A Xunta ofrécese á Igrexa para protexer o Códice, que podería ser trasladado

Imaxe dun treito do Códice Dominio Público Praza Pública

Descoido, adianto ou recado con dirección ao Arcebispado de Santiago? Menos de vinte e catro horas despois da recuperación do Códice Calixtino nun metafórico rocho do Milladoiro e mentres continúan, a partes iguais, as chanzas e os interrogantes sobre o presunto autor do roubo, sobre o seu modus operandi ou en torno ao xeito en que un electricista pode acumular na casa máis dun millón de euros, as preguntas inclúen tamén verbos conxugados en futuro. Unha vez achado, as olladas están postas nas autoridades e na propia Igrexa católica para saber se a precaria seguridade dos tesouros da Catedral compostelá será incrementada. Esa pregunta dirixíuselle tamén este xoves ao presidente da Xunta. E Alberto Núñez Feijóo deixou caer unha posibilidade: que o valioso volume sexa trasladado.

Ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta a Feijóo solicitóuselle unha valoración do acontecido e a súa postura a respecto da conservación de tan valioso ben. E o presidente, tras os agardados parabéns ás forzas de seguridade e ao Goberno central, bosquexou o contido da súa breve conversa telefónica co arcebispo compostelán, Julián Barrio, na propia tarde da recuperación. O xefe do Goberno galego "supón" que "durante este ano as autoridades catedralicis tiveron tempo dabondo para ver cales eran as deficiencias" de seguridade do complexo " e por onde podemos ter outros disgustos" semellantes con "outras pezas fundamentais do noso patrimonio". A Xunta, di, apostou porque dende o Arcebispado "nos conten cales son as súas propostas" para a custodia dos bens e o Executivo tamén trasladará "as nosas reflexións". Nesas reflexións cabe o traslado? "Iso si -dixo inicialmente o presidente- pero iso ten que dicilo o arcebispo" xa que "non son a persoa axeitada para dar noticias que ten que dar o arcebispo".

"Non son a persoa axeitada para dar noticias que ten que dar o arcebispo", resolveu Feijóo ao ser cuestionado polo posible traslado

O que foi interpretado como un titular de alcance foi obxecto de repreguntas e, ante tal circunstancia, de matices por parte de Feijóo. "Eu non podo falar polo arcebispo" e por iso "tentei non entrar" na "cuestión" do traslado, tentou emendar. "Correspóndelle ao arcebispo tomar as decisións oportunas e ser o portavoz das súas decisións", con independencia de que "si houbo unha conversa na que avanzamos as posibilidades do Códice, dende o punto de vista da exposición pública e da súa custodia e vixilancia" ou sobre "en que lugar da Catedral se expón". "Tento ser respectuoso con outras instancias que non entran de forma directa ou indirecta no Goberno galego; non quixen nin quero dicir máis", conclúe, nun contexto no que, non obstante, tampouco o titular da Xunta dubida de que os sistemas de seguridade da basílica santiaguesa son "manifestamente mellorables".

Mentres dende o entorno do presidente se matiza tamén que ese traslado podería ser, unicamente, a un emprazamento máis axeitado dentro da propia Catedral tanto para favorecer a súa protección como as visitas, dende o propio Cabido catedralicio se admite tamén, aínda que con outra retórica, que cómpre mellorar a precaria custodia dunha obra tan prezada. Nun comunicado no que dende a dirección do templo compostelán se asegura ter "recuperado a luz e a ledicia", as autoridades eclesiásticas sinalan que, a propia desaparición do Códice, hai exactamente un ano, "incentivou no Cabido a preocupación por poñer ao día as medidas de seguridade" e "nese sentido, déronse pasos importantes". "Sabemos que o que noutros tempos era totalmente válido agora require ser actualizado" e por isto, aínda que "ningún museo pode asegurar que alí non vai pasar nunca nada, hemos de continuar ofrecendo unha seguridade basicamente fiable, de xeito que obras tan valiosas pola súa antigüidade e calidade, se atopen seguras no lugar onde se mostran".

Dous dos detidos, en liberdade con cargos

Os catro presuntos implicados no roubo pasarán a disposición xudicial este venres

Mentres se prepara o regreso do Códice á catedral o proceso policial e xudicial continúa en marcha. As catro persoas detidas pola súa presunta implicación no roubo pasarán este venres a disposición xudicial se ben dous deles, o ex electricista da Catedral e a súa muller, o farán como detidos e os outros dous, o fillo do suposto autor do roubo e a moza deste, acudirán en liberdade, pero con cargos. Na xornada previa á devolución definitiva da obra á Igrexa expertos policiais realízanlle diversas probas periciais co obxectivo de ratificar que non sufriu dano ningún malia á precariedade do emprazamento no que estivo agochado, se ben tanto dende a Xunta como dende o Cabido se adiantou que o máis probable é que non existan desperfectos.

As pesquisas que aínda están abertas incluíron tamén este xoves novos rexistros, de novo na localidade do Milladoiro. Alí os axentes tentaron inspeccionar o local dunha asociación veciñal que hai anos foi presidida polo electricista, se ben o acceso non foi posible ao non contar a Policía con chaves para poder acceder ao inmoble. Isto sucedeu, segundo explicou aos medios de comunicación o actual responsable da asociación, Jesús López, porque o colectivo veciñal cambiou a pechadura hai uns anos, ao detectar que o presunto ladrón do Códice tentara vender o local.

Feijóo, durante o Consello da Xunta © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.