Festa rachada en Vimianzo polos 550 anos da revolta irmandiña

Participantes nunha edición anterior do Asalto ao Castelo Dominio Público Asalto ao Castelo

Xuño non é un mes calquera en Vimianzo. E a primeira fin de semana de xullo, menos aínda. A capital da Terra de Soneira prepárase para asaltar un ano máis o seu castelo con aires de festa rachada, pero este ano non é un máis. A gran cita no pórtico do verán vimiancés conmemora neste 2017 os 550 anos dende que os irmandiños lanzaron a súa revolución e lembrar cun amplo conxunto de actividades como aquela revolta se rebelou contra o "centro do abuso do poder", o castelo dende o que "se impartía xustiza feudal e terrol a todas as terras da xurisdicción", composta polos actuais concellos de Camariñas, Laxe, Zas e Muxía, ademais de Vimianzo.

A terceira edición da carreira nocturna da Legua Irmandiña inaugurará o vindeiro sábado 17 un programa de actos que desta volta se detén con especial interese na historia. Así, o sábado 24 baixo o título Vimianzo, 1467, o patio do castelo regresará á época das guerras irmandiñas da man dos historiadores Xosé Manuel Lema e Carlos Galbán. O relatorio histórico estará acompañado coa música dos Druidas da Rolda e unha cervexa para refrescar a revolta.

As novas irmandades parroquiais apostan por estender o Asalto ao Castelo por toda a Terra de Soneira

Casamentos polo "rito irmandiño", a creación das "irmandades parroquiais, abertas á participación de toda a Terra de Soneira histórica" ou as actividades infantís do Asaltiño destacan tamén nunha festa na que a gastronomía ten, un ano máis, un papel a non perder. A décima edición dos petiscos irmandiños -tapas preparadas só con ingredientes da época- nunha vintena de locais da vila ou as Xornadas Gastronómicas Medievais, en tres restaurantes, acompañan a unha das citas clave da festa, a Cea Medieval, que xa ten todas as súas entradas esgotadas. 

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre encabezan o cartel musical da festa

Todos estes ingredientes encherán a vila de festa e irmandade cara á xornada grande do Asalto ao Castelo, o 1 de xullo. Dende as cinco da tarde concentraranse as tropas na Praza da Igrexa para despois lanzar o primeiro ataque dende o foxo do castelo. Contra as oito e media izarase a bandeira irmandiña na Praza do Concello e ás once e media, sen que pare a música, chegará o momento do asalto final á fortaleza.

Como cada ano a representación e a lembranza histórica veñen acompañadas dun amplo cartel musical, desta volta encabezada por Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre (sábado 1 ás 22:00). Na noite do día grande da festa pasarán tamén polo escenario do Asalto os Heredeiros da Crus, Muchachito e mais os Festicultores Troupe. Por segundo ano consecutivo Praza Pública patrocina o Asalto ao Castelo de Vimianzo.

Cartel do Asalto ao Castelo 2017 Dominio Público Asalto ao Castelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.