Carballo Interplay pecha unha nova edición debatendo sobre a profesionalización de Internet

Xornada do venres no Carballo Interplay © Carballo Interplay

"Despois dunha década de experimentación e amateurismo, a produción de contidos audiovisuais para Internet está a madurar, tamén no que respecta ao salto profesional". A cuarta edición do Carballo Interplay abordará, na súa última xornada deste sábado, a profesionalización que están a vivir os contidos dixitais e farao da man de Flooxer, en representación das novas plataformas que están a xurdir -co apoio dos grandes medios- para seleccionar o talento que hai na rede; Está pasando, como mostra das axencias que poñen os seus contidos on line ao servizo de marcas e produtos de entretemento; e Diffferent Enterntainment, exemplo de produtora especializada na ficción para internet que logrou facer disto o seu modo de vida, tanto con producións propias como traballando para terceiros.

"A produción de contidos audiovisuais para Internet está a madurar, tamén no que respecta ao salto profesional"

"Nos tempos da multipantalla, somos practicamente incapaces de estar a mirar a televisión unha noite calquera sen ter o móbil diante", advirten os organizadores, que aseguran que, ao contrario do que se podería pensar, "isto non nos aparta do contido, senón que o fai máis divertido". A conversa ao redor dos programas e retransmisións en directo agora faise nas redes sociais e favorece a participación dos espectadores de diversas maneiras: desde o chiste e o comentario troll ata o saúdo aos veciños, o compartir fotos ou rebentar os timelines cun trending topic tróspido. Diso falan esta mañá no Carballo Interplay, El Hematocrítico e os responsables de redes dos programas da TVG Land Rober (Javi Mos) e Luar (Pilar Rodríguez).

A interacción no Twitter ao tempo que se ven programas "non nos aparta do contido, senón que o fai máis divertido"

Xa pola tarde, despois das proxeccións das últimas webseries que compiten na sección oficial, a familia Prieto Flores traslada ao Pazo da Cultura de Carballo o salón da súa casa, para conversar con Isa Calderón, Soy una pringada, Percebes y grelos e El Hematocrítico. Tras esta versión "ao vivo" dos seus populares vídeos de Youtube, celebrarase a gala de clausura de IV Carballo Interplay, conducida polo actor Sergio Zearreta. Pechará a festa unha picada da DJ Son unha pringada. Todas as actividades son libres e gratuítas ata completar aforo.

Xornada do venres no Carballo Interplay © Carballo Interplay

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.