A Coruña convida a descubrir os espazos literarios da cidade cunha guía turística

Alberto Lema, coa xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud © Concello da Coruña

Curros Enríquez, as Irmandades da Fala, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Méndez Ferrín, Manuel Rivas... Todos protagonistas da guía literaria da Coruña que vén de editar o Consorcio de Turismo da cidade. 3.500 folletos de promoción turística centrados nos escenarios literarios da urbe e nos seus autores e que se repartirán nas oficinas de información e en locais de hostalería.

O Consorcio de Turismo edita unha guía con lugares literarios, de memoria, onde viviron escritores e institucións das letras ou que inspiraron autores

"Até o de agora nunca se plasmaran nunha guía turística os lugares literarios e de memoria cos que contamos, aqueles onde viviron escritores, onde se ubican e ubicaron institucións relacionadas co mundo das letras e a promoción e defensa da lingua e onde se inspiraron", destacou Alberto Lema, presidente do ente municipal e concelleiro de Emprego e Economía Social, sobre unha publicación que traza un percorrido de once escenarios distintos da Coruña. 

Así, as zonas nas que se centra a guía A Coruña Literaria son os Xardíns de Méndez Núñez, Editorial Nós e Irmandades da Fala (rúa Real, 36), Libraría Regional e Cova Céltica (Rego de Auga, 16), Pazo de María Pita, Casa Museo Museo Emilia Pardo Bazán, Casa Museo Rosalía de Castro, Campo da Leña, Cemiterio de Santo Amaro, Torre de Hércules e a antiga prisión provincial.

A guía destaca lugares como a sede da Cova Céltica ou das Irmandades da Fala, as casas de Pardo Bazán e Rosalía ou o cemiterio de Santo Amaro

"Os espazos escollidos non necesitan presentación nin xustificación, dende os xardíns de Méndez Núñez, con distintas esculturas, destacando a valiosa estatua de Curros, realizada por Francisco Asorey, até o legado das Irmandades da Fala. Estamos na cidade na que se impulsou o Rexurdimento e a defensa do noso idioma, na cidade da Editorial Nós e A Nosa Terra, na da Cova Céltica e a Libraría Regional de Carré Aldao", dixo Lema. 

A guía destaca dos xardíns de Méndez Núñez o conxunto arquitectónico dedicado a Curros, así como os monumentos que homenaxean a Castelao, Valle-Inclán, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Daniel Carballo, entre outros. En Cantón Grande recomenda parar no número 16, "onde se situaba a redacción e a administración do xornal A Nosa Terra, no despacho do avogado e escritor Xosé Iglesias Roura". A poucos metros, na rúa Real 36, unha placa conmemora o centenario do nacemento de Ánxel Casal, que en 1927 fundou a editorial Nós. Foi membro das Irmandades da Fala (movemento fundado en 1916 na Coruña), e unha de cuxas sedes estivo precisamente nese lugar. Ao finalizar desta rúa, a guía anima a deterse no número 16 de Rego de Auga, onde se localizaba a Librería Regional. Alí, en 1893, "un grupo de intelectuais rexionalistas comezou a celebrar un faladoiro que chamaron Cova Céltica; Manuel Murguía, Pondal, Lugrís Freire, Martínez Salazar e o propio Uxío Carré Aldao, dono do local, estaban entre os seus membros". 

Ademais, a guía detén a ollada no pazo municipal de María Pita para homenaxear a Manuel María Puga e Parga, Picadillo, que pasou á historia polo seu fondo coñecemento da gastronomía popular galega e que foi alcalde da cidade en dúas ocasións. Tamén, na casa museo Emilia Pardo Bazán, lugar natal da escritoria, que o cedeu para converterse en sede da Real Academia Galega. Tamén na cidade vella, na rúa Príncipe 3, atópase a vivenda que habitaron entre 1872 e 1873 Rosalía de Castro e Manuel Murguía. O escritor e marido da principal referencia da literatura galega descansa no cemiterio de Santo Amaro, outro lugar sinalado na guía, por estar alí tamén as tumbas de Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Juana de Vega, Fernández Flórez ou Luís Seoane.

Ademais, a Torre de Hércules é outro dos monumentos destacados por "mesturarse" nela mitoloxía e historia milenaria. "O Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións, recompilación de lendas irlandesas, podería identificala coma o lugar da Torre de Breogán", o mesmo lugar que homenaxearon Pardo Bazán ou Fernández Flórez. 

Sobre o Campo da Leña, a guía destaca que é un lugar onde Manuel Rivas, veciño da zona, ambienta Os libros arden mal. Ademais, tamén hai tempo para o antigo cárcere provincial, onde "conviviron presos comúns e políticos como Xosé Luís Méndez Ferrín, que tamén pasou pola cadea cántabra de El Dueso onde comezou a escribir Retorno a Tagen Ata (1971)". "Esta obra, fundamental na nova narrativa galega, rematouna na súa celda da Coruña", lembra. 

Mapa da guía literaria da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.