Os Premios Martín Códax: un festín con todos os sabores da música galega

Foto de familia dos grupos e artistas galardoados, na gala do Pazo da Cultura de Pontevedra © Premios Martín Códax

Pontevedra acolleu unha nova edición dos Premios Martín Códax, promovidos pola Asociación de Músicos Ao Vivo, que destacaron o papel das mulleres na música e recoñeceron 19 grupos, artistas e iniciativas noutras tantas categorías. A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico á musicóloga Dorothé Schubarth, chegada dende Suíza.

700 persoas asistiron á cerimonia, que tivo a gastronomía galega como fío condutor

700 persoas asistiron á cerimonia, dirixida pola compañía de teatro A Panadaría (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman), tivo a gastronomía galega como fío condutor. Metidas na pel de As Pataconas –un trío musical concibido como unha parodia enxebre das célebres The Supremes- as tres actrices recrearon un argumento condutor no que, ademais de estar nomeadas aos premios, debían preparar unha cea de luxo para recibir aos premiados e premiadas. As Pataconas interpretaron diversas escenas cómicas e números musicais alusivos á gastronomía musical galega con sátiras sobre temas de actualidade e parodias a diferentes artistas do noso panorama. Na gala actuaron, ademais, algúns dos proxectos gañadores da pasada edición: Toño Domínguez da Orquestra de Jazz de Galicia, Silvia Penide, Nastasia Zürcher e Silvia Cerneira da Banda da Balbina.

Iria Pinheiro denunciou que “a liberdade de expresión está sendo atacada con condenas de cárcere a músicos" e lembrou que a contratación e facturación dos grupos e artistas segue gravándose co 21%

No seu discurso de clausura, a presidenta da Asociación de Músicos Ao Vivo, Iria Pinheiro, denunciou que “a liberdade de expresión está sendo atacada con condenas de cárcere a músicos e isto evidencia que as artes escénicas non son divertimentos inocuos, e que debemos tomar consciencia sobre o seu poder para mudar a sociedade”. Tamén criticou os abusos e irregularidades dalgúns concursos públicos dirixidos ao sector musical. E pediulle á administración un compromiso máis firme coa promoción exterior da música galega, cun maior orzamento, máis estruturado e coa certeza na concesión das axudas. Recordou ademais que a baixada do IVE foi só para as entradas a espectáculos en directo, pero a contratación e facturación dos grupos e artistas segue gravándose co 21%. Así mesmo, esixiu programas de música na televisión pública, “que sirvan para dar a coñecer a realidade musical do país ao gran público en condicións dignas”; e reclamou que a presenza da Música nos currículos do ensino obrigatorio sexa reforzada “garantindo a súa continuidade en todas as etapas educativas”. Por último, anunciou que MAV está xa na recta final do proxecto de creación da Cooperativa Galega de Músicos ao Vivo.

A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico á musicóloga Dorothé Schubarth, chegada dende Suíza

A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico á musicóloga suiza Dorothé Schubarth, polas súas novidosas achegas metodolóxicas na recollida e compilación de cantos populares de 38 zonas xeográficas de Galicia e limítrofes reunidos no Cancioneiro Tradicional Galego; pola a súa xenerosidade ao ceder todo este material ao Arquivo Sonoro de Galicia para a súa consulta pública; e pola súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres”. A cerimonia foi retransmitida en directo en streaming e, ademais, poderá verse en diferido o vindeiro sábado 6 de maio na TVG a partir das 00:30.

 

Premiados e premiadas da edición 2017

A cerimonia poderá verse en diferido o vindeiro sábado 6 de maio na TVG a partir das 00:30

  • POP/iNDIE: Os Amigos dos Músicos
  • ROCK: Agoraphobia
  • JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS: Iago Fernández
  • HIP HOP/MÚSICAS URBANAS: Maladrómeda
  • CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA: Alberto Vilas
  • FOLQUE: Vaamonde, Lamas e Romero
  • MÚSICA TRADICIONAL GALEGA: Davide Salvado
  • MÚSICAS DO MUNDO: Talabarte
  • MÚSICA INFANTIL: María Fumaça – Aire!
  • MÚSICA ELECTRÓNICA: Pálida
  • METAL: Aphonnic
  • REGGAE/SKA/MESTIZAXE: O Sonoro Maxín
  • ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA: Áureas en Voga
  • BLUES/FUNK/SOUL: VooDoo
  • CANCIÓN DE AUTOR: Sonia Lebedynski
  • COROS E GRUPOS VOCAIS: Ejazz
  • ORGANISTRUM FESTIVAIS: Surfing the Lérez
  • ORGANISTRUM SALAS: A Pousada das Ánimas
  • ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL: ZigZag-TVG
Dorothé Schubarth © Músicos ao Vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.