'Un Día de Cine': Espazo de arte compartido para a integración

Algúns dos e das participantes en 'Un día de cine' © Asociación Proxecto Máscaras

O 8 de xuño de 2012 estreouse a película de non ficción Máscaras, un proxecto de integración e formación a través do cine que contaba o proceso de creación da curta de ficción Calcetin(e)s, un proxecto que nacera uns anos antes co encargo por parte de Aspronaga (Asociación de Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia) da realización dunha curta como parte do seu programa de ocio. Puido quedar niso pero foi moito máis aló, dando lugar á creación en 2014 da Asociación Proxecto Máscaras, que seguiu traballando a partir de todo o materializado na experiencia de sacar adiante a película, da que demos conta no seu momento nesta entrevista.

Cinco anos despois da estrea de Máscaras, os seus responsables celebrarán unha xornada de Arte e pedagoxía en código aberto, que se celebrará o xoves 8 de xuño ás 19 horas no Muncyt da Coruña, co obxectivo de "contar á sociedade o que ocorreu nestes cinco anos e o que está a suceder agora mesmo". Nestes momentos trabállase no proxecto Un Día de Cine, no que tamén participan a Fundación Adcor e o grupo Taller Naranja Imaginario. O proxecto consiste no desenvolvemento dunha experiencia de co-creación audiovisual integradora con todas as súas fases: formación, casting, guión, ensaios, rodaxe, etc., no que participan usuarios e usuarias de Aspronaga e tamén nenos e nenas do Colexio Calasancias. E deséñase desde as boas prácticas e os valores desenvolvidos desde a experiencia do Proxecto Máscaras

En primeiro lugar, faise fincapé na dimensión social das persoas como metodoloxía de aprendizaxe: "necesitamos sentir que a nosa achega é útil porque non hai construción humana na soidade (aprender facendo)". Tamén na diferenza como principal valor para a riqueza social e na diversidade como un proceso de participación. Reclámase igualmente a participación no espazo público e a creación artística como un dereito. E, finalmente, búscase aproveitar "a potencia do cinema e o lecer como ferramenta para emocionar, dar voz, documentar, educar e relatar". "Porque sempre se pode pero hai dous elementos esenciais en todos os ámbitos da Ciencia: as persoas e o contexto adecuado para transmitir e buscar novas complicidades ao posible", destacan.

O proxecto está financiado dentro da convocatoria Cultura inclusiva promovido pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña, no que obtivo a máis alta valoración. Deseñouse pensando na participación de 12 persoas pero a participación foi moito maior. O obxectivo era que se incluísen seis nenos e nenas de 6º de Primaria de Calasancias, pero ao final inscribíronse 17. O proxecto xera, polo tanto, un espazo de arte compartido para a integración, e consegue unha "inclusión de dentro a fóra": un equipo do que forman parte cinco persoas con discapacidade intelectual "trasladou a súa experiencia e coñecementos no contexto dun ámbito educativo normalizado".

Hai cinco anos, a curta que fora encargada fíxose, pero fíxose moito máis ca iso. Porque non se trataba simplemente de encher o tempo destas persoas, senón de facer cinema. E non se trataba de que estas persoas fosen o obxecto do filme, senón que debían ser os seus creadores, o suxeito, vivindo todo o proceso para facer a curta, tomando decisións en todas e cada unha das partes do proceso: o casting, o guión, os ensaios, a rodaxe e a difusión do resultado. Agora o proxecto continúa, porque "os protagonistas de Máscaras querían ensinarlles a outros o que aprenderan, porque querían seguir sendo actores na vida pública".

Algúns dos e das participantes en 'Un día de cine' © Asociación Proxecto Máscaras
Un dos obradoiros do proxecto 'Un día de cine' © Asociación Proxecto Máscaras
Un dos obradoiros do proxecto 'Un día de cine' © Asociación Proxecto Máscaras
Un momento da rodaxe © Asociación Proxecto Máscaras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.