Oliver Laxe convive cos brigadistas para preparar o seu novo filme sobre os incendios en Galicia

Un bombeiro nun incendio forestal © Miramemira

Hai sete anos, o cineasta Oliver Laxe conseguiu un fito para o cinema galego: un premio no festival de Cannes. Fora coa súa opera prima, Todos vós sodes capitáns. En 2016 repetiu ao volver gañar en Cannes, mais coa súa segunda longametraxe, Mimosas. Daquela, o director e guionista nado en París e criado na Coruña avanzara novos proxectos, como un filme sobre os incendios en Galicia. Aínda en proceso de documentación, o cineasta está a acompañar as brigadas ade bombeiros da provincia de Ourense para "coñecer de primeira man os incendios forestais, as súas causas e o proceso de extinción"

Laxe e o seu equipo pasarán quince días con brigadistas antiincendios de Ourense para "coñecer de primeira man" o luem, as causas e a extinción

Laxe e o seu equipo pasarán quince días cos traballadores do Distrito XII Miño - A Arnoia, tal e como informa a súa produtora, e rodará en 16 mm imaxes a pé dos incendios que "servirán como material de referencia" e que poderían formar parte da montaxe final do filme, que incluirá unha parte documental que mostrará lume forestal real e que conta a historia dun pirómano que vive nas montañas dos Ancares

A longametraxe, Aquilo que arde, será a terceira película do cineasta galego e a primeira rodada en Galicia. A rodaxe oficial do filme levarase a cabo nos primeiros meses do vindeiro ano 2018 e dividirase en tres fases, xa que Oliver Laxe "busca retratar a paisaxe galega nas diferetnes estacións e que os estados da natureza se reflican nas imaxes".

'Aquilo que arde', o terceiro filme do cineasta, gravarase en 2018 e conta a historia dun pirómano que vive nas montañas dos Ancares

Xa a principios deste 2017, Oliver Laxe organizou un cásting en Navia de Suarna para atopar actores e actrices non profesionais para interpretar os papeis principais do filme:  un pirómano que acaba de saír da cadea e a súa nai. "Quero capturar o misterio de Galicia", dixera daquela. 

Aquilo que arde é unha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universitat Pompeu Fabra e conta co apoio económico de Agadic, TVG e a Deputación de Lugo a través da Fundación TIC. Ademais, segundo a produtora, o achegamento aos incendios foi posible grazas á colaboración da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e dos responsables do Servizo de Prevencióne Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) de Ourense, do Distrito XII e do Grupo Tragsa. 

Oliver Laxe, no Cineuropa © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.