0 Gardados para despois

Familias de asasinados polo franquismo fan memoria no cárcere de Lugo onde estiveron presos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O vello cárcere do partido xudicial de Lugo foi inaugurado en 1887 e funcionou como tal ata 1981. Case un século de historia no que o golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura figura como o período máis negro do edificio, reaberto o pasado marzo como espazo cultural tras varios anos de rehabilitación. Tras os actos inaugurais no vello cárcere lucense véñense de poñer en marcha tres exposicións simultáneas coa memoria histórica como fío condutor. Un trío de mostras "para dignificar as vítimas" que familiares de persoas recluídas e asasinadas en Lugo polos fascistas contribuíron a articular e tamén a inagurar, o pasado venres, cunha mestura de orgullo e "enorme emoción".

Da man da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e do Concello lucense as familias entraron "por primeira vez" no lugar no que os seus avós ou tíos foron maltratados e prendidos antes dos seus fusilamentos. Polos corredores da antiga cadea e polo enorme espazo central -segue o modelo "panóptico", con celas individuais con cadansúas fiestras ao interior e ao exterior- transitaron, entre outros, os netos de Rafael de Vega, o médico que proclamou a II República en Lugo, asasinado por ter ideas "avanzadas e revolucionarias", segundo fixeron constar os franquistas.

Tamén visitou o cárcere María Jesús Rivas, neta de Severiano Rivas, alcalde de Castro de Rei a quen os falanxistas sacaron deste cárcere para ametrallalo. Xunto a ela estaba Walter Wit, xenro do avogado Víctor Martínez, fusilado en maio de 1937 por ser tenente de alcalde de Monforte. Tamén Rafael Castillo, que lembrou o seu avó, Antonio Reboiro, alcalde da Pobra do Brollón, fusilado en 1938. Ou Ramón López, neto de Benito Pérez, barbeiro de Ribadeo que tras ser recluído no cárcere de Lugo foi trasladado ao da Coruña para cumprir cadea perpetua por motivos políticos. Alí morrería de tuberculose aos poucos meses.

Tres exposicións para lembrar un cárcere masificado

Vista do patio interior dende o interior dunha das celas / © Carmen García-Rodeja

É neste marco no que se encadran as exposicións da memoria do vello cárcere, nas que transloce un dos elementos que as persoas presas tiñan que sufrir de xeito adicional á propia represión da ditadura: a masificación. Non en van, en 1937 chegaron a amorearse máis dun milleiro de presos nun edificio concibido para apenas 140. A homenaxe aos en torno a 5.000 presos políticos aquí recluídos  é a cerna da primeira exposición O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra, mostra permanente na que destaca a recreación dunha cela coas condicións dos anos posteriores ao golpe, notas intercambiadas polos presos, cartas remitidas ás familias que os agardaban fóra ou unha cela coas paredes inzadas de nomes de quen padeceron entre estes muros. Esta mostra está aberta á incorporación de novos materiais dos que dispoña a cidadanía, dos que o goberno local anima a informa a través do correo electrónico.

A primeira exposición, sobre a historia do edificio, recolle as condicións nas que subsisían milleiros de presos nun cárcere concibido para albergar apenas 140 persoas

A segunda exposición inaugurada, Dende o panóptico: cada cela unha fiestra, ten unha vertente máis artística. A idea, explican dende a súa organización, é que "trece artistas de recoñecida traxectoria" poidan "dialogar o espazo carcerario e coa súa memoria a través de obra escollida ou elaborada para este lugar". Os traballos deron lugar a intervencións en vinte e dúas celas do cárcere que traballan ideas como a conexión da memoria daqueles presos coas persoas refuxiadas na actualidade, "a angustia e o lento paso do tempo" ou "a memoria dos muros como espazo de reclusión".

A terceira exposición recupera o traballo do proxecto culminado en 2009 polo proxecto interuniversitario Nomes e Voces sobre a represión do franquismo ás mulleres. Vermellas (chamábanlles rojas) volve adoptar forma de exposición para, no módulo feminino do vello cárcere de Lugo, recuperar "datos e fotografías sobre as mulleres máis conscientes e resistentes da II República". As súas ideas e actividades intelectuais, políticas e sociais foron os motivos esgrimidos polos golpitas para "asasinalas, violalas, maltratalas, rapalas, prendelas" ou forzalas ao exilio, lembran dende a mostra.

Estas tres exposicións, que estarán abertas neste formato ata o 5 de novembro, responden á vontade central de "revivir" para que "o noso pasado non caia no esquecemento", en verbas da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no seu acto inaugural. "Temos que seguir con esforzo" para "recuperar a memoria histórica das vítimas da ditadura" xa que "o que non se fai visible, non existe", e a existencia da lembranza destas persoas, afirma, supón un "acto de defensa da democracia".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.