30 artistas homenaxearán a Narf nun concerto en Compostela

Cartel do concerto © Festival Feito a Man

"Cidade incompleta, faro errante, Santiago. Para nós, e somos moitas e moitos, a cidade séntese hoxe de certo incompleta sen a persoal luz de Fran Pérez, Narf. Fóisenos un dos máis prezados tesouros da nosa memoria vital e artística nesta cidade. Sen el, a nosa vida aquí tería sido outra cousa. As pontes que tendeu no mundo musical son agora motivo de aprecio e celebración. As homenaxes sucédense, a súa pegada lémbrase e hónrase nos lugares máis insospeitados. Por iso, a pesar da mágoa que iso supón, vai sendo hora de que esta cidade tamén o honre e o celebre".

O Festival Feito a Man (no que Narf tivo unha presenza permanente desde os seus inicios) organiza un concerto-tributo ao moi querido músico compostelán, finado o pasado mes de novembro. O espectáculo, que terá lugar o 30 de agosto na Praza da Quintana de Santiago, contará coa participación dunha trintena de artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia.

O espectáculo, que terá lugar o 30 de agosto na Praza da Quintana, contará coa participación dunha trintena de artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia

Esta festa musical (pero na que haberá tamén unha presenza destacada do mundo do teatro galego) pretende, por unha banda, ofrecer unha panorámica significativa da súa música e, por outra, reunir na súa memoria non só os compañeiros e colectivos que compartiron camiño con el en Santiago, senón tamén amigos e artistas fundamentais no seu traballo.

O concerto, que está dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá unha banda base e logo os convidados e convidadas irán interpretando temas do músico compostelán. Entre os artistas participantes poderemos ver a Timbila Muzimba, a banda mozambicana coa que compartiu o seu último proxecto; Carlos Santiago e Pepe Sendón, compañeiros na Psicofónica de Conxo e en Nicho Varullo; Uxía, con quen publicou o disco As baladas da Galiza imaxinaria; o vasco Jabier Muguruza, parceiro no proxecto Mundo café; e moitos outros como Xabier Olite, Guadi Galego, Espiño, Jim Sanders, e outros. Ademais, participará Manolo Cortés, de Chévere, compañía da que formou parte nos seus primeiros tempos; As Marías (María Bouzas e María Pujalte); Mofa e Befa; e Quico Cadaval.

"As homenaxes sucédense, a súa pegada lémbrase e hónrase nos lugares máis insospeitados. Por iso, a pesar da mágoa que iso supón, vai sendo hora de que esta cidade tamén o honre e o celebre"

"Abriu camiños desde mozo no rock local, cando a música xuvenil ao vivo aínda era unha sorpresa nesta cidade. Abriu camiños na integración significativa da música nas artes escénicas e nas sinerxias que alimentaron o fenómeno das salas alternativas autoxestionadas. Abriu camiños inéditos para quen quere facer da música profesión desde a independencia e a integridade. Abriu camiños para a conformación da escena musical local como hoxe a coñecemos e abriunos tamén cara o exterior, propiciando encontros inauditos coa música do mundo, encetando vieiros inexplorados. E todo cunha personalidade única de irrenunciable orixinalidade", destacan dende a organización do festival, que con este concerto porá fin a un mes de actividades, en marcha dende o pasado 3 de agosto.

Fran Pérez, Narf © Adrián Cunha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.