A primeira exposición do Museo da Cidade da Cultura custará 1'5 millóns de euros

A Cidade da Cultura CC-BY bonus1up

O Museo de Galicia inaugurarase a finais de xuño coa exposición Gallaecia Petrea, que custará un millón e medio de euros, pagados ao 77% polas entidades que forman parte da Fundación Gaiás e nun 23% pola Xunta. Tan só o orzamento para a montaxe e desmontaxe da mostra, que vén de ser aprobado, supera os 800 mil euros. Gallaecia Petrea consta de duascentas pezas do patrimonio histórico galego, algunhas de gran tamaño, incorporando tamén mostras do norte de Portugal. A mostra ocupará unha superficie de seis mil metros cadrados e estará aberta ao público durante seis meses.

A voceira do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, cualificou o feito de "indecente" e "despilfarro" e comparou a cantidade que se vai gastar na exposición, un millón e medio de euros, coa que se destinará ao longo de todo o ano para dotar de novidades a todas as bibliotecas públicas do país, a mesma. Pontón súmase ademais ás críticas que veñen sendo expresadas nos últimos meses por distintos colectivos políticos, culturais e sociais, que acusan á Xunta de Galicia de non ter un proxecto definido para a Cidade da Cultura, a pesar de que estas instalacións, cun orzamento de 24 millóns de euros para 2012, continúan detraendo unha parte importante dos fondos que manexa a antiga Consellaría de Cultura.

O orzamento para a produción, montaxe e desmontaxe, que supera os 800 mil euros, inclúe, por exemplo, unha mesa valorada en máis de vinte mil euros, varios cubos de tres metros de lado cun custe cada un de entre 10 e 20 mil euros, varias tarimas de máis de seis mil euros por unidade ou lonas de case doce mil euros.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.