0 Gardados para despois

Da subversión do tabú ao orgullo: a representación da menstruación nas artes contemporáneas

Redacción | @prazapublica

O poemario de Lupe Gómez Os teus dedos na miña braga con regra é excluído das axudas á edición da Xunta de Manuel Fraga. Unha lámpada de Joana Vasconcelos, feita con milleiros de tampóns, é rexeitada nunha exposición de arte no Pazo de Versalles tras pasar por varios museos. Unha serie fotográfica de Rupi Kaur que retrata unha moza deitada na cama con manchas de regra é borrada reiteradas veces por Instagram. Son, para a profesora da Universitat de Barcelona Helena González, tres síntomas “dunha negociación sen resolver: a da representación da menstruación nos eidos da creación”.

Así o explica no seu artigo na obra Letras escarlata. Estudos sobre a representación da menstruación, publicada polo grupo GAELT da Universidade de Vigo na colección iBroLit, da editora Frank & Time.  Este libro pretende ser “unha contribución ao estudo das diversas dinámicas que condicionan a percepción da regra e á análise da súa representación nas distintas manifestacións artísticas e expresións culturais, con especial atención á literatura”, segundo explican no limiar as súas coordinadoras, as profesoras da Universidade de Vigo Teresa Bermúdez e Mônica Heloane Carvalho de Sant’Anna.

Nas últimas décadas, -sinalan Bermúdez e Carvalho-, está a darse un incremento das producións artísticas que, desde diferentes disciplinas, “acometen a representación da menstruación”. Feito que, -engaden-, non podería entenderse sen o “cambio de paradigma” en relación co corpo feminino, que pasa de ser “deostado” a reivindicarse como ferramenta de expresión política e/ou artística, da man dun contradiscurso que “chega a subverter os tabús normalizados da impureza-silencio-invisibilidade para transformalos en orgullo menstrual”.

A experiencia da menstruación constituíra, tradicionalmente, unha “marca” que sinalaba as mulleres, unha “letra escarlata” gravada sobre o seu corpo e interpretada desde as culturas patriarcais como “signo de inferioridade e impureza”. A antropóloga Lourdes Méndez, da Euskal Herriko Unibertsitatea, analiza no seu artigo en Letras escarlata a orixe do tabú, que vincula cos rituais de purificación do corpo como xeito de protección simbólica da orde social e sexual.

A experiencia da menstruación constituíra, tradicionalmente, unha “marca” que sinalaba as mulleres, unha “letra escarlata” gravada sobre o seu corpo

Se a fundación da vida en sociedade, -explica Méndez citando a Mary Douglas-, esixe o tránsito entre a natureza e a cultura, o corpo, cos seus orificios abertos, eríxese en ameaza de sucidade, de impureza, e os fluídos corporais, sangue e seme sobre todo, remiten á idea da contaminación sexual, da sexualidade como creadora da orde simbólica ao articular cultura e natureza e fonte de trastornos individuais e sociais, e por iso regulamentada a través de prohibicións. As normas sobre a impureza -impostas en boa medida polas relixións- son tamén un xeito de garantir que pai social e pai biolóxico son o mesmo, o cal require controlar a sexualidade das mulleres.

Lourdes Méndez salienta exemplos de transgresión do tabú arredor da regra tirados da historia da arte, coma a performance dunha alumna da Universidad de los Andes (Colombia) que se meteu no 2012 durante varios días nunha vitrina, sen bragas e de cara ao público, deixando que o seu sangue menstrual caese sobre papel branco. Bastante antes, no 1965 en Nova York, a artista Shigeko Kubota pintara tamén un papel branco, en crequenas e con pintura vermella, cun pincel axustado ás súas bragas.

No 1965 en Nova York, a artista Shigeko Kubota pintara tamén un papel branco, en crequenas e con pintura vermella, cun pincel axustado ás súas bragas

Helena González multiplica os exemplos, acudindo á arte ou á literatura, e remarcando que “os discursos de substitución xerados para contrarrestar o tabú deron en ser fórmulas eufemísticas, en ser a superficie decorosa do que non se pode representar”. Desde o feminismo radical dos 70 e non só desde o posfeminismo do XXI -subliña-, creouse un discurso sobre o orgullo menstrual mais, -pregúntase-, “hai lugar na creación para un orgullo menstrual que supere o tabú, a vergoña e o abxecto que impón a idea de beleza e do moralmente aceptábel?”.

Tendo en conta que, -segundo explica noutro artigo no mesmo libro a profesora da Université Bordeaux-Montaigne Marie de Gandt-, se se repasa a historia do pensamento feminista contemporáneo, a menstruación raramente aparece nos textos, nin dos diferencialistas nin nos materialistas, polo que o cambio que leva á proliferación da presenza da menstruación nas artes de finais do século XX demorou en chegar.

A censura da lámpada estilo imperio que Joana de Vasconcelos fixera con tampóns no Pazo de Versalles -a obra titulábase A noiva- é, para Helena González, un caso especialmente significativo. Como pode ser, -cuestiónase esta autora-, que corenta anos despois de Red Flag de Judy Chicago -unha litografía que amosaba un tampón con sangue que unha muller extraía da súa vaxina- sigan a escandalizar uns tampóns sen usar. A publicidade -sinala González-, reforza a idea do tampón como ferramenta para non manchar, ademais de presentar unha “sexualización reificada dos corpos femininos, que son máis libres e máis atractivos grazas á seguridade antimanchas que dá o tampón”.

A publicidade -sinala González-, reforza a idea do tampón como ferramenta para non manchar

Mais os tampóns de Vasconcelos -reflexiona-, levan un obxecto “hixiénico” concibido para o ocultamento, ao salón dunha casa elegante, fóra da intimidade do baño, interrogando “sobre a tradicional reificación das mulleres e as moitas normativas que atravesan o seu corpo”. Engana o ollo do espectador, crea un belo obxecto artístico, -a lámpada símbolo de poder económico-, abrindo así camiño ao orgullo menstrual. O caso do poemario Os teus dedos na miña braga con regra, de Lupe Gómez, puxo en evidencia, pola súa banda, segundo González, non só os problemas co título que tivo a Xunta, senón que “sinala a menstruación como un límite para o sempre demasiado pudoroso discurso da nación en Galicia”.

As bragas manchadas, -como na obra de Lupe Gómez ou na de Rapi Kaur-, son ao ver de Helena González, indicador do “orgullo menstrual”

Este libro aparecía, -indica-, despois doutros nos que Gómez reivindicaba para o suxeito lírico o lugar da prostituta, a liberdade e o poder das mulleres cuxo corpo se somete á exposición pública. As bragas manchadas, -como na obra de Lupe Gómez ou na de Rapi Kaur-, son ao ver de Helena González, indicador do “orgullo menstrual”, usado particularmente “desde feminismos críticos cos produtos hixiénicos comerciais” que se “apropiaran” dos corpos das mulleres aproveitando a “idealización” e “mistificación” dos corpos no que caera o contradiscurso oposto ao tabú.

A profesora e crítica Teresa Seara afonda no seu artigo en Letras escarlata nas imaxes literarias da menstruación. Nos últimos anos do século XX, -afirma-, consolídase na literatura “unha nova visión do corpo feminino como suxeito que verbaliza as súas vivencias, entre elas a menstrual”. Neste contexto, o sangue devén “bandeira”, unha sorte de “letra escarlata” que, “mudando a súa consideración de imaxe da ignominia en símbolo do heteroxéneo, se exhibe con orgullo”.

"O sangrado é un recordatorio cíclico da imposibilidade, ou da negativa, a cumprir co que o poder patriarcal sinala como ‘verdadeiro’ destino das féminas: a concepción”

O sangrado, -apunta Seara-, “é un recordatorio cíclico da imposibilidade, ou da negativa, a cumprir co que o poder patriarcal sinala como ‘verdadeiro’ destino das féminas: a concepción”. A iso aluden, entre outras, -sinala-, Lupe Gómez ou Estíbaliz Espinosa, está última en ‘Máis sangue por favor’, con versos coma “Épica da regra:/ un millón de ovos ao nacermos / seica un estrago de vida”, ou Iolanda Zúñiga en Amor, amén, con “eu xa non estou na idade / di embarazo de risco / di pánico de saberme infecunda / farta de ovular baleiros / encharcando do sangue da regra / as bragas”.

Seara aprecia tamén, na literatura galega, outras mostras de resignificacións da regra que, fronte aos tópicos e tabús que devalúan as mulleres, preséntana como xeito de acceso a unha sabedoría ancestral que nos uniría coas primeiras mulleres, -como Olga Novo en Cráter-, e doutra maneira Yolanda Castaño en Vivimos no ciclo das Erofanías ou Begoña Caamaño en Circe ou o pracer do azul.

Os tabús do escatolóxico e do abxecto son tamén subvertidos, segundo Seara, co tratamento da regra como parte do xogo erótico, como no mesmo poemario de Yolanda Castaño. Ana Cibeira, María Xosé Queizán ou Ana Romaní recollerían, por outra banda, segundo esta autora, a metáfora rosaliana do sangue-tinta como imaxe da apropiación do “elemento patriarcal por excelencia” -o sangue vencellado á supremacía masculina-, e a palabra, liberada tamén do ditado patriarcal.

María Jesús Fariña, da Universidade de Vigo, continúa en Letras Escarlata a análise da representación da regra na literatura a través a obra de varias escritoras españolas e latinoamericanas, orientando a súa reflexión cara aos polos da vida e a morte e ao tratamento do sangue en relación coa violencia. Sónia Rita Melo, da Universitat de Barcelona, e Monica Heloane Carvalho achéganse ao tema desde a literatura en portugués, mentres que Katarzyna Paszkiewicz céntrase no cinema de terror.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.