0 Gardados para despois

'A Guerra também foi nossa': a historia dos portugueses na guerra civil chega a Galicia

Redacción | @prazapublica

Podes mercar a obra de Dionisio Pereira na Tenda de Praza

A reportaxe da RTP pódese ver aquí

A Guerra também foi nossa é unha reportaxe da Radio e Televisão de Portugal (RTP) sobre a historia dos portugueses represaliados por Franco na guerra civil española. A historia desta represión aos cidadáns veciños -agochada e ocultada durante anos- chega agora a Galicia da man de varios colectivos culturais e de recuperación da memoria histórica e do Concello de Pontevedra. 

'A Guerra também foi nossa' é unha reportaxe da RTP sobre a historia dos portugueses represaliados por Franco na guerra civil

Porque a guerra civil marcou moito e para sempre a vida de millares de familias portuguesas. Eran moitos os cidadáns lusos que vivían perto da fronteira ou traballaban en diferentes territorios do Estado español. Ao estoupar a guerra logo do golpe de estado fascista de 1936, en España había 30.000 portugueses emigrados, tamén moitos en Galicia. Era a comunidade estranxeira máis numerosa. Sufriron e padeceron o conflito, pero tamén a dura represión do bando franquista. Tal e como sinalan os estudos, como o do historiador galego Dionisio Pereira, tan só en Galicia houbo 370 represaliados e 68 asasinados

Tan só en Galicia houbo 370 portugueses represaliados e 68 asasinados polo fascismo

“Os portugueses e portuguesas foron represaliados polos franquistas polo seu compromiso coas loitas sociais”, lembraba nesta entrevista en Praza.gal Dionisio Pereira, que colaborou e asesorou os autores do documental e estará presente en varias das proxeccións previstas en Galicia. As historias dalgúns deses torturados ou asasinados son contadas pola RTP. Historias inéditas de cidadáns lusos que malia non teren ido á fronte de batalla, foron fusilados ou desapareceron a mans das forzas franquistas.

No documental, percórrese a raia luso-española, de Galicia ao Alentejo, do Minho a Andalucía, para rescatar as historias destes portugueses e das súas familias rotas polo horror da guerra. 

Entre esas historias destacan as de Manuel Graciano Araújo e Abílio Barbosa Araújo. Manuel, natural de Viana do Castelo, residía temporalmente na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente, foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrándose a morte a causa de colapso cardíaco. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro da cidade do Lérez, tal e como lembra o Concello da urbe. 

Abílio, nado en Paredes de Coura e residente en Gondomar, foi asasinado en 1937 no Rosal e soterrado pola veciñanza. O seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración con forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago.

A reportaxe correu a cargo da xornalista Ana Luísa Rodrigues, con imaxes de Carla Quirino e edición de José Rui Rodrigues. Ademais, a calidade do documental, de 44 minutos de duración, foi recoñecida o pasado mes de febreiro coa nominación aos Prémios da Sociedade Portuguesa de Autores, na categoría de mellor programa de información televisiva.

O documental proxectarase en Pontevedra, Gondomar e A Estrada e contará coa presenza dos seus autores

O documental chega agora a Galicia da man do Concello de Pontevedra, en colaboración coa comisión pola memoria histórica Sempre con vós. Cidadanía pola verdade, xunto co Instituto de Estudos Miñoranos de Gondomar e a Asociación Cultural Vagalumes da Estrada. A fita proxectarase nos tres concellos entre os días 30 de maio e 1 de xuño, contando coa presenza das autoras:

  • Pontevedra, martes 30 de maio ás 20:30 horas, no Arquivo Provincial (Rúa Pai Amoedo, 1), con Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro
     
  • Gondomar, mércores 31 de maio ás 20:30 horas, na aula de cultura de Ponte de Rosas, con Xilberte Manso, vicedirector do IEM, e Antonio Arauxo Quintas, tenente alcalde de Gondomar e neto de Abilio Araúxo, asasinado en San Xián (O Rosal)
     
  • A Estrada, xoves 1 de xuño ás 20:30 horas, no Museo do Moble e da Madeira (MOME), con Dionisio Pereira

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.