Nove mil alumnos e alumnas de Lugo afondarán na figura de Maruja Mallo

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto © Deputación de Lugo

Durante a semana do 17 ao 21 de abril ao redor de nove mil alumnos e alumnas 44 centros de Educación Secundaria de toda a provincia de Lugo realizarán diferentes actividades relacionadas coa figura de Maruja Mallo, afondando na figura da artista viveirense, á que se lle dedica este ano o Día das Artes Galegas.

As actividades, enmarcadas no ámbito da educación plástica e visual, a lingua e a literatura, as ciencias sociais, a xeografía e a historia, así como a música, xiran ao redor do libro Bos días Maruja, 12 estampas dunha pintora, editado polo organismo provincial. A Semana Escolar con Maruja Mallo foi presentada este martes pola Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, acompañada de Llerena Perozo, autora do libro que serve para divulgar entre o alumnado de educación secundaria coñecementos sobre a vida e obra de Mallo. García Porto subliñou que “con esta iniciativa facemos a nosa achega á difusión nos centros lucenses da vida e da obra dunha artista xa universal". O venres 21, como conclusión á semana, levarase a cabo o descubrimento dun mural que elaborarán os alumnos e alumnas e no que reflectirán a súa visión da obra da artista lucense

A obra de base condensa en 12 estampas ou capítulos a longa traxectoria de Mallo, reproducindo ademais cadros e pinturas das tendencias máis significativas da artista. O libro crea unha personaxe de ficción que conversa con Maruja e narra as máis importantes circunstancias da súa vida, valora a súa obra e dálles voz a personaxes tan significativos como María Teresa León, Rafael Alberti, Miguel Hernández, Pablo Neruda, Luis Buñuel, Federico García Lorca, María de Maeztu, etc, que interveñen nas diversas narracións, construídas ao xeito de contos.

 

Día das Artes Galegas

O pasado 1 de abril Viveiro acolleu os actos de celebración do Día das Artes Galegas, dedicados este ano a Maruja Mallo. A homenaxe, organizada conxuntamente pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), a Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello viveirense, centrouse na traxectoria artística da pintora, pero tamén na súa dimensión pública como muller pioneira e transgresora. Así o subliñou, por exemplo, o presidente da Deputación lucense, Darío Campos, quen lembrou que Maruja Mallo "estivo de bolseira" da institución provincial durante tres anos, o que permitiu que ampliase a súa formación unha muller que foi "exemplo de valentía, liberdade e defensa dos dereitos das mulleres nunha época de prohibicións e represión", pero tamén "unha das mulleres que liderou unha das xeracións máis importantes e prolíficas", como foi a Xeración do 27.

No ano 2015 a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu instituír o Día das Artes Galegas dedicando cada unha destas celebracións culturais a artistas pertencentes á nosa cultura. No primeiro ano a figura elixida foi o Mestre Mateo, no segundo correspondeulle a Castelao e nesta terceira edición é Maruja Mallo a merecente da distinción.

A Deputación de Lugo inaugurará en xuño unha exposición no Museo Provincial que inclúe os sete cadros de Maruja Mallo cos que conta a institución, entre eles o popular Guía postal de Lugo. O ente provincial lucense prepara ademais un libro para divulgar a figura da pintora entre o alumnado de secundaria. En 2014 Guía postal de Lugo foi o centro da exposición Olladas de muller, comisariada por Encarna Lago e Anxela Caramés. Nesa ocasión o proxecto convocou a nove creadoras: Mónica Alonso, Carla Andrade, Mónica Cabo, Carolina Cruz Guimarey, Xisela Franco, Carmen Llonín, Paulova (Paula López Vallejo), Antía Moure, Colectivo Tanuki (Nieves Neira e Cristina Sánchez), xunto con Vari Caramés, para que reinterpretasen a obra orixinal de Mallo.

 

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto © Deputación de Lugo
'La sorpresa del trigo' Dominio Público Maruja Mallo
Maruja Mallo © Real Academia Galega de Belas Artes
Arquitectura humana, de Maruja Mallo Dominio Público Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.