0 Gardados para despois

"Non son proletaria da música, nin unha guerreira, nin unha funcionaria. Quizás a súa discípula"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Ugia Pedreira vén de pechar con Marful a Xira Surreal, na que levaron a súa música por unha ducia de espazos singulares de Galicia. Tamén vén de regresar do outro lado do Atlántico, de presentar en São Paulo con Fred Martins o seu disco conxunto AcrobataPolo camiño, nas ideas e voltas desas travesías transoceánicas e nas travesías interiores que deseña con Marful, Ugia mantén a fértil actividade do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque. Falamos con ela dos seus últimos proxectos e experiencias.

Que aprendiches da Xira Surreal?

Que o músico e o artista poden ser proactivos se son responsábeis co seu oficio, que deben coñecer o que hai detrás e diante do escenario. Confirmei unha expectativa. Que ante boa música e mellores produtos locais o público responde, porque o público non é mero receptor, a xente galega ten un compromiso para vivir mellor material e inmaterialmente en Galiza, refírome atendendo á beleza, ao respecto natural. Que o medo protexe e conxela mas tamén da impulso e cando os proxectos son deseñados desde a honestidade o camiño é limpo, as herbas das cunetas medran e non molestan porque as coñeces e sabes para o que serven.

"A xente galega ten un compromiso para vivir mellor material e inmaterialmente en Galiza, refírome atendendo á beleza, ao respecto natural"

A música cambia en cada escenario? O contexto é tan importante?

Algunha música cambia en cada escenario e algúns músicos son quen de rumiar cada espazo e deixarse sentir nel. Teño visto moitos concertos repetición, tamén de jazz. Agora non me interesan. Teño visto moito talento e técnica no escenario. Non me interesa. Admirar e respectar a poética do espazo vai mais alá da teoría e da intelectualidade. Creo que o contexto é tan importante que só as persoas sensíbeis saben del, porque a maxia non se compra, nin se programa. Por iso un espazo correctamente e protocolariamente aceptábel, con música correcta e bos manxares pode ser unha xornada cultural baleira e cargada de snobismo. O nivel e a calidade emocional depende de moitas claves, que estou disposta a ensinar nos posgraos de programadores culturais de Madrid ou Barcelona, eses que nada teñen a ver co territorio galego.

"Creo que o contexto é tan importante que só as persoas sensíbeis saben del, porque a maxia non se compra, nin se programa"

Que espazo che impactou máis?

Quizás as casas dos poetas. A casa de Curros e de Risco. Tanto nunha como outra respirábase moita vida, moitas conversas e moito arte a peso. Estar preto de xoias, de cadros orixinais de Castelao, estar preto dos sofás onde naceron e se incubaron tantas ideas que influíron na sociedade galega, dá unha confianza e seguridade de acción. Iso influíu na nosa presenza musical. Quizás foron as de menor aforo, porque non había espazo real, polo que eran tan só 50 persoas.

O presente da música pasa por estes camiños: innovar, misturar, combinar con outras artes e atractivos?

Non o sei. A pregunta que a min me fixo cambiar de dirección tanto no eido musical como de produción foi por que e para que eu fago isto. Preguntarse a si mesmo/mesma por que e para que estamos nisto ou naquilo é o fundamental. Iso creo. Hai miles de opcións musicais, formas, decisións, misturas, propostas... A música non é unha opción, é unha deusa que te toca ou non. Non son proletaria da música, nin unha guerreira, nin unha funcionaria. Quizás a súa discípula.

Como estaba São Paulo no São João?

Poucas fogueiras, ainda que depois do primeiro concerto fixen unha pequecha e tamén cociñei para o Projecto Alberto Seabra 1128 de fooding (música e gastronomía). Veño de traballar e deseñar os Petiscos Musicais das Crechas e da Escondida en Espasante con aCentral Folque, e antes do primeiro concerto grande de Acrobata no Sesc Belenzinho de São Paulo fixemos un concerto con petiscos para músicos, artistas, intelectuais que viñeron probar o espírito do disco, a sorprenderse coa pandeireta galega e a comer viandas brasileiras e unhas filloas, receita de miña mai Isabel. Entón, vinme no mesmo camiño mas noutro lado do Atlántico. Consciente dos pasos.

Que é Acrobata? Que conta?

Cancións do Fred Martins e miñas. Unha oda as palabras que voan e pousan. A poesía é a auténtica protagonista do disco. Un disco simple e desprovisto de artificios. Un exercicio de verticalidade mirando cara dentro de nós. A lingua galega e portuguesa, que son a mesma, dan a man nun exercicio de autocoñecemento e recoñecemento.

"Fred Martns está nunha parte do segmento forza-delicadeza e eu noutra"

Galicia rachou os preconceitos, as barreiras que aínda lle impiden achegarse, misturarse, entrar nas músicas da lusofonía?

Pois quizás Galicia en algúns casos si, o resto da Galeguia (antes mal chamada Lusofonia), refírome a Angola, Brasil, Portugal..., que non están moi informados da importante que é a fonte do galego-portugués e onde ten a raíz a psicosocioloxía da lingua. Unha lingua por descubrir, polo tanto. Isto tamén dá azos para o desenvolvemento á vez que protexe o territorio.

Que lle dá Fred Martins á túa música que ti non tes? Que lle das ti que el non ten?

Penso que el está nunha parte do segmento forza-delicadeza e eu noutra. Que estamos xogando coa calma-paixon tamén en distintos grados. E que escenicamente e vitalmente somos complementarios na música.

"As composicións de Fred son novidosas e poderosas para un cambio de visión da Música Popular Brasileira"

Como se recibiu no Brasil o disco?

Oh! O Fred é moi respectado como compositor. A súa chegada a Galiza desde Niteroi por telo convidado ao desaparecido Festival de Musicas Portuarias de Ferrol, creo persoalmente que lle abriu un mundo de trovadores, de antropoloxía musical que é unha riqueza no pais. As composicións de Fred son novidosas e poderosas para un cambio de visión da Música Popular Brasileira. Eu sentinme moi querida cun público que mostra a súa emoción sen vergoña e a converte en palabras. Recibín eloxios moi claves, e crónicas xenerosas para situarme mais no meu oficio.

Que outros proxectos tes entre mans (ou na cabeza)?

Non perder o triangulo norte d'A Marinha, Ortegal e Bretagne para encherme e así seguir compoñendo, escribindo e cantando.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.