0 Gardados para despois

Alberto Guitián: "Polémicas como a do Entroido desvían a atención dos temas realmente graves"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Poucos días antes do Entroido, aló polo mes de febreiro, comezou unha sorprendente polémica ao redor dun dos carteis escollidos polo Concello da Coruña para promocionar estas festas, realizado polo debuxante Alberto Guitián. Na imaxe aparecía representada unha persoa disfrazada de Papa (mesmo cun Papamóbil de cartón) cunha copa de viño na man, o que molestou a determinados grupos católicos, que creron ver no cartel unha burla ao Pontífice. Ás críticas da Asociación de Abogados Cristianos sumouse o Arcebispado de Santiago e mesmo o Partido Popular, a pesar das explicacións dadas dende o Goberno local da cidade, sinalando que o debuxo só representaba unha persoa disfrazada de Papa, un disfrace habitual no Entroido en toda Galicia.

A cousa puido quedar nun intercambio de declaracións e nun deses intensos pero efémeros flames das redes sociais. Pero un xuíz aceptou a denuncia presentada por Aurora Carro, presidenta da Asociación de Viúdas de Lugo, imputando o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, por un presunto delito de ofensa aos sentimentos relixiosos. A declaración de Sande ante o xuíz converteuse nunha festa de reivindicación da liberdade de expresión e do carácter festivo e irreverente do Entroido e, finalmente, a causa foi arquivada. No medio de todo isto estaba Alberto Guitián, que durante algún tempo preferiu non facer declaracións aos medios sobre este asunto, co que facemos balance deste inesperado proceso, agora xa cun chisco de distancia.

"Foi unha cousa totalmente inesperada. Nunca houbo intención de ofender nin de escandalizar. Os carteis querían recoller o espírito do Entroido, e para min o Entroido é diversión e un pouco de irreverencia", destaca. Subliña que durante todo este tempo pasou por varias fases, nas que o seu nivel de indignación foi aumentando: "dende unha primeira, coas denuncias da Asociación de Abogados Cristianos e outros grupos, a unha segunda, que foi a instrumentalización política deste escándalo entre comiñas", para chegar á denuncia de Aurora Carro, "que xa foi directamente un esperpento". "E unha cuarta, que foi a que máis tenso me puxo, cando algúns medios me chamaron para facer entrevistas, algunhas con preguntas de xulgado de garda", sinala. "Esa foi a parte máis ingrata", confesa. Con todo, salienta, "case sempre collín o tema con bastante distancia e flegma. Porque parece un sainete de Berlanga e de Rafael Azcona".

"Parece que todo o mundo está desexando ofenderse. Hai hipersensibilización tanto nos ambientes reaccionarios coma nos máis progresistas"

Ao cabo, todo o proceso inscribiuse no mesmo esquema que outras polémicas recentes relacionadas cos límites da liberdade de expresión e a súa xudicialización. "Sempre é o mesmo modus operandi", di Guitián. "Comeza por descontextualizar os feitos, porque os feitos no seu contexto non xeran polémica e estas campañas non terían percorrido", comenta. "Parece que todo o mundo está desexando ofenderse. Hai hipersensibilización tanto nos ambientes reaccionarios coma nos máis progresistas", critica, destacando que o actual escenario de redes sociais "xera unha especie de ruído continuo, son como un galiñeiro, todo o mundo quere chiar máis alto que os demais".

"Parece que todo o mundo ten a necesidade de manifestar que se sente ofendidísimo ou agredido, hai un ambiente de crispación continua. Estas polémicas parecen a leña, o combustible, para que as redes sociais se manteñan vivas. Acaba converténdose nun espectáculo chusco", di. "Nas redes sociais hai un límite máis difuso entre o espazo privado e o público. Todo caduca moi rápido, pero todo queda escrito, calquera pode revisar o publicado hai uns anos, e aí temos un problema", subliña. E, sobre todo, Alberto Guitián cre esaxerada a importancia que se lle está dando a este tipo de polémicas e o tempo que se lles está dedicando: "Este tipo de debates están desviando a atención de temas realmente graves, que deberían ter máis presenza nos medios e sobre as que debería haber máis conversa", conclúe.

"Dáste conta de que neste país hai cousas que quedaron atadas e ben atadas, e que aínda existe en España un pouso conservador e moi retrógrado que está contratacando con forza"

O nivel de gravidade do caso e, ao mesmo tempo, o seu carácter de esperpento, creceu coa imputación de José Manuel Sande. "Sempre pode aparecer unha señora que, a título persoal, interpoña unha denuncia. Ata aí ben, porque hai xente para todo. O que xa é preocupante é que haxa xente da maxistratura que leve esa denuncia adiante", di Guitián, que critica o mantemento en España de delitos coma o de ofensa contra os sentimentos relixiosos. "Dáste conta de que neste país hai cousas que quedaron atadas e ben atadas, e que aínda existe en España un pouso conservador e moi retrógrado que está contratacando con forza, como se está vendo con este caso, e cos de Cassandra, Strawberry ou Zapata, amosando un ambiente carcundio e ultraconservador", destaca.

España é un dos países da UE que conta con este delito de ofensa aos sentimentos relixiosos, inexistente no Reino Unido, Francia ou nos Estados Unidos. A Recomendación 1805 do Consello de Europa, do ano 2007, sostivo, respecto dos afirmacións contra os sentimentos relixiosos, que as confesións relixiosas deben tolerar as afirmacións críticas públicas e o debate sobre as súas actividades, ensinanzas e crenzas sempre que tal crítica non promova insultos gratuítos e intencionais ou a incitación ao odio, á violencia ou a discriminación contra os fieis dunha relixión. Fronte a isto, o Arcebispado de Santiago afirmou nun comunicado que "os símbolos relixiosos, e moi especialmente as figuras que representan a todas as confesións relixiosas, católicas ou non, non deberían ser nunca obxecto de utilización ou manipulación, nin sequera baixo a escusa do divertimento ou de ocasións lúdicas".

"Cando saíu o Je Suis Charlie, todo o mundo enarboraba a bandeira da liberdade de expresión, porque os malos eran os yihadistas. Hai un dobre raseiro, é bastante obvio"

No debate aberto sorprendeu o "dobre raseiro" que pareceu existir en moitos sectores que si fixeran uso do Je Suis Charlie para defender a revista satírica francesa tralo atentado sufrido polos seus debuxantes, pero que nesta ocasión se colocaron do lado dos grupos relixiosos ofendidos. "Cando saíu o Je Suis Charlie, todo o mundo enarboraba a bandeira da liberdade de expresión, porque os malos eran os yihadistas. Hai un dobre raseiro, é bastante obvio", láiase Guitián. 

 

O Entroido irreverente

"Houbo moita máis xente que se disfrazou de Papa, algún mesmo levaba o seu propio prototipo de Papamobil, a verdade é que foi bastante xenial"

"Mira que hai disfraces para non ter que molestar a ningunha forza relixiosa nin civil. Eu respectaría as figuras de monxas, sacerdotes, o Papa, gardas civís, policías..., xente que está a prestar un servizo a toda a cidadanía", dixo Aurora Carro nun debate en Radio Coruña que tivo lugar en febreiro. No medio deste proceso as propias comparsas do Entroido coruñés tiveron que saír a defender o carácter irreverente destas festas. Os Maracos, Monte Alto a Cien, Pantaleón, Kilomberos de Monte Alto, Malandros e Amigos da Xoldra difundiron un comunicado conxunto no que afirmaban que "o vestiario relacionado coa Igrexa sempre estivo presente" no Entroido e que na festa participa tanto "xente crente" como persoas que non o son. Ademais, criticaban que determinados "sectores fundamentalistas" non sexan "tan contundentes coa pederastia existente na Igrexa, cos desafiuzamentos, coa corrupción ou coa pobreza".

"Foi moi bonita sobre todo a reacción da xente das comparsas. E a de xente que sendo moi relixiosa dicían que non se sentían en absoluto ofendidas, que era un absurdo"

Guitián destaca precisamente que "foi moi bonita sobre todo a reacción da xente das comparsas. E a de xente que sendo moi relixiosa dicían que non se sentían en absoluto ofendidas, que era un absurdo". "Os disfraces de monxa, de crego, de cardeal ou de Papa son un clásico do repertorio do Entroido. Ou os de picoleto. En xeral os de calquera das forzas vivas da sociedade", di. De feito, en parte pola polémica creada este ano víronse nas rúas da Coruña moitos máis aínda. E, por suposto, no día no que o concelleiro de Culturas tivo que declarar no Xulgado. "Produciuse un efecto Streisand, como adoita acontecer nestes casos", sinala Guitián. "Houbo moita máis xente que se disfrazou de Papa, algún mesmo levaba o seu propio prototipo de Papamobil, a verdade é que foi bastante xenial. Mola moito, porque que un traballo teu acabe callando na poboación, é moi bonito", di.

Tamén o pleno da Coruña aprobou unha moción (presentada por Marea Atlántica e apoiada por PSdeG-PSOE e BNG) defendendo que o Entroido é "unha festa de todos e todas, colectiva e marcada pola irreverencia e a crítica aos poderes establecidos dende a retranca e o pracer" e criticando que "nos últimos tempos no Estado español véñense detectando numerosos acontecementos que deixan patente as eivas no que atinxe ao respecto da liberdade de expresión en todas as súas variantes". 

 

Insulto aos creadores e creadoras

"Cando algúns dicían 'o cartel é feo, de mal gusto, zafio' facíame moita gracia. Era como a guinda que algúns poñían ao resto das acusacións", di Gutián

"A min faime graza que estes 'artistas', entre comiñas", dixo Aurora Carro no debate xa citado, no que ademais acusou a Guitián de "falta de imaxinación". No proceso vivido nos últimos meses produciuse en moitos momentos un certo desprezo polo traballo do debuxante e, por extensión, polo de todos os profesionais do sector. "Cando algúns dicían 'o cartel é feo, de mal gusto, zafio' facíame moita gracia. Era como a guinda que algúns poñían ao resto das acusacións", di Gutián, que salienta que "en todas as profesións creativas hai moito traballo que facer para que o público lle dea o recoñecemento profesional e cultural que merece o noso traballo".

Guitián foi apoiado por senllos comunicados da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP). AGPI sinalaba no seu escrito que "a serie de carteis —de calidade artística superior, por outro lado— en ningún caso busca burlarse das crenzas de ninguén, senón reflectir o espírito da festa do Entroido, que tivo sempre como un dos seus puntos claves a visión humorística e a chanza acerca das institucións e as xerarquías". E FADIP cualificounos de "traballo ben executado e sen ningún tipo de intención lesiva para ningún colectivo, senón máis ben todo o contrario". E defendeu "a liberdade de expresión dos ilustradores, asumindo que a súa responsabilidade está nun labor de comunicación gráfica imprescindible para a sociedade, que en ningún caso debe verse ameazada por censuras de ningún tipo".

Guitián tamén foi acusado dende algúns ámbitos e mesmo dende algún medio de comunicación de estar próximo á Marea Atlántica e que fora esta proximidade a que motivara o encargo do cartel. O Concello non saca os carteis das festas a concurso, senón que contacta directamente cos profesionais inscritos no directorio de ilustradores Coruña Gráfica, un escaparate dos grafistas e debuxantes da cidade e que funciona tamén como repertorio de talento local para encargar os carteis e demais traballos gráficos dos distintos eventos que organiza o Concello. "Na Coruña a cantidade e a calidade dos debuxantes, ilustradores, autores de banda deseñada e deseñadores gráficos é moi alta. Hai moitos creadores de gran nivel e por iso a política do Concello de encargar estes traballos a creadores locais é moi positiva. Para que vas ir a outro lado cando tes xente aquí que o pode facer moi ben?", destaca.

"Deixarían a votación popular os detalles técnicos do proxecto de construción dunha ponte?", pregúntase. "Non, pero como disto do deseño gráfico sabe todo o mundo, pois facemos unha votación"

Colectivos profesionais de ilustradores e deseñadores gráficos critican decote a política seguida por outras institucións de convocar concursos que desvalorizan o traballo no sector e con resultados estéticos máis que cuestionables. Guitián conclúe "mal non o están facendo na Coruña, se comparas a súa gráfica coa que está saíndo noutras cidades, que ademais utilizan métodos como concursos de votación popular ou que lla encargan a xente que non é profesional ou sen calidade". "Deixarían a votación popular os detalles técnicos do proxecto de construción dunha ponte?", pregúntase. "Non, pero como disto do deseño gráfico sabe todo o mundo, pois facemos unha votación, como en Gran Hermano. Prexudican o conxunto da sociedade, porque empobrecen moitísimo a gráfica, a comunicación e a imaxe das cidades", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.