha denuncia do sucedido.

"En Agadic non vemos vontade de negociación nin de buscar unha solución. O problema é que Agadic está en mans de robots, programados, que reciben ordes e que non teñen iniciativa de ningún tipo nin ideas propias. Son robots obedientes, sen poder nin decisións, que non saen do rego que lles marcan dende arriba. E é moi difícil dialogar con robots. Ese é o problema e por iso está o barco nas pedras", denuncia Pato.

"Para nós é un problema moi grave, pero non dependemos disto en exclusiva. Igual se nos vai un 25% do orzamento e temos que recompoñer un pouco o festival, recortar algo algún día"

En que afectaría a perda da subvención ao festival? "Para nós é un problema moi grave, pero non dependemos disto en exclusiva. Igual se nos vai un 25% do orzamento e temos que recompoñer un pouco o festival, recortar algo algún día", explica Pato, que sinala que a principal dificultade é a ausencia do anticipo económico que ía ligado á concesión da axuda. "Levamos 5 anos traballando moi duro para buscar patrocinios privados e caladoiros de recursos propios, coma a tenda online do festival. Se non fose por isto, igual nos enterraban con esta decisión", di, engadindo que "ás veces penso que é o que desexan, afundirnos".

"En resposta ao sucedido moita xente está chamando para patrocinar galpóns, para botar unha man. É moi emocionante isto que está pasando"

O evento conta coa colaboración absoluta do Concello do Porriño e da Deputación de Pontevedra. "A nivel local temos tamén o apoio total de todos os partidos políticos, algo que nos agradou moito. Recibimos chamadas de xente do Partido Popular, que dixeron que ían tentar mediar neste asunto, porque saben da dimensión que o festival ten para o concello", sinala. "Nós imos seguir para adiante. O festival será doutra forma, pero será", conclúe. Explica que nos últimos días incrementouse a procura de fondos privados e que "en resposta ao sucedido moita xente está chamando para patrocinar galpóns, para botar unha man. É moi emocionante isto que está pasando, o aprecio que a xente lle ten ao festival". 

 

Alfonso Pato, director do Festival de Cans © Rafa Costas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.