A RAG advirte a Xunta da escaseza de fondos: medio millón menos que hai cinco anos

Víctor Freixanes e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo © Xunta

Para que a Academia poida desenvolver o seu labor a prol da lingua e da cultura galegas o seu orzamento “necesita reforzarse, con axudas públicas e con apoios da sociedade civil”. Advertiuno Víctor F. Freixanes, recentemente elixido presidente da RAG, que mantivo este xoves a súa primeira reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. No encontro, o dirixente da centenaria institución lembrou o agravio que esta sofre con respecto a outras academias do Estado, así como a escaseza de fondos para levar a cabo o seu traballo. 

"A Academia necesita reforzarse, con axudas públicas e con apoios da sociedade civil”, advirte Freixanes

"O orzamento anual da RAG é notablemente inferior aos da Euskaltzaindia, a Real Academia da Lingua Vasca, e o Institut d’Estudis Catalans", lembra a Academia nun comunicado. A Xunta achega, na actualidade, preto duns 600.000 euros dos 900.000 que ten de presuposto a institución. Malia o incremento de fondos públicos que as reivindicacións da entidade conseguiron hai catro anos, o orzamento é aínda medio millón de euros inferior ao de hai cinco, cando este se elevaba aos 1,45 millóns

"Puxemos os números enriba da mesa; é dicir, se a RAG non chega a un orzamento de 1 millón de euros, a Academia vasca ten 3 millóns e os cataláns, 9. Calquera pode facer unha comparación", advertiu Freixanes á saída do encontro con Feijóo. "Sempre digo que a Academia non está para recibir cheques en branco, senón para dar servizos á sociedade galega e ten a obriga de explicarlle que fai cos recurso que ten, en boa parte públicos", insistiu. 

A Academia vasca ten 3 millóns de orzamento e a catalá, 9; a RAG non chega a 1 millón

Con todo, Freixanes advertiu que esa "comparación" cos fondos das academias vasca e catalá foille trasladada ao presidente da Xunta, ao que lle trasladou tamén "a necesidade de construír un proxecto de futuro integrador da sociedade civil galega para comprometela cada vez máis co desafío da súa lingua e cultura". De feito, alertou da "diminución" de recursos desde a crise, pero non só desde o Goberno galego, senón tamén desde o Ministero de Educación. Aínda así, recorda que hoxe a entidade galega "recibe as mesmas cantidades que a vasca e a catalá, o cal non é pouco, porque até o de agora era a pobriña que quedaba aló atrás", insistiu. 

Así, o presidente da RAG lembrou algúns dos labores que leva a cabo a institución e referiuse ao Diccionario, "unha ferramenta en constante actualización que recibe cada día máis de 40.000 consultas". O responsable da RAG explicou que, ante as peticións de "facer" que chegan á institución, todo é "retórica" e "non serve para nada" se non é dotada de recursos. "E os recursos teñen que saír das administracións públicas, que teñen unha responsabildiade obxectiva, e tamén da toma de conciencia da sociedade", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.