0 Gardados para despois

O festival Imperdible xunta en Compostela improvisadores de toda a Península

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Hai moito que a arte comezou a rebelarse contra os guións pechados. Mais, alén, -só por citar algúns exemplos-, da jam session na música, da performance ou das propostas teatrais que constrúen o texto en work in progress durante os ensaios e en cada nova función, -ou mesmo da longa tradición do desafío oral improvisado en verso-, adquire cada vez maior popularidade, nas artes escénicas, o xénero no que a improvisación o é todo -ou case-.

Trátase de espectáculos que, fusionando diversas disciplinas, nacen, e desenvólvense, diante dos ollos do espectador. Sempre únicos. Diferentes en cada momento e lugar. Xerados a través da reacción espontánea dos improvisadores, que adoptan, simultaneamente, o rol de actores, directores e dramaturgos. Sen ensaio nin texto previo.

A partir deste principio, as posibilidades son infinitas. Ás veces, os espectadores escollen o tema do que vai tratar, ese día concreto, a obra. Ou os intérpretes incorporan nos seus diálogos frases propostas por escrito, minutos antes, polo público. Os formatos son variables en estrutura e extensión. O do match propón unha competición entre equipos, ao xeito dun torneo deportivo.

Ás veces, os espectadores escollen o tema do que vai tratar, ese día concreto, a obra. Ou os intérpretes incorporan nos seus diálogos frases propostas por escrito, minutos antes, polo público.

O long form, que pode prolongarse durante unha hora ou máis, vai encadeando escenas ata completar unha ou varias historias, cun resultado que pode ser semellante ao do teatro convencional, mais sen que os actores estudasen, antes de subir ao escenario, unha soa liña de texto. Os afeccionados a este xénero, mais os que aínda non o coñezan, teñen unha oportunidade de achegarse a el até o 7 de maio en Santiago, na segunda edición de Imperdible, Festival de Impro de Galicia.

“A improvisación atópase nos inicios de toda arte. Despois vanse desenvolvendo as estruturas máis prefixadas. Mais é, probablemente, na commedia dell’arte, onde se asenta a técnica da impro actual. A impro, como xénero, como un formato de exhibición diante do público, -máis alá de ser utilizada como técnica de formación-, nace nos anos 40 e 50 do século XX. Nos 70 en Canadá nace o match de improvisación. Nos 80 chegaron compañías moi importantes como Imbrebís de Valencia, nos 90 proliferaron moito máis.... En España, desde o 2000 a impro foi gañando presencia e prestixio, sobre todo en Madrid e Barcelona. A Galicia chegou máis tarde…”, resume Antón Coucheiro, (Cou), director artístico do Imperdible.

"En España, desde o 2000 a impro foi gañando presencia e prestixio, sobre todo en Madrid e Barcelona. A Galicia chegou máis tarde"

Este festival, organizado pola compañía TheMomento Impro, foi concibido, desta volta, -a primeira edición celebrouse o ano pasado tamén en Compostela, e xa tivera a súa semente nos campionatos galegos de improvisación, realizados no 2013 e 2014 e chamados Improfighters-, como un encontro entre improvisadores de toda a Península.

A programación propón, entre outras actividades, Oniria, unha viaxe ao subconsciente humano comandada polos soños e estímulos do público: imaxes, recordos, poemas, músicas… Oniria, coordinado por Javier Pastor, de El Club de la Impro, xuntará o sábado 6 de maio no Teatro Principal improvisadores de distintas partes da Península. “O ano pasado tivemos un formato máis de festival no que cada compañía facía os seus espectáculos. Este ano orientámolo máis aos espectáculos conxuntos nos que participan improvisadores de distintas compañías”, explica Coucheiro.

E é que os improvisadores non ensaian, nun sentido convencional, pero si adestran as súas habilidades coa interpretación, a dramaturxia e a dirección.

O público poderá ver Oniria tras tres sesións de obradoiros dos participantes con Javier Pastor. O mesmo procedemento, -con obradoiros dirixidos por Alfonso Media e Ricardo Gassent-, seguirá a función de soundpainting da Big Band Compostela que poderá verse o domingo 7 de maio ás 20:30 horas tamén no Principal. E é que os improvisadores non ensaian, nun sentido convencional, pero si adestran as súas habilidades coa interpretación, a dramaturxia e a dirección. “Adestramos a escoita, os tempos… para poder, por exemplo, ter capacidade de reacción rápida cando estamos enriba do escenario. É importante, claro, ter ‘horas de voo’, non só para estar cómodo e non entrar en pánico. É que é máis estimulante cando non sabes que vai pasar”, indica Coucheiro.

“É verdade que, na música, a impro está moi desenvolvida. No teatro está, quizais, menos explorada”, apunta Coucheiro.

A Big Band Compostela reúne bailarinas, músicos e actores. Na técnica do soundpainting, unha persoa dirixe o equipo para atopar unha linguaxe común entre as diversas disciplinas. Sen partitura previa. TheMomento Impro, Cisma Danza, Sumrrá, Coro da Ra e Chévere -a extinta sala Nasa xa acollera proxectos como o da Orquestra de Música Espontánea de Galicia (Omega)-, atópanse na orixe da Big Band Compostela. A impro é, así, un xénero que pode amosar moitas caras. “É verdade que, na música, a impro está moi desenvolvida. No teatro está, quizais, menos explorada”, apunta Coucheiro. Aínda que depende, tamén, do contexto. “En Latinoamérica a escena actual é moi potente”, asegura.

A impro máis coñecida, -engade-, é a de carácter máis “deportivo”. O máis popular, con capacidade para crear público, polo boca a boca, “de modo exponencial”. O seu espazo máis habitual son os bares. Caracterízase pola “rapidez, a comedia”, e por formatos máis curtos que a long form, que enfía escenas ata tecer historias de máis ou menos unha hora. “Non é tan difícil que ao final saia unha historia redonda. É como cando escribes un relato. Vas establecendo conexións co anterior. A diferencia é non poder corrixir os erros. E que todo é inmediato”, afirma.

Na vida estamos improvisando todo o tempo. Só que non estamos afeitos a velo nun espectáculo.

Mais, -subliña-, non deixa de ser un proceso natural. “Na vida estamos improvisando todo o tempo. Só que non estamos afeitos a velo nun espectáculo”. TheMomento Impro é unha das compañías galegas adicadas a investigar coa impro. Organizan cursos e obradoiros, ademais de ofrecer espectáculos como Maquinando, no que o guión se constrúe no momento coa axuda do público. Mais non sempre, -sinala Coucheiro-, o espectador participa na impro. “Cando é un público afeito á impro, xa non fai falla demostrarlle que o guión é improvisado a partir das súas propostas”, sostén, como exemplo.

Los Duguis Impro, da Coruña, foi ata hai pouco outra das compañías galegas máis coñecidas.

Los Duguis Impro, da Coruña, foi ata hai pouco outra das compañías galegas máis coñecidas, até que se desfixo debido aos compromisos laborais de varios dos seus membros. Na actualidade, Marta Iglesias e Oswaldo Digón seguen a facer impro no BâBâ Bar os martes, colaborando con outros intérpretes. Outras improvisadoras de Los Duguis formaron outras compañías, como Las Izquierdo Sisters. No xermolo de Los Duguis Impro estivo, a partir do apoio de Impromadrid, a Factoría Galaica de Improvisaciones, que moveu espectáculos como Ora Impronobis.

Despois quedaron catro dos que iniciaran aquela aventura -Oswaldo Digón, Marita Martínez, Noemi Miranda e Marta Iglesias, aos que despois se uniu Lucía Veiga-, que crearon, a iniciativa de Oswaldo, Los Duguis Impro, que se deron a coñecer en La Tuerka 27 e fixeron long form en Teatro del Andamio ou na Zona C, en Santiago, onde presentaron Spin Off. “Cando comezabamos no BâBâ Bar había xente que non sabía o que era a impro. Pero engancha: é sempre distinto, así que podes ir todas as veces que queiras. A resposta do público é moi boa. No BâBâ Bar facemos xogos de impro con pautas establecidas polo público. Por exemplo: un de nós só pode dicir 4 palabras, outro só 7 e outro só unha... Somos Oswaldo e eu, e colaboramos con compañeiros novos que non estaban en Los Duguis”, explica Marta Iglesias.

Os bares son espazos moi axeitados para este tipo de espectáculos, facilmente adaptables. Mais o seguinte paso pode ser facerse un oco nos teatros.

Os bares son espazos moi axeitados para este tipo de espectáculos, facilmente adaptables. Mais o seguinte paso pode ser facerse un oco nos teatros. TheMomento Impro actúan no Camalea, onde celebran as súas Noites Improbables. “Non temos salas alternativas como a Nasa ou a Galán. Facemos algunha cousa tamén no Riquela... “, indica Coucheiro. O público vai medrando porque a impro de bar “é moi explosiva, a xente ri moito. O xénero é bastante descoñecido aínda, pero quen o proba non precisa explicación. É máis de vivilo que de explicalo”, engade. Mais na impro hai microteatro, e pequeno e grande formato, que poderían ter acollida nun teatro. “Fáltanos, polo medio, un espazo intermedio, unha sala”, comenta.

En Vigo están a facerse cousas de impro na sala Ártika. A compañía referente da cidade é Triatreros, que fan impro e tamén teatro de texto.

En Vigo están a facerse cousas de impro na sala Ártika. A compañía referente da cidade é Triatreros, que fan impro e tamén teatro de texto. A súa obra máis recente é Impronews. Boa parte dos seus membros proceden da ESAD. “Xa cando estudabamos na ESAD queriamos entrenar cousas novas. Coñecemos aos Barbixas, do Brasil, e a partir de aí acabamos facendo impro. Primeiro máis xogos de impro e despois desenvolvendo máis a parte teatral, con formatos máis longos nos que traballamos impro, teatro, música e audiovisual...”, explica Omar Ferrín, membro, xunto a Alba Bermúdez, Antonio Martínez Rial, Beatriz Campos, David Novas e Miguel Ángel Canalejo de Triatreros.

No Clavi, en Lugo, alternaba as súas actuacións con Microefectos Dramatúrxicos a compañía Lusco Fusco Impro. Na actualidade son menos, -Fiz López é un deles-. O teatro amateur ou un curso da compañía Buxiganga, que impartira Coucheiro, estiveron no xerme desta compañía, en fase de reconfiguración. “Un dos problemas de Galicia é o despoboamento. Se actúas nun sitio no que hai pouca xente, a vantaxe da impro é que sempre é diferente, entón pódenche vir as mesmas persoas varias veces. Son espectáculos divertidos, dinámicos… Pero claro, tamén hai formatos máis longos, para os que precisariamos un teatro”, apunta López.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.