A primeira xornada no Festival Noroeste, en imaxes

Remate do concerto de Enric Montefusco na Praza das Bárbaras © Festival Noroeste

O Festival Noroeste botou a andar este martes na Coruña. A primeira de seis xornadas de música que ata o domingo encherán de son as rúas e prazas da cidade, cun cento de bandas distribuídas por 15 espazos e todos os concertos -agás dous- de balde. Swans, Rosalía e Enric Montefusco brillaron na apertura do evento, que hoxe continúa con Rodrigo Leão, Ala.ni, Radio Océano ou Mourn, entre outros moitos. Os horarios deste mércores pódense consultar neste enlace.

Milleiros de persoas movéronse dun punto a outro do mapa de sons deseñado pola organización, dende a densidade coa que Swans marabillaron o seu público no Teatro Rosalía ata a intensidade e delicadeza de Rosalía e Raül Refree, que atopou no fermoso escenario do Castelo de San Antón un decorado inmellorable. Enric Montefusco elevou os seus e as súas incondicionais na Praza das Bárbaras e para os e as que querían leña, tiveron cuádrupla ración no propio Campo da Leña. San Nicolás encheuse para bailar os ritmos de The All Night Workers e New York Ska Jazz Ensemble. E a Fundación Seoane acolleu o interesantísimo proxecto de Naranja Imaginario.

O portugués Rodrigo Leao, a londiniense Ala.Ni, os americanos Lisa & the lips e os chineses Rolling Bowling encherán este mércores de sons do mundo a segunda xornada do 31ª Festival Noroeste Estrella Galicia. Outros nomes propios da xornada do mércores -na que tamén terán unha forte pegada as bandas locais- son New Day, Mourn, Crim, Radio Océano ou Lascivos.

Rosalía no Castelo de San Antón © Festival Noroeste
Swans, no Teatro Rosalía © Festival Noroeste

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.