A Mesa cualifica de "mazazo" o descenso da edición en galego e culpa a Feijoo

Libros Dominio Público Praza Pública

Os datos son os seguintes: a edición de libros en galego caeu un 10% en 2011. Pola súa banda, a edición en catalán tamén caeu, pero menos (un 6,7%), mentres en euskera creceu un 1,4% e en castelán un 3,5%. As editoriais galegas, no entanto, produciron un 1% máis exemplares ca no ano anterior. É a foto fixa que ofrece o Informe do Comercio Interior do Libro en España, editado pola Federación de Gremios de Editores, e do que este mércores se coñeceu un avance.

O número de títulos editados en galego é superior ao de 2009, pero é certo que chama a atención o descenso tan abrupto dende os datos de 2010. En total, en 2011 publicáronse en galego 1.822 obras, fronte aos 2.028 do ano anterior. En opinión de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, “desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo, non hai un só indicador positivo en políticas culturais, educativas ou lingüísticas”. Callón cualifica de "mazazo" os datos e reclamoulle á Xunta a “resurrección da política cultural e do fomento do libro en galego”, pois “polo camiño actual só nos empobreceremos máis e máis”.

Á vista dos datos, que indican que a lingua (en termos absolutos e relativos) na que máis creceu a edición é o castelán, Callón ironizou dicindo que “tamén aquí se ve cantísima protección precisa o castelán”

Á vista dos datos, que indican que a lingua (en termos absolutos e relativos) na que máis creceu a edición é o castelán, Callón ironizou dicindo que “tamén aquí se ve cantísima protección precisa o castelán”. A Mesa apela á Xunta a que “non olle para outro lado” e que “lembre que ten competencias plenas para garantir o desenvolvemento cultural do noso país, porén non as está a utilizar”. Así mesmo, afirma que “en datos como estes vemos, máis unha vez, como se continúa a imposibilitar o dereito elemental a vivirmos na nosa lingua propia”. Callón conclúe dicindo que “se xa antes os datos de edición en galego non eran positivos, pois non se correspondían coas dimensións da nosa comunidade lingüística, agora só pode cualificarse de impresentábel que aínda vaian a peor”.

 

Máis títulos, menos exemplares, menos facturación

Os datos que se extraen do informe non ofrecen, en calquera caso, unha foto demasiado positiva para a industria do libro, na lingua que sexa. É certo que crece o número total de títulos editados (83.258, un 4,3% máis), pero imprímense menos exemplares (286 millóns, un 5% menos) e descende igualmente o número de libros vendidos (case 200 millóns, un 12% menos) e polo tanto a facturación, un total de 2.772,34 millóns de euros, un 4% menos.

Crecen os ingresos xerados polo cómic, e as meirandes caídas prodúcense nos libros de literatura, cuxos ingresos baixan de 713 a 550 millóns de euros dende 2009

Esta tendencia (máis títulos, pero menos facturación) mantense dende hai anos. E así, nos últimos cinco anos a cifra total de facturación descendeu un 11,2% e o número de exemplares vendidos un 20,3%. O record de facturación acadouse en 2008 con 3.185,5 millóns de euros, e dende entón non fixo máis que descender, caendo a niveis de 2002.

O libro de texto non universitario segue sostendo a facturación, e supón máis de 800 millóns de euros, mesmo subindo dende o ano anterior. Os libors infantís e xuvenís e en xeral os libros técnicos mantéñense ou descenden lixeiramente, agás os diccionarios e enciclopedias, cuxa facturación se reduciu á metade en dous anos. Crecen os ingresos xerados polo cómic, e as meirandes caídas prodúcense nos libros de literatura, cuxos ingresos baixan de 713 a 550 millóns de euros dende 2009.

Os títulos dixitais multiplicáronse por catro, até superar os corenta mil. Porén, a súa facturación seguiu sendo testemuñal

Os títulos editados en formato dixital multiplicáronse por catro en 2011, até superar os corenta mil. Porén, a súa facturación seguiu sendo testemuñal (72 millóns de euros) e apenas creceu dende o ano anterior.

Libros Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.