“A sociedade galega mantén aínda un enfoque asimilacionista da inmigración”

Iria Vázquez Dominio Público Praza Pública

A sociedade cambia e a diglosia tamén. Sen ser Galiza unha das comunidades do Estado con maior capacidade de atracción de persoas migrantes, nin as políticas públicas nin a propia sociedade semellan ter feito as mudanzas necesarias para favorecer a integración dos inmigrantes desde un enfoque intercultural. Mentres o asimilacionismo impera como perspectiva dominante, os intentos por parte das persoas inmigrantes de manter a súa lingua e a súa cultura chocan con barreiras e prexuízos que tracexan, de distintas maneiras, unha continuidade da diglosia galego-castelán.

Un proxecto da Universidade de Vigo, o MILES, analiza os procesos de integración na sociedade galega de mulleres inmigrantes no relativo á súa bagaxe cultural e lingüística de orixe. O libro Muller inmigrante, lingua e sociedade (Galaxia), coordinado polas investigadoras Laura Rodríguez e Iria Vázquez, recolle os resultados do mesmo.

Muller, Inmigración, Lingua e Sociedade (MILES) é un proxecto de investigación da Universidade de Vigo. Como xorde o libro del?

Iria: MILES é un proxecto realizado por un equipo interdisciplinar. Eu son socióloga e Iria é filóloga, de feito. As dúas fomos persoal contratado deste proxecto de investigación. O libro recolle os resultados do proxecto, pero ademais escriben nel tamén outras investigadoras que non estaban no proxecto pero si que traballan que traballan co tema das migracións, coma Antía Pérez-Caramés, que se ocupa do contexto sociodemográfico da inmigración en Galicia.

Unha das ideas xerais do libro é que, se ben a aprendizaxe das linguas das sociedades receptoras é fundamental para a integración, tamén o é o mantemento da propia bagaxe cultural e lingüística de orixe das persoas migrantes.

Iria: Detectamos no proxecto, por unha banda, un desexo, por parte das persoas inmigrantes, de transmitir á sociedade de destino as particularidades culturais das súas comunidades de orixe. E, moitas veces, de facelo fóra dos estereotipos pois, tal como nos explicaban por exemplo mulleres da Asociación de Integración Galego-Brasileira (Abriga), estaban cansas de que se reducise todo, no seu caso, á caipiriña e o Entroido.

Ás veces, as actividades quedan nunha representación folclórica das culturas en vez de reflectir a súa riqueza e diversidade. Nese sentido, por exemplo, a asociación Madres Latinas de Vigo realiza ciclos de cine latinoamericano en versión orixinal subtitulada nos que se programan películas en guaraní ou quechua, e charlas en colexios sobre a cultura inca, maia, azteca e mapuche.

"Ás veces, as actividades quedan nunha representación folclórica das culturas en vez de reflectir a súa riqueza e diversidade"

O segundo obxectivo deste tipo de actividades culturais organizadas polas asociacións de persoas inmigrantes é dar valor á identidade cultural propia, incrementar a súa autoestima como colectivo. Por exemplo, que as comunidades árabes traten de transmitir a lingua aos seus fillos e fillas ten unha función instrumental, que é que poidan comunicarse coa familia que quedou nos países de orixe, pero tamén ten este fin de valorar a propia cultura. O que ocorre é que, desde 2010, hai un recorte de axudas moi evidente para este tipo de actividades.

Non é que antes a situación fose óptima, pero desde 2010 as asociacións sofren moito para manter a súa actividade. Moitas quedaron sen local, baixou moito o número de socios e socias… e pouco máis poden facer que atender os casos de exclusión social. Pasou tamén que moitas persoas inmigrantes volveron aos seus países de orixe ao non atopar traballo aquí… Mais, aínda así, segue a ser moi importante que se faga ese traballo de dar a coñecer na sociedade receptora as súas culturas, e que o fagan elas mesmas, que se representen a si mesmas.

"O mantemento da cultura do país de orixe implica o fomento da diversidade cultural, da cohesión social, da apertura da sociedade de acollida"

Laura: É que o mantemento das particularidades culturais non é incompatible cunha adaptación á sociedade receptora. É ao revés. As persoas migrantes queren integrarse, adaptarse, avanzar socialmente, traballar e mellorar a súa vida. Pero iso non significa que teñan que perder a súa cultura de orixe. O mantemento da cultura do país de orixe implica o fomento da diversidade cultural, da cohesión social, da apertura da sociedade de acollida. As persoas migrantes estarán máis contentas e integraranse máis facilmente se son aceptadas como son.

Tamén as ONG galegas organizan actividades de mantemento cultural. Que diferencia as actividades das ONG das de asociacións de persoas inmigrantes?

Iria: As ONG prestan servizos e as asociacións actúan como lugar de reunión, de reivindicación… autoxestionado polas persoas migrantes. As ONG reciben axudas para a prestación de servizos, de xeito que acaban especializándose na prestación de servizos como os cursos de español. As clases de galego son menos demandadas. En Ourense, por exemplo, no programa Teranga, si houbo mulleres que amosaron interese en aprender galego porque traballaban como empregadas de fogar ou coidadoras en zonas rurais. As ONG, ademais, teñen persoal contratado e especializado. Un dos debates que había en ciencias sociais é se as ONG e as asociacións competían entre elas, mais o que nós atopamos é que hai cooperación.

"As clases de galego son menos demandadas"

Parte das asociacións fan un traballo cun enfoque intercultural, conectado co enfoque transnacional das migracións, que salienta a dobre identidade das persoas migrantes. Coma o proxecto Mundo de cores, da ONGD Viraventos, sobre a identidade galego-senegalesa dunha nena.

Iria: Hai ONG que teñen a figura da mediadora intercultural. O obxectivo da mediación intercultural é facilitar a comunicación entre persoas de culturas diferentes. Ten un enfoque preventivo, non orientado a intervir no conflito, senón onde poida haber dificultades comunicativas. Por exemplo, a mediadora intercultural acompaña as compatriotas ao centro de saúde. Tamén hai mediación máis espontánea. Asociacións como Al Amal, de Marín, teñen unha persoa que fai, na práctica, de mediadora intercultural: acompaña as mulleres ao centro sanitario, aos xulgados cando hai casos de violencia de xénero… A mediación non supón só unha tradución lingüística, senón tamén cultural.

En canto ao enfoque transnacional que comentas, salienta o continuo entre as culturas, en vez de velas como esenciais e separadas. Porque o progreso dos transportes e das comunicacións, nunha sociedade globalizada, favorece que as persoas migrantes manteñan fortes vínculos co país de orixe (non só viaxando: mantendo contacto frecuente a través de Skype, por exemplo…), e iso fai que os migrantes desenvolvan identidades complexas que os vinculan co país de orixe e co de acollida.

"Os migrantes desenvolven identidades complexas que os vinculan co país de orixe e co de acollida"

A idea básica do proxecto MILES, nese aspecto, en canto ao enfoque intercultural, é que as persoas migrantes non teñen que renegar da súa cultura para integrarse na sociedade de acollida. Trátase de non confundir integración con asimilación. As persoas migrantes poden achegar moito á cultura galega. Por que non ter clases de árabe nas escolas de idiomas, por exemplo? A sociedade galega mantén aínda un enfoque asimilacionista da inmigración. Non se traballa o enfoque intercultural. Os poucos proxectos que había cun enfoque intercultural foron quedando sen fondos.

"As persoas migrantes non teñen que renegar da súa cultura para integrarse na sociedade de acollida"

Falar a lingua da sociedade de acollida -ou unha delas, no noso caso- non garante, ademais, que non haxa problemas. A variedade lingüística convértese en motivo de discriminacións… E o españolismo lingüístico non axuda. Como é isto?

Iria: A importancia da inmigración latinoamericana, que moitas veces ten unha conexión coa anterior emigración galega a América, é unha peculiaridade de Galicia. E, efectivamente, xorden conflitos por motivos lingüísticos e culturais. Moitas veces, prodúcense incomprensións. Polo feito de compartir a lingua, non se evitan os malos entendidos debido a diferenzas de léxico, de fórmulas expresivas…

"A lingua, a variedade lingüística, é unha escusa para unha discriminación social máis ampla"

E, moitas veces, o que pasa non é que non te entendan, senón que queren marcar a diferenza a partir da variedade lingüística. A cuestión aquí é que a lingua, a variedade lingüística, é unha escusa para unha discriminación social máis ampla. O españolismo lingüístico parte, ademais, da idea de que hai unha variedade do español que é a correcta, mentres que o resto son desviacións. Un bo exemplo disto é o que nos contaba unha muller cubana, que era filóloga. Ela tiña que explicar que o seseo é aceptado pola Real Academia Española, que é parte dunha variedade lingüística, que non é que ela falase “mal”. 

"O españolismo lingüístico parte, ademais, da idea de que hai unha variedade do español que é a correcta, mentres que o resto son desviacións"

É curioso, porque o seseo é tamén parte do galego…

Iria: O que pasa é que se impón o etnocentrismo. Unha muller cubana que fala un castelán correctísimo ten que explicar que o seseo non é incorrecto… mentres aquí pasa o mesmo: aí entran a dimensión rural-urbano, as diferenzas de clase social… Porque a un galego que sesea tamén lle poden dicir que fala mal. A cuestión é que as diferenzas lingüísticas son usadas como marcador social. É máis probable que lle digan que “fala mal” a unha cubana, que fala español, que a unha alemá que aínda non o aprendeu a falar ben. As latinoamericanas non é que non as entendan, é que se quere marcar a diferenza con elas. É un xeito de discriminación.

"A cuestión é que as diferenzas lingüísticas son usadas como marcador social"

Aínda así, a maioría tratan de manter eses trazos lingüísticos, que consideran parte da súa identidade.

Iria: A maioría non queren perder os seus trazos lingüísticos e adoptan distintas estratexias para mantelos. Un caso especialmente interesante é o das fillas de galegos. Xa medraran no conflito lingüístico, porque os seus pais, moitas veces, falaban galego entre eles pero educáranas a elas en castelán. Elas xa tiveran que negociar a lingua e a variedade que utilizaban para integrarse nos países nos que medraron. Despois chegan a Galicia, e teñen que volver negociar.

"As fillas de galegos xa tiveran que negociar a lingua e a variedade que utilizaban para integrarse nos países nos que medraron. Despois chegan a Galicia e teñen que volver negociar"

Para elas é máis fácil aprender galego porque o escoitaran na casa e medraran co Luar. Pero é que a variedade lingüística do país do que veñen tamén é parte da súa identidade, e non queren renunciar a ela. Por iso, por exemplo, unha muller mexicana que entrevistamos falaba galego cos seus amigos galegos e español de México cos seus compatriotas mexicanos. É o que falabamos antes: nas migracións transnacionais, desenvólvense identidades complexas. Elas non queren perder a raíz, a cultura na que naceron. Non van renegar do seu pasado migratorio. E teñen que iniciar aquí unha renegociación da súa identidade cultural e lingüística.

"Elas non queren perder a raíz, a cultura na que naceron. Non van renegar do seu pasado migratorio"

Un dos aspectos que salienta o libro é o da percepción do castelán de Galiza, por parte das mulleres latinoamericanas, como máis pobre, frío… Seguramente tamén por diferenzas culturais: de códigos de cortesía…

Iria: Parécelles que o español de aquí é máis frío, serio, cortante… Sorpréndenlles os palabróns, sobre todo os ligados á relixión. Tamén os códigos de cortesía: que a xente nin saúde, por exemplo, ao entrar nunha tenda. Ou un léxico máis pobre…

Se a variedade lingüística é utilizada como marcador social, ocorre entón algo semellante á diglosia galego-castelán. Como se se reproducise o conflito, doutra maneira, na relación entre galegos e inmigrantes.

Iria: Si, e ademais hai colectivos clave, como o das mulleres brasileiras, que teñen especiais problemas debido aos estereotipos sociais dominantes. Non é só cuestión de lingua. Sofren un constante acoso. Moitas traballan na hostalería porque é onde poden traballar. E xúntanse aí o prexuízo lingüístico co sexismo e cos estereotipos sobre o seu lugar de procedencia. Son acosadas polos xefes, polos clientes… que pensan que teñen dereito a ter determinados comportamentos ou a dicirlles determinadas cousas porque son mulleres brasileiras. E os medios de comunicación tradicionais non deixan de reforzar isto, ese encontro entre racismo e sexismo.

"No caso das mulleres brasileiras, xúntanse o prexuízo lingüístico co sexismo e cos estereotipos sobre o seu lugar de procedencia"

Outro caso de estigmatización é o das mulleres magrebís.

Iria: Si, fan un esforzo de transmisión da súa lingua e da súa cultura aos seus fillos e fillas que non é nada fácil. As máis estigmatizadas son as brasileiras e as magrebís. No caso das magrebís, o estereotipo é que son mulleres submisas, incultas… E, fronte a isto, atopas casos como o da mediadora de Al Amal, da que falabamos antes, que foi mestra, que dá aulas de árabe, que é líder na súa comunidade…

Mulleres que ademais, moitas veces, tiveron precisamente que rachar roles tradicionais para poder facer o que fan. Tamén é interesante nese aspecto o caso da asociación de mulleres senegalesas da Coruña, Domu África. É moi importante que os proxectos destas asociacións sigan adiante, que teñan axudas para poder manterse. Se non xorden ou non se manteñen, é se cadra porque non teñen oportunidade… Coñecer algunha destas mulleres e ver as súas loitas é a mellor maneira de rachar os estereotipos.

"As máis estigmatizadas son as brasileiras e as magrebís"

O mantemento da propia cultura, sendo difícil, pode facerse posible coas viaxes, comunicacións frecuentes co país de orixe, actividade cultural, mais, a lingua? Como xa non perdela, senón evitar a diglosia lingua para a casa-lingua para fóra?

Laura: No ámbito privado son especialmente importantes, para o mantemento cultural, o aspecto culinario, as festividades relixiosas ou outro tipo de festas, como o Aninovo chinés ou o Día da Independencia para os latinos. Logo hai actividades cunha dimensión máis pública, con maior visibilidade, como a actividade cultural das asociacións. En canto á lingua, hai factores que poden axudar a que se manteña, pero o que non axuda é a escolarización dos rapaces tal como está formulada.

Os pais teñen moitas dificultades para espertar o interese dos rapaces en aprender linguas que non están presentes fóra da casa. Iso é peor no caso de linguas minorizadas ou minoritarias, pero aínda no caso de, por exemplo, senegaleses e nixerianos, que falan francés ou inglés como lingua de orixe, téñeno difícil para transmitir a lingua aos fillos. Por iso, non é só cuestión de factores que favorecen a transmisión, como pode ser que a persoa teña parella da mesma procedencia, senón que é o contexto o que dificulta a transmisión e o mantemento. As linguas non se visibilizan, mesmo ás veces non están ben vistas…

"Non é só cuestión de factores que favorecen a transmisión, senón que é o contexto o que dificulta a transmisión e o mantemento"

Un dato curioso é o das falantes de portugués con parella castelán falante, que segundo comenta o libro tardan un pouco en aprender castelán e a variedade galega porque a similitude facilita a comprensión sen ter que adaptarse á lingua de destino...

Laura: O que ocorre moitas veces, -máis alá dese caso-, é que as mulleres están ao coidado dos fillos e a súa actividade desenvólvese máis no ámbito privado, o que pode facer que teñan máis dificultades para a adaptación lingüística. Por iso moitas veces, para que elas poidan ir a clases de lingua, ten que haber un servizo de canguros… Elas poderían ir pola mañá, pero as clases son polas tardes… É complicado.

Ao mesmo tempo, elas son moitas veces as principais transmisoras da lingua da orixe. Para iso utilizan libros, ensínanlles aos nenos a lingua na casa…

Laura: A estratexia máis común é a transmisión da lingua na casa, a conversa, si, pero é complicado. O mellor sería ter a posibilidade dunha inmersión, que os fillos puidesen desenvolverse en contextos nos que puidesen manter a lingua, que esta fose ben vista… En ausencia deses contextos de inmersión, os rapaces poden ter a percepción de que seus pais son os raros, os únicos que falan a lingua que queren ensinarlles… Nese proceso de transmisión utilizan libros, internet… Só o feito de falar por Skype cos familiares ou ver por exemplo os debuxos animados na súa lingua, é un avance. Mais é moi importante que nos países de destino se visibilicen e se prestixien as diferentes linguas, que se valore a diversidade cultural…

"Só o feito de falar por Skype cos familiares ou ver por exemplo os debuxos animados na súa lingua, é un avance"

A realidade, conclúe o libro, é que manter a lingua de orixe é un esforzo, unha loita. Mais, as mulleres con estudos superiores teñen máis armas para enfrontar o prexuízo, no canto de establecer claras dicotomías entre o público e o privado enfatizan o discurso da diversidade cultural…

Laura: A lingua de orixe forma parte da súa identidade, é un lazo co seu país de orixe. As mulleres inmigrantes identifícanse coa súa raíz, coa súa lingua e coa súa cultura, pero despois, na práctica, poden ter máis ou menos recursos para mantela. No caso das mulleres con estudos superiores, perciben máis claramente que a súa lingua ten valor, que paga a pena sacala do espazo privado. Reivindícana como un xeito de cohesión coa sociedade receptora, nunha sociedade máis aberta, diversa e real, porque a realidade é a convivencia entre distintas culturas.

"No caso das mulleres con estudos superiores, perciben máis claramente que a súa lingua ten valor"

En todo isto, importan moito as políticas lingüísticas -a valoración da diversidade fronte ao etnocentrismo, por exemplo-, e as políticas de integración das persoas migrantes. Salienta Belén Fernández no seu artigo que as actitudes das persoas migrantes cara ao galego son positivas, pero a propia Xunta privilexia nas súas políticas a aprendizaxe do español.

Laura: A Xunta, en xeral, tende a delegar a política de integración nas asociacións, nas ONG e nos concellos. E o que ocorre nos últimos anos é que se tende a reducir todo ás axudas de inclusión social, porque xa non hai políticas de integración de inmigrantes. Non se conciben as políticas en termos de interculturalidade.

Laura Rodríguez Dominio Público Praza Pública
O proxecto MILES baséase en entrevistas a mulleres inmigrantes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.