"A ciencia é unha ferramenta de progreso. Non hai que deixala en mans dos pasadistas"

Aviador Dro © Festival Noroeste

Os obreiros especializados de Aviador Dro actúan esta noite na Coruña, nunha das actuacións máis sinaladas deste xoves do Festival Noroeste. Ás 22.45, na Praza das Bárbaras, e ás portas do convento de Santa Bárbara (do século XV, aínda hoxe ocupado por unha comunidade de monxas) a banda difundirá a súa mensaxe futurista e electrónica. Ao son dos sintetizadores e coas habituais consignas de "Acción contra tradición" ou "Morte ao pasado", a formacións -pioneira da música electrónica en España- repasará algún dos seus temas máis coñecidos. Falamos con Servando Carballar (Biovac N), un dos fundadores da banda en 1979.

Como vai ser o concerto desta noite. Temas novos, vellos, un pouco de todo...?

O concerto será un concentrado do que é Aviador Dro nos últimos 30 anos, con bastante peso para os temas históricos. Repasaremos todo o que os mutantes galegos esperan de nós, como "Nuclear Sí", "Selector de Frecuencias", "Programa en espiral"... E despois haberá tempo para algún dos temas novos tamén.

"A nosa actitude é punk, así que unha decoración entre románico e católico pois non vai estar mal. Imos ser un pouco como unhas riot girls"

Supoño que a posta en escena tampouco decepcionará aos fans... Selo Aviador Dro?

No escenario estaremos cinco: CTA 102, Genocider/Genocyber F15, Arco Iris, ATAT e eu mesmo, Biovac N. Repartiremos bandeiras, panfletos... todo para conseguir que o público chegue ao trance que queremos que compartan con nós.

Tocades na Praza das Bárbaras: un escenario moi fermoso, coa particularidade de situarse a carón dun convento do século XV aínda ocupado por monxas, dende logo un decorado moi distinto ao contido das vosas cancións...

Jaja. Si, ben, creo que unha das características da nova tecnoloxía ten que ser que se mesture co orgánico. A nosa presentación é bastante rachista, que ninguén espere que esteamos cun par de laptops e movendo botonciños. A nosa actitude é punk, así que unha decoración entre románico e católico pois non vai estar mal. Imos ser un pouco como unhas riot girls.

"Daquela a xente realmente non entendía nada. Co tempo foi comprendendo pouco a pouco a mensaxe do uso da tecnoloxía como revolución, da posibilidade de usar a ciencia dunha maneira revolucionaria"

Como recibía esa España de 1979 e de comezos dos 80 a vosa música, as vosas mensaxes e a vosa estética?

Daquela a xente realmente non entendía nada. Co tempo foi comprendendo pouco a pouco a mensaxe do uso da tecnoloxía como revolución, da posibilidade de usar a ciencia dunha maneira revolucionaria. Iso enténdese máis no presente, no tempo de Internet, dos movementos hackers ou vendo unha serie como Mr. Robot. Pero en 1979, cando comezamos, a decoración era máis ben rural. Nós comezamos o ciberpunk sen que se se inventara aínda, pero agora afortunadamente estamos máis próximos.

"O noso país e os nosos gobernantes son moi deficitarios en materia de cultura, ciencia e coñecemento. Prefiren ter unha chea de xente adestrada para ser man de obra e non pensar"

Mellorou nestas décadas a cultura científica e musical da sociedade española? Ou queda moito camiño por avanzar?

O noso país e os nosos gobernantes son moi deficitarios en materia de cultura, ciencia e coñecemento. Prefiren ter unha chea de xente adestrada para ser man de obra e non pensar. Ou, a base de darlles subvencións a grupos franquistas e neonazis, levar o camiño ideolóxico cara á nada. Estamos gobernados por xente que prefire que non pensemos. Tanto a xente que traballa a nivel teórico en ciencia ou que fai música experimental está tendo que marchar ao estranxeiro en moitos casos, mentres aquí o que queda é un país de turismo, lixo e casinos. Aquí hai moito talento, pero por este camiño non imos a ningures.

Influístes en moitas bandas e artistas nas últimas décadas. Algún grupo na escena electrónica que vos gustase especialmente ou no que percibirades que tiña un pouco de vós?

Gústanos moito Bretón Armada, ou grupos como L-Kan ou La Monja Enana, polo humor que incorporan ás súas cancións, porque o humor é moi importante na música. Hai moitas bandas que fan unha electrónica moi boa. Sempre nos encheu de orgullo cando alguén dicía que se sentira influído polo que nós facíamos.

"Sempre traballamos cuns conceptos moi claros, tentando transmitir que a ciencia é unha ferramenta de progreso e que non hai que deixala en mans dos pasadistas"

Tan só quedas ti da formación inicial da banda, pola que nestes anos pasaron moitos músicos. Como se xestionan estes cambios sen mudar o básico do grupo?

Si, da formación inicial quedo eu, pero hai dous aviadores -Alex e Marta- que xa estaban no grupo no segundo ano. Pero aínda que os integrantes fosen variando, nós sempre traballamos cuns conceptos moi claros, tentando transmitir que a ciencia é unha ferramenta de progreso e que non hai que deixala en mans dos pasadistas. E así puidemos sempre integrar nestes anos ata 18 aviadores, mantendo sempre as mesmas ideas.

Fostes unha das poucas bandas españolas teloneiras de David Bowie. Como foi aquela experiencia?

Evidentemente, para nós telonear a Bowie foi algo incrible. Era unha estrela pop descomunal e todo o seu traballo de unión de mundos visuais coa súa música era algo que sempre tivéramos presente. Iso si, nos catro días que durou a xira non chegamos a estar nin a 20 metros del en ningún momento. Nin nós nin os Stranglers, que eran ou outros teloneiros. Nós limitabámonos a admirar un buffet absolutamente maxestuoso que Bowie nin tocou; todos os días retiraban as langostas e o caviar e ao día seguinte as repoñían co mesmo resultado. A impresión era estar ao lado dunha estrela, pero que estaba noutra división moi diferente á nosa.

"Fixemos un Manifiesto de la Música Aumentada no que defendemos que a música non é un límite, senón que se pode integrar con outras cousas"

Xunto a outros discos máis convencionais, levastes a cabo moitas iniciativas nas que transitastes por camiños fronteirizos, levando a música a museos e universidades ou con proxectos nos que as cancións servían para impulsar a cultura científica, como La Voz de la Ciencia. Hai que superar as fronteiras entre ámbitos, artes, estilos...? 

Con La Voz de la Ciencia queríamos ir máis aló do concepto típico de grupo pop. E agora de novo estamos inmersos nun proxecto semellante: fixemos un Manifiesto de la Música Aumentada no que defendemos que a música non é un límite, senón que se pode integrar con outras cousas. Nos vindeiros anos imos gravar unha serie de discos baseados en mundos paralelos, en historias que poderían ter sido diferentes. En 2018 publicaremos un álbum con bandas mexicanas baseado na idea de que o descubrimento se fixo ao revés: os aztecas descubriron e colonizaron Europa. E nel participarán escritores, ilustradores, que nos axudarán a crear unha obra na que a música serve para cohesionar, pero que vai máis aló da música.

"A idea dun festival estendido, que ocupa toda a cidade é moi boa. Xa nos gustaría ter algo así en Madrid"

Xa estivestes onte vendo algún concerto. Que vos parece o Noroeste, sobre todo a forma en que está deseñado?

A idea dun festival estendido, que ocupa toda a cidade é moi boa. Os escenarios están moi ben elixidos, todo soa bastante ben e nese sentido dános bastante envexa. Xa nos gustaría ter algo así en Madrid. Para nós o Noroeste é aire fresco neste verán. Estamos encantados de estar aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.