Ana Vallés: “Parece que o poder só pode cuestionarse en abstracto, nunca de fronte”

Un momento de 'Antes de la Metralla' no ALT, en Vigo © Rubén Vilanova

Pouco despois de facer a última función en Galicia de Antes de la metralla, Matarile volveron a Ferrol, a cidade da que proceden, para celebrar os seus 30 anos de andaina cunha triple programación, con Staying alive, Teatro Invisible e El cuello de la jirafa. As tres funcións intégranse no ciclo Rómpete el alma, creado pola concellaría de Cultura co obxectivo de singularizar Ferrol no panorama da exhibición da creación contemporánea do país. Matarile presentaron, ademais, neste mesmo ciclo, un libro editado por Julio Fernández que recolle os textos de Cerrado por aburrimiento, Staying alive, Teatro invisible e El cuello de la jirafa. Falamos con Ana Vallés.

Antes de la metralla xurdiu dun proceso de creación realizado nuns poucos días en Ribadavia… Como foi?

Foi unha proposta nosa, a partir das Ponencias Perras, que fixemos en Santiago na celebración dos 30 anos de Matarile. Queriamos sacar algúns temas da escena contemporánea dunha forma irreverente, aínda que ao final non o foi tanto... Empezamos a darlle voltas á idea, e acabouse configurando como un encontro entre distintas miradas: de programadores, investigadores e actuantes.

Un intercambio sobre unha serie de ideas previas, con moito traballo de correo electrónico feito antes de chegar a Ribadavia. O que quixemos mostrar é, sobre todo, o feedback entre nós. O primeiro Antes de la metralla que fixemos, no Festival de Ribadavia, foi moi enerxético, moi brutal. E a partir de aí quixemos manter iso, como mantemos algúns temas ou a proximidade do público. Pero o espectáculo vai evolucionando.

“O que quixemos mostrar é, sobre todo, o encontro, o feedback entre nós”

Na segunda función incorporouse Mauricio González -agora Celeste González- que non estivera na primeira. E nas últimas varios convidados participantes. Na última, en concreto, que foi no festival ALT, tivemos catro persoas convidadas, ademais do elenco habitual. Xuntámonos durante dous ou tres días, segundo o marco que nos ofrece o festival que nos acolle. Máis que un ensaio, é un intercambio, un pacto para ver como organizamos o material.

“En realidade, todo o que fixemos desde o 2013 vai cara aí: acurtar os procesos e facer un encontro social”

En realidade, todo o que fixemos desde o 2013 vai cara aí: acurtar os procesos e facer un encontro social. Cando tes pouco tempo, xogas coa túa bagaxe previa, claro. Non podes improvisar desde a nada, e os 30 anos de traballo de Matarile están aí. Procuramos a proximidade a todos os niveis, e interésanos o que pasa no momento. No ALT eramos 13 e producíronse accidentes, despistes… pero como todo está moi vivo, resólvese no momento.

Ao principio do Antes de la metralla do ALT, alguén dicía que non iades lamentar a fin do festival, senón celebrar o seu cumpreanos. Como fixo Matarile, que marchou un tempo tras Cerrado por aburrimiento e despois volveu.

Claro, porque para min son etapas. Así lles dixen a Lola Correa e Roberto Taboada, os organizadores do ALT: non é o final do ALT, é unha pausa, un intermedio. Eles van conseguir saír por outro lado. Tamén nós, cando paramos, non tiñamos unha data de volta, pero non abandonamos. Fixemos traballos con outras compañías. E eu penso que os períodos de reflexión son saudables, cando os decides ti. Porque che permiten ollar as cousas desde fóra, sen estar sometido á urxencia do inmediato, que vén tamén pola precariedade e pola loita constante pola sobrevivencia na que temos que traballar.

"Penso que os períodos de reflexión son saudables, cando os decides ti"

En Staying alive, a obra coa que volvestes tras Cerrado por aburrimiento, era importante G. Steiner, a través do que falabades da peor Europa posible… E iso volve estar en Antes de la metralla. En relación, ademais, coa idea do lixo branco.

Porque hai outras Europas, e non só as que nos deixan ver. Podemos mirar outras culturas. E, ademais, estamos a mirar sempre ás orixes, ao pasado. Vivimos como das ruínas. Outras culturas non viven das ruínas, teñen todo por facer. Steiner fala de Europa, e en Europa o pasado está en todas partes. E mirar demasiado ao pasado pode impedir o movemento. En Antes de la metralla, Ana Contreras fai referencia a algo que eu dixera, si, en Staying alive. Se falas do que estás a facer, é lóxico que retomes o xa dito.

“Estamos a mirar sempre ás orixes, ao pasado. Vivimos como das ruínas”

E non me parece casual que esteamos dándolle voltas dándolle voltas ao que está pasando en Europa, a nivel individual, social, político, artístico… Na última saída internacional de Matarile, que foi a Romenia, falábase de ‘Europa. Cara onde?’. É un tema que está aí, que é necesario que nos reformulemos. A arte europea está ancorada no clásico, é como algo intocable… E si que nos metemos co home branco, e é lóxico. Por exemplo, a través da anécdota dos mendigos. Uns mendigos son exhibidos nun museo sueco de xeito que o visitante non tiña que achegarse nin que relacionarse con eles. Un cartel poñía: “Hoxe vostedes non teñen que dar”.

“A obxectualización das persoas é en realidade o que leva a facer a arte europea ao longo da súa historia”

É un exemplo de obxectualización das persoas pola arte. Que en realidade é o que leva a facer a arte europea ao longo da súa historia. Xa no século XIX, coas exposicións universais nas que se mostraban os corpos dos chamados “indíxenas”. Era un xeito de cousificar as persoas diferentes a nós. E un exemplo de utilización demagóxica das persoas do común na escena. Obras que utilizan voluntarios, por exemplo, dicíndolles que poden subir ao escenario e seren protagonistas. Pero a verdade é que son usados como obxectos. Non se sitúan ao mesmo nivel dos artistas.

A estupidez é outro dos temas de Antes de la metralla.

Vivimos no medio da estupidez, en todos os sentidos. Hai tanto que falar aí.. Cada ano véñennos consignas novas de por onde temos que ir. E, estupidamente, hai correntes que se seguen. Estupideces como marcarche o temo vital dunha obra. As institucións dinche que cada ano tes que presentar algo novo, e é ridículo: non se permita que as obras teñan o tempo que precisan para desenvolverse. E mira, pode ser que unha obra dure 12 anos, como durou un só de María Muñoz.

“Creo que temos que romper o mandato obrigatorio, a temporalidade marcada desde o “mercado”, desde as institucións”

Creo que temos que romper o mandato obrigatorio, a temporalidade marcada desde o “mercado”, desde as institucións. E o paradoxo é que por unha banda está o culto ao pasado e por outra a data de caducidade do novo. Agora ten que ser todo de usar e tirar. E a iso únese a falta de respecto polo noso traballo, a falta de medios...

"En Vigo, o concello daba 170.000 euros de axuda para as corais e 10.000 para o ALT"

No ALT xa o comentamos: en Vigo, o concello daba 170.000 euros de axuda para as corais e 10.000 para o ALT. Pasa o mesmo, ademais, na cultura que na sociedade: cada vez hai máis diferencias entre ricos e pobres. Hai dúas ou tres figuras que están no top, que cobran o indicible, e o resto sobrevivimos en condicións que rozan a indignidade. É un reflexo dunha sociedade que avanza cara unha maior desigualdade.

En Staying alive e Teatro Invisible xa estaba a invisibilidade do teatro…

Teatro Invisible é unha maneira de dicir: pasounos a etapa de demostrar ou xustificar o que facemos. Isto é o que facemos, e xa está. Ademais, hai un exceso de discurso nas artes. Cando tes que rodearte de moita xustificación, cando hai que pasalo todo polo filtro dos discursos intelectuais, é síntoma de que algo está fracasando.

"Cando hai que pasalo todo polo filtro dos discursos intelectuais, é síntoma de que algo está fracasando"

O da invisibilidade é un tema que comezou con ‘Animales artificiales’, onde eu falaba de que hai outro teatro, que non se ve, no sentido de que non abunda nas programacións. Hai uns focos de luz que iluminan unha parte da realidade. E eu creo que é a nosa responsabilidade escoller o que queremos ver, aínda que non estea tan iluminado por grandes focos mediáticos ou publicitarios.

Alguén di tamén en Antes de la metralla que sempre volvemos ás regras clásicas, por moi contemporáneos que sexamos.

Temos que ser moi críticos co que facemos. Está claro que se formulas, desde a escena, facer as cousas doutra maneira, tes que traballalo. Non vale mudar de discurso e manter as mesmas formas autoritarias… Non lle podes dicir ao espectador o que ten que pensar. Non podes dicirlle que comparta contigo a escena e despois deixarlle falar só cando ti queres. Tes que reformular a relación co espectador. E non facer demagoxia. Na Metralla tentamos situarnos todos como espectadores e falamos desde aí.

“Non vale mudar de discurso e manter as mesmas formas autoritarias…”

Non é dicirlle ao espectador que se meta no cuadrilátero e que se mova como queira. Porque iso non deixa de ser darlle ordes. Non é iso. É crear as condicións para que iso suceda. É convidalo e aterse ás consecuencias. Non é dicirlle agora móvase, agora aplauda, agora pode rir. Nós tivemos bastante debate sobre iso. Queriamos convidar o espectador a tomar a palabra, pero sen verbalizalo. Sen dicir, alguén quere dicir algo? Non é que o artista, benevolamente, permita ao espectador participar.

“Non é dicirlle ao espectador que se meta no cuadrilátero e que se mova como queira. É crear as condicións para que iso suceda”

A identidade é outro dos eixes. Tratado de distintas maneiras: cando Celeste González fala da súa transición de Mauricio a Celeste, cando falades da identidade como manipulación, de que é mellor entender a identificación como proceso, alén das identidades estáticas… En Usted está aquí, por exemplo, xa estaba o tema dos binomios de xénero obrigatorios.

É que a identidade é un tema presente en todo o que fago. Porque penso que temos que desmontar os estereotipos sobre a identidade. A cada persoa impóñenlle unha identidade: unha orixe, unha tradición, un pasado, uns supostos afectos e desafectos, un xénero…

“Temos que desmontar os estereotipos sobre a identidade”

Por iso está moi ben o que comenta Ana Contreras de que é mellor pensar na identificación que na identidade. Un identifícase co que ama, coas súas experiencias emotivas… O resto son supostos que creamos para poder vivir en sociedade. Son só pactos que creamos para poder convivir.

Pero quen somos? O que pon no noso DNI? O que pon no noso currículo? Tentamos desmontar iso. Ademais, bombardéannos con iso: na televisión hai unha utilización sistemática do corpo feminino en cada imaxe. Non é que teñas unha identidade feminina porque naciches muller. É que che van facer identificarte cunha determinada concepción da feminidade. E a pregunta é, con que te identificas ti, realmente?

Algo de relación ten cunha cousa que comenta Mónica García: non somos sempre os mesmos, un día podemos pensar unha cousa e outro outra distinta.

Ten que ver co valor de tomar a palabra, aínda que non esteas segura, aínda que teñas dúbidas. Mónica vén da danza e por iso estaba afeita a estar calada, a falar co corpo. Ocorre que parece que o peso da palabra é moito maior que o de outros xeitos de expresión. Parece que, se te manifestas verbalmente, estás a tomar máis posición. En realidade tomamos posición con todo o que facemos: os nosos actos, as nosas malas caras, a nosa maneira de movernos…

“Parece que o peso da palabra é moito maior que o de outros xeitos de expresión”

Nada existe sen ser observado, di outro dos actuantes. En El cuello de la jirafa -que na súa disposición física era semellante a Antes de la metralla- cuestionabades a posición do espectador. O observador que crea o observado.

É un tema co que levo tempo, si. O punto de vista do observador, a súa proximidade ou lonxanía. No noso regreso como Matarile, xa o dicía antes, hai un achegarnos máis ao  público. En Métase nos seus asuntos xa estaba o tema da posición do espectador, da súa implicación ou pasividade ante un acto público.

“Estamos afeitos a mirar imaxes que nos poñen diante, a ver o mundo a través da pantalla”

En Teatro invisible está o poder da imaxe, a banalidade coa que é presentada, o bombardeo de imaxes e a necesidade de pararnos a observalas. Estamos afeitos a mirar imaxes que nos poñen diante, a ver o mundo a través da pantalla. Antes o mundo era un misterio, algo inabarcable… e agora vivimos nun constante bombardeo de imaxes.

Ricardo Santana e Mónica García falan da estratexia e da táctica…

Porque as persoas que traballamos nas artes escénicas estamos situadas sempre na táctica. Temos que amoldarnos a situacións marcadas polas estratexias deseñadas polo poder.

Vides de presentar en Ferrol o libro de Edicións Invasoras no que recolledes os textos de Cerrado por aburrimiento, Staying alive, Teatro invisible e El cuello de la jirafa. O editor, Julio Fernández, explica no limiar que non son obras dramáticas nin posdramáticas. Son documentos, que recollen todas as palabras ditas en escena. Non só as túas.

Eu tiña moitas reticencias á hora de publicar textos. Pero quería apoiar o proxecto de Julio como editor, e sabía que hai persoas interesadas en ler os textos… O que pasa é que, para min, os textos son unha parte mínima das nosas obras. Non se limitan á palabra, que é un elemento máis.

“Creo que os temas “transcendentes” teñen que ser tratados con levidade ou con risa para non resultar insoportables”

Ademais, a min non me gusta a transcendencia. Creo que os temas “transcendentes” teñen que ser tratados con levidade ou con risa para non resultar insoportables. Mais, como todo xogo, o que facemos é un xogo serio. Xogamos moito, desfrutamos cos corpos, como en Staying alive, que era unha exaltación do corpo e da potencia do corpo da muller. Os corpos expresan máis do que se di.

Cando fixestes Antes de la metralla en Santiago, no festival Escenas do Cambio, marcharon o director do festival, Pablo Fidalgo, e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira. Que pasou?

Que lles molestou o rap cantado por Ricardo e Celeste, que mencionaba a Cidade da Cultura irrespectuosamente. Sentíronse ofendidos. E é moi curioso que por un lado se acepte que a creación contemporánea ten que cuestionar o poder e que por outro se decida marchar enfadado do lugar onde se cuestiona o poder.

"Está ben meterse cunha inxustiza que acontece lonxe, pero se o fas desde o teu corpo, desde a túa posición, coa persoa diante, non está permitido"

Porque parece que o poder só pode cuestionarse en abstracto, pero non de fronte. Está ben meterse cunha inxustiza que acontece lonxe, ou que aconteceu no pasado, pero se o fas desde o teu corpo, desde a túa posición, coa persoa diante, non está permitido. Censúrante inmediatamente.

Celebrades os vosos 30 anos en Ferrol, que é de onde vides.

Estamos moi contentos de volver a Ferrol, de que sexa en Ferrol, e ademais penso que é bonito para o espectador poder ver tres obras en tres días.

 

© Rubén Vilanova

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.