0 Gardados para despois

António Zambujo: "Quería facer un disco para homenaxear a Chico Buarque, non para importunalo"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Hai perto de dous meses, António Zambujo encheu dúas veces -seguidas na mesma noite- a Casa das Crechas, en Santiago, nun concerto de celebración do aniversario deste local. Nunca é abondo cando se trata dun músico coma el, mais xa lle lembrou alí mesmo ao público que volvería axiña, en maio, para presentar o seu disco homenaxe a Chico Buarque. Así o fará o día 14 ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. Até pensei que fosse minha é  unha "paréntese"-di el- na carreira deste alentexano, creador dun estilo único que mestura diversas influencias, da bossa nova, a morna ou o chorinho ao fado, o jazz ou a música tradicional da súa terra. Neste novo disco canta só a Chico. Expresa a súa admiración por el. E amosa, unha vez máis, a relevancia da pegada brasileira na súa obra, que o converteu, aos 41 seus anos, nunha das voces portuguesas máis recoñecidas no mundo.

Como vai ser o concerto do domingo?

Tal como é o disco. Van ser cancións de Chico Buarque, do disco Até pensei que fosse minha, que fixen para homenaxealo. Serán as cancións do disco e tamén outras de Chico Buarque que non están no disco.

Con algunha colaboración galega? No último concerto que deu en Galiza, nas Crechas, colaborou a súa amiga Uxía…

Non van estar os colaboradores do disco, que son Roberto Sá e Carminho, mais si vai estar Sara Carinhas, que é unha actriz de teatro portuguesa. Neste concerto non daba moito xeito para unha colaboración galega.

Falou de volta, con este disco, ás orixes… En que sentido?

O disco é máis ben unha paréntese. Así foi decidido por min e polo meu director artístico. Xurdiu a idea de homenaxear a Chico cun disco para mostrar a admiración que sinto por el, polas súas músicas, pola súa forma de compoñer, por quen é. Chico Buarque é probablemente o mellor poeta da lingua portuguesa.

"Chico Buarque é probablemente o mellor poeta da lingua portuguesa"

En relación con iso, despois de Rua da Emenda, o seu disco anterior, dixera que ía buscar un novo rumbo. Mais neste parece que hai máis ben continuidade, quizais desde Outro sentido...

Neste disco foi moi importante a achega de Marcello Gonçalves, que é o produtor [xunto con Ricardo Cruz] e director musical. A idea era homenaxear a Chico Buarque achegando a miña interpretación das súas músicas. O que virá despois, se cadra dentro dun ano, non o sei aínda.

Dicíao pola influencia brasileira, xa moi presente en Outro sentido, en Guia

É que por moito que se busque unha ruptura, por moito que queiramos coller un novo rumbo, nunca deixamos de ser quen somos. Non podemos tirar as influencias da nosa vida, que no meu caso veñen da música tradicional, do fado, da música brasileira, da música africana, -sobre todo de Cabo Verde-...

"Non podemos tirar as influencias da nosa vida"

Comentou Caetano Veloso que xa só polo timbre e a prosodia portuguesa, dáballes aos temas unha distancia que os facía diferentes.... Mais, ao comparalo con Chico, semella que está moi respectado: a súa forma de cantar…

Non quería desvirtualo, pero si achegar a miña visión persoal das súas músicas. Claro que hai que entender que as músicas están feitas. Tampouco dá para mudar moito.

"Non quería desvirtualo, pero si achegar a miña visión persoal das súas músicas"

Escolleu 16 cancións entre a ampla discografía de Chico. Xa dixo que o criterio foi as que máis lle gustaban. Tiña un interese especial en Tanto Mar pola súa historia? Refírome á censura, a relación coa Revolución dos Cravos…

A escolla fixémola pola música en si, sen pensar nas etapas de Chico Buarque nin en nada así. Pero si é verdade que eu tiña un interese especial en Tanto Mar pola súa simboloxía e pola súa relación coa historia de Portugal.

Chico Buarque acabou participando no proceso de creación do disco. Como foi?

Pois foi un pouco sorprendente. Eu quería facer un disco para homenaxear a Chico, mais non para importunalo. El foi quen decidiu participar. Estaba moi contento coa idea da gravación deste disco e ao final tivo unha parte activa nel. Cando comezamos, nin tiñamos previsto que fose colaborar comigo, como fai en Joana Francesa. Foi algo co que non contabamos, que xurdiu…

"Coñecíao de falar con el por teléfono, mais non tiñamos unha relación máis persoal"

Antes de gravar este disco coñecíanse, pero tampouco moito…

Coñecíao de falar con el por teléfono, mais non tiñamos unha relación máis persoal. Despois deste disco si, claro.

As cancións de Chico Buarque teñen moitas versións. Das moitas dimensións da súa obra, están bastante presentes no seu disco as letras feitas desde a perspectiva dunha muller, as relacionadas cos afectos… É casualidade ou é algo con implicacións no seu xeito de interpretar a Chico?

A súa forma de cantar coa voz dunha muller, desde a perspectiva feminina, é un aspecto da súa obra que si, interésame bastante e téñoa en conta á hora de cantar. Mais, como dixen antes, a escolla que fixemos foi polas músicas, non por épocas, por temáticas…

"A escolla que fixemos foi polas músicas, non por épocas, por temáticas…"

Algunha conexión pode haber ademais polas raíces primeiras do que fan vostedes: a música tradicional alentexana pola súa parte, a música popular brasileira pola de Chico…

Pode haber unha aproximación aí, si. Eu veño da música tradicional e o que Chico fai é samba, choro… Despois, con todas as influencias, cadaquén tenta dar a súa visión persoal. O artista ten que primar a singularidade.

"A reacción do público está a ser óptima"

No Brasil xa estivo, e en moitos outros lugares. Como está a acoller o público este disco?

A reacción do público está a ser óptima. Cando estiven no Brasil ía con algunha prevención debido á situación política alá, mais ao final foi todo ben. Estiven moi feliz alí.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.