Andrea Zapata-Girau triunfa en Cans tras outra festa popular do cinema

Foto de familia dos premiados en Cans Dominio Público @festivaldecans

O Festival de Cans entregou este sábado os seus premios logo do tradicional visionado das curtametraxes e tras outra festa popular do cinema. O xurado desta 14ª edición, formado por Alfonso Zarauza, Sonia Castelo, Luisa Romeo, César Goldi, Diana Toucedo, José Antonio Quirós e Mara Torres, outorgou os galardóns nos que destacou o protagonismo da muller.

'AAVA', de Andrea Zapata-Girau, gaña o premio á mellor curta de imaxe real e o de mellor realización

Así, o Premio do xurado á mellor curtametraxe de imaxe real, cunha dotación de 2.000 euros e Can de Pedra, foi para AAVA, de Andrea Zapata-Girau, "pola utilización de recursos fílmicos contemporáneos, unha realización arriscada e unha mirada moi persoal traballando sobre diferentes capas como son a emigración, o exilio e a busca dunha nova definición do concepto de maternidade".

En canto ao Premio á mellor curtametraxe de animación, cunha dotación de 1.500 euros, recaeu en Decorado de Alberto Vázquez, "por ser un proxecto de animación cunha sólida dirección dende a que se contrúe un universo singular, misterioso e macabro cun dominio moi intelixente e transgresor dos recursos fílmicos"

Os galardóns á interpretación, de 250 euros, caeron en Arantxa Aranguren, por La Madrina, e en Ricardo de Barreiro e Xulio Abonjo, por Einstein-RosenNo caso da primeira, o xurado destaca o seu traballo "dense a verdade, nun rexistro cómico rozando o límite", mentres que no caso dos dous homes, destácase que fosen "capaces de manter a coherencia dos personaxes cun longo intervalo de tempo e dar naturalidade á complexidade dos diálogos". 

Olga Osorio recolleu o premio ao mellor guión por 'Eninstein-Rosen'

O galardón á mellor realización foi para Andrea Zapata-Girau por Aava, por "narrar dende a primeira persoa e vehicular dende o seu entorno máis cercano unha historia universal", mentres que o de mellor guión premiou a Einstein-Rosen, de Olga Osorio, por "ser unha metáfora das relacións de poder que se establecen entre dous irmáns a través dalgo tan estrambótico como é a física cuántica". Esta mesma peza recibiu tamén o premio do púlbio á mellor curtametraxe, mentres que o do xurado á mellor banda orixinal foi para The magic oven de Manuel Riveiro, por "remitirnos ao clasicismo dos grandes referentes da animación".

Ademais,  xurado quere facer unha mención especial a Lago sabroso de Borja Santomé, por ser "unha peza merecedora dun impulso pola forza e personalidade única do estilo do autor". 

Por outra banda, os habitantes da localidade de Cans decidiu, despois do visionado das curtametraxes a concurso e a deliberación, outorgar por unanimidade o Premio do Xurado dos Veciños a Volant, de Raquel Pérez, por" ter como protagonista unha muller forte que escolleu o camiño que ela quería pese a ser o difícil e por tratar un tema actual como a precariedade laboral".

En canto ao premio dos vídeoclips, foi para “Mi Re La” de Oh! Ayatollah, dirixido por Xaime e Antón Miranda, mentres que o do público recaeu en “Restos de un naufragio”, de Igloo. Dirixe, dirixido por Fran X. Rodríguez.

Nesta nova edición de Cans, a música, a festa e a reivindicación máis enxebre volveu encher a aldea durante cinco días. Desta vez, no Torreiro das Estrelas, a homenaxe foi para Miguel de Lira, Daniel Guzmán e Montxo Armendáriz. 

Foto de familia dos premiados en Cans Dominio Público @festivaldecans
Chimpíns chegando ao Festival de Cans Dominio Público @festivaldecans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.