Montse Dopico e María Obelleiro recollen o Premio Johán Carballeira de xornalismo

María Obelleiro e Montse Dopico recollen os seus premios © Concello de Bueu

Montse Dopico e María Obelleiro recolleron este domingo en Bueu o Premio Johán Carballeira de xornalismo. A nosa compañeira en Praza Montse Dopico foi recoñecida pola reportaxe “Galaxia vs Galaxia. A construción da hexemonía cultural”, publicada en Luzes; María Obelleiro, polo texto “O apartheid sanitario na Galiza”, publicado en Sermos Galiza

O acto, ao que asistiron medio cento de persoas, estivo presidido polo alcalde, Félix Juncal, e os concelleiros e concelleiras do goberno municipal Silvia Carballo, Fidel Castro, Teresa López e Ana Isabel Otero, ademais de Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira.

A entrega dos galardóns inseriuse no marco dunha charla sobre o tratamento das mulleres nos medios de comunicación, impartida por Llerena Perozo coa participación das dúas premiadas.  Nesta charla, que se celebrou ao mediodía na Sala Domínguez Búa, a editora e feminista encargouse de facer un percorrido pola situación de infrarrepresentación que viven as mulleres en todos os ámbitos da vida, pero máis concretamente no xornalismo. Perozo falou de conceptos como o “teito de cristal”, e sobre como a maior parte dos postos directivos están ocupados por homes, aínda que as mulleres sexan maioría nesta profesión.

Pola tarde celebrouse no Centro Social do Mar o VI Festival Poético, no que se inseriu a entrega do Premio Johán Carballeira de Poesía, que este ano chega xa á súa vixésima edición, e que recalou no poemario Galicia en bus de María Reimóndez. O acto estivo presentado por Manuel A. Mosteiro, e contou coa participación dos poetas Daniel Costas e Xosé María Álvarez Cáccamo.

María Reimóndez obtivo o Premio Johán Carballeira de Poesía © Concello de Bueu
Público asistente ao acto © Concello de Bueu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.