A médica Iria Veiga gaña o Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

Iria Veiga CC-BY-SA Praza Pública

O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores concedeu o premio, dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo en varios medios galegos -incluído Praza Pública- á peza titulada Inchazón, de Iria Veiga Ramos, que foi a galardoada entre os 42 traballos presentados. 

O xurado recoñece "a súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circular que pon de relevo a relación entre lingua e poder social. A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma, nomeadamente na sanidade, mais tamén, en xeral, en todos os ámbitos e sectores de prestixio".

O xurado recoñece "a sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público" do texto de Iria Veiga

Iria Veiga Ramos é veciña de Santiago de Compostela e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Está interesada especialmente na divulgación científica e tamén a lingua, mantén o blog O outro lado do espello e participa en iniciativas divulgadoras como Escépticos no Pub e Pint of Science. Tamén é colaboradora de Praza Pública e membro de ARP-Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico.

Agradecida polo galardón, Iria Veiga aclara que co seu texto tivo a idea de "amosar a dificultade que en varios colectivos sociais hai para expresarse en galego normalmente". "Profesións como as de médico teñen un estatus social que as considera como de máis prestixio, pero a lingua de prestixión é o español; ese era o contraste que intentei destacar, o contrasto entre o que se agarda de nós e a realidade", explica. 

Veiga aclara que quixo amosar "a dificultade ou o cuestionamento que en varios colectivos sociais hai para expresarse en galego"

Ademais, aclara que no seu traballo non ten problemas por utilizar o galego, pero si que segue a comprobar "como hai cuestionamentos" á escolla da lingua. "Vese como estraño que unha médica empregue o galego como lingua habitual; non hai oposición frontal, pero si ese cuestionamento que quen fala castelán non o sofre", engade quen si ve un cambio "nas novas xeracións". "A xente nova xa non cambia ao castelán e mesmo aqueles que empregan o español habitualmente cambian de lingua e fan o esforzo se a persoa a quen atenden fala en galego; iso antes non pasaba", conta. 

O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Paula Vázquez, xornalista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.

O artigo "pon de relevo a relación entre lingua e poder social a través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos"

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.

O xurado agradece a participación e sinala que "a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega", tamén que "valora positivamente os traballos presentados, a participación e o traballo individual dos/as autores/as para achegar argumentos favorables para a posta en valor do galego e para o proceso de normalización da lingua", polo que "animan a todos/as os/as participantes a intentaren publicar e difundir os seus artigos, aínda que estes non fosen premiados".

Nas doce edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa Tenreiro.

O artigo de Iria Veiga será publicado nos vindeiros días en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

Iria Veiga CC-BY-SA Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.